“A música é popular por natureza e podemos convertela en populista”

Nacho Vegas © Juan Pérez Fajardo

Nacho Vegas actúa este venres na Coruña (Centro Ágora, 21 horas) e o sábado en Compostela (Sala Capitol, 22 horas), dentro da xira na que presenta o seu traballo máis recente, Canciones Populistas, un EP de cinco cancións no que incide, entre versións de Phil Ochs ("Ámenme, soy un liberal") e relatos sobre a homofobia no mundo da minería ("L'afoguin"), nas temáticas sociais e políticas que xa marcaron Cómo hacer Crac (2011) e Resituación (2014) ou as súas colaboracións no proxecto da Fundación Robo (2011-2013). 

Siempre hay dos bandos y ahora tienes que escoger escribía Nacho Vegas en 2011, nunha das cancións de Cómo hacer Crac. Unha onomatopea como símbolo dun proceso interior que se produciu no interior de moitos e moitas: En la calle se hace un gran silencio, pero si escuchas bien oirás un crac, en toda España solo suena un crac. E dese son a outros: El miedo ha dejado de ser la actitud, suena en cada cabeza un hermoso runrún: Nos quieren en soledad, nos tendrán en común, como escribiu en 2014 nun dos temas de Resituación.

Un compromiso político explícito -sobre todo co problema da vivenda e o drama dos desafiuzamentos- tanto nas letras coma nalgúns posicionamentos e actos públicos, que se mantén na presente xira. O pasado 21 de xaneiro, a apertura do concerto que Nacho Vegas ofreceu en Barcelona virou nunha acción en favor da PAH e das súas 5 demandas urxentes, todo nun Festival del Mil·lenni patrocinado polo Banco Sabadell, convertido en branco das críticas.

A Resituación de Nacho Vegas fala dun proceso colectivo pero tamén persoal. Das cancións intimistas, líricas, cheas de personaxes malditos, de heroes escuros e cun pé no abismo dos seus primeiros discos, pasou a temas que en ocasións piden a berros ser cantadas en grupo (como de feito fai o espléndido Coru Internacional Matriarcal Antifascista Al Altu La Lleva que o acompaña nos concertos). As letras énchense de nomes de lugares (Y hay fantasmas recorriendo Europa entera, van desde Berlín a Pola Lena), nunha recuperación do espazo, das rúas e prazas (y exigir que nos devuelvan la ciudad), do concreto onde golpea a crise e onde nace tamén a resistencia. Unha reflexión que o propio Nacho facía sobre a presenza protagonista dos lugares do álbum de debut de León Benavente (banda que como uns auténticos Bad Seeds visten as cancións nesta xira).  

Tamén de nomes de persoas que xa non son Nacho (La cara sonriente del desgracia’o que permitió que echaran de su casa a Conchita y a Ladislao), nunha especie de viaxe cara a fóra, cara aos demais.  Un saír de un mesmo para atoparse cos teus e as túas iguais, moi na senda quincemaísta (o no te busques en el espejo, en un extinto diálogo en que no te oyes. Baja, baja despacio y búscate entre los otros que escribira Aleixandre).

Seguen aí as cancións de amor, os retratos de personaxes ao fío da navalla, as cidades que non nos queren. Pero adoptan unha posición secundaria: Si el amor me da un beso y yo me pongo a temblar. ¿Que importancia tiene todo eso mientras haya un desahucio más? En calquera caso, o propio Nacho Vegas resta importancia ao peso político das súas cancións máis recentes ou á mutación experimentada. "A música fala do lugar no que nace e do contexto social de quen a crea. Todo ten unha dimensión social e política", destaca nesta entrevista.

"Hai un interese de moitos sectores de utilizar esta polémica para atacar a Ahora Madrid, no marco dunha guerra cultural de baixa estofa, que xa vimos co asunto dos Reis Magos"

Que valoración fas da detención, esta semana dos dous titiriteiros en Madrid?

É lamentable que estas dúas persoas estivesen ata este mércores en prisión, decretando o xuíz prisión provisional. É incrible que haxa xente que vaia ao cárcere por dicir algo que pode ser incómodo ou pode non gustar. Deberiamos preguntarnos ademais por que existe a Audiencia Nacional e traballar para suprimila, para que estas cousas non volvan suceder. Por outra banda, hai un tema de fondo, do que non se está falando tanto, que é o interese de moitos sectores de utilizar esta polémica para atacar a Ahora Madrid, no marco dunha guerra cultural de baixa estofa, que xa vimos co asunto dos Reis Magos. Debemos analizar tamén cal é o papel que están a xogar en toda esta guerra determinados medios de comunicación, mesmo algún que ata agora considerabamos un diario serio, como El País.

Os títeres, coma a música popular, serviron historicamente como un instrumento de crítica social...

Si, os títeres teñen un poder que tamén teñen as cancións e a música popular. Son linguaxes nos que se poden expresar cousas que quizais non se poderían expresar por outros medios.

"Convertemos a música simplemente nun obxecto destinado ao mercado, un elemento de distinción e non un elemento de empatía e de unión, que era o que caracterizaba á música popular"

Dende hai anos vivimos un tempo en España de gran politización, de crecemento de alternativas que xa conseguiron acadar o poder en moitas cidades, que aspiran a chegar ao Goberno do Estado e que mesmo son quen de establecer unha loita polos significados, polas lectura que se fan do presente e do pasado. A música e a cultura xogan tamén un papel importante nesta loita polos significados? 

Na política estamos moi afeitos a que os termos se adecúen ao que máis convén a cada un e de que certas ideoloxías cambien o significado de certas palabras. Vemos como a dereita se apropiou da liberdade e dos seus derivados, fan bandeira dela, cando en realidade o único que defenden é a liberdade de mercado. E co termo populismo pasa algo parecido; apetecíame reivindicalo porque creo que é un termo moi bonito e dáme moita rabia que se utilice soamente de forma despectiva, para demonizar todo discurso alternativo ao oficial. A música que facemos é popular por natureza e creo que podemos, con vontade política, convertela en populista, que eu entendo como o oposto ao elitismo. O pop e o rock están desde hai uns anos determinados polo mercado, cando a música popular antes era algo que se transmitía de xeración en xeración, polo boca a boca, sen mediar ningún tipo de relación comercial. Agora estamos moi afeitos a deixalo todo en mans do mercado e, como noutros campos, convertemos a música simplemente nun obxecto destinado ao mercado, en algo polo que a xente paga, un elemento de distinción e non un elemento de empatía e de unión, que era o que caracterizaba á música popular.

"A dimensión social e política da música está nas letras das cancións, pero está tamén en pór as entradas dun concerto a 80 euros. Iso é tamén un acto político"

No teu caso, apréciase un compromiso político e social máis explícito nos últimos cinco anos. No contexto actual cres que un músico, un artista, ten unha responsabilidade social que debe reflectir na súa obra ou na súa actividade pública?

Cando as cancións falan da realidade tes que tomar partido sempre, e non fai falta que teñan un contido social ou político máis explícito. As cancións non son soamente fotografías neutras, nelas tes que tomar partido, tomar riscos, falar dun tema desde unha mirada que é a túa e que tentas proxectar cara a quen te escoita. Despois hai outro tema: a dimensión social e política da música está nas letras das cancións, pero está tamén en pór as entradas dun concerto a 80 euros. Iso é tamén un acto político, que reserva a túa música a unha determinada clase, a quen ten un determinado poder adquisitivo para poder facer fronte a ese prezo. Todo ten unha dimensión social e política, desde un disco de Kortatu a un de Locomía. Uns falan da realidade de Euskadi nos oitenta e os outros da xentrificación en Eivissa nos noventa. A música fala do lugar no que nace e do contexto social de quen a crea.

Nese sentido, entendo que mesmo nas túas canción máis intimistas, por agrupalas baixo unha etiqueta, hai que ter en conta o contexto nas que foron realizadas, o Xixón no que creciches, a reconversión, o desemprego...?

Si, totalmente. As cancións máis intimistas están tamén marcadas polo ambiente no que foron creadas. Por exemplo, á hora de escribir unha canción de amor romántico, non é o mesmo un contexto no que os membros dunha parella teñen un traballo estable a un contexto no que non o teñen, no que están en paro.

"Vivimos nun sistema social moi férreo que nos privilexia aos homes en detrimento das mulleres, tamén na música. Os programadores son homes, os directores de festivais son homes, as discográficas están copadas por homes"

Se ao indie en España sempre se lle criticou unha ausencia de posicionamento político, tamén se lle pode cuestionar a limitada presenza de mulleres como solistas ou líderes de bandas. Abonda con ver un cartel dun festival coma o Primavera Sound ou calquera gran cita. Cal é o obstáculo? Como se reverte?

O obstáculo está claro, o obstáculo é o patriarcado. Vivimos nun sistema social moi férreo que nos privilexia aos homes en detrimento das mulleres, tamén na música. Os programadores son homes, os directores de festivais son homes, as discográficas están copadas por homes. As decisións son tomadas por homes, mentres que as mulleres se encargan de funcións de relacións públicas. Todo forma parte dun sistema que é necesario reverter, e isto debe facerse de dúas maneiras: por unha banda, como xa está a ocorrer, as mulleres deben esixir os seus dereitos e o seu papel con toda a forza, e polo outro, os homes temos a responsabilidade de renunciar aos privilexios dos que gozamos, algúns máis evidentes e outros dos que non sempre nos damos conta.

Hai machismos e micromachismos no mundo da música?

Si, por suposto. Cando publiquei o disco conxunto con Christina Rosenvinge deime conta de moitas cousas nas que non reparara, pequenas cousas que aos homes non nos pasan e que si sofren as mulleres artistas. Pasaba por exemplo que a ela en moitas entrevistas lle preguntaban se escribía ela mesma as cancións ou llas escribían, algo que a min nunca me preguntaron.

"Estamos moi afeitos a concertos patrocinados por marcas de cervexa ou, peor, por entidades bancarias"

Como valoras a importancia dos circuítos alternativos -pequenas salas, espazos autoxestionados- que alentan as escenas locais e que complementan os espazos e programacións máis comerciais?

Hai un circuíto moi importante de salas autoxestionadas. Aquí en Ovieu está a Lata de Zinc, que fai un labor moi importante, igual que alí en Coruña a Casa Tomada, que creo que agora cambiou de nome [Nave 1839]. Estamos moi afeitos a concertos patrocinados por marcas de cervexa ou, peor, por entidades bancarias. Un e outro mundo son moi distintos, son circuítos completamente desvinculados un do outro. E creo que podería haber un certo punto intermedio, a través da iniciativa pública. Por exemplo gustoume moito a decisión do Concello da Coruña, programando concertos en sitios públicos, permitindo que as entradas sexan máis baratas [10 euros, fronte aos 18 de Compostela]. É unha boa forma de escapar deses concertos nos que as entradas custan 20 euros e que están presididos por un logotipo enorme, unha boa forma tamén de crear un circuíto alternativo, que contrarreste a atomización social e cultural que vivimos nas últimas décadas.

 

Capa do EP 'Canciones Populistas' Dominio Público Marxophone
Nacho Vegas © Juan Pérez Fajardo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.