“A pretensión deste cómic é devolver a Castelao ao mundo dos humanos”

Cuberta de O pobre tolo Dominio Público Praza Pública

Inacio e Iván Suárez veñen de presentar en Santiago O pobre tolo, ábum no que se retrata o intelectual  dun xeito máis “humano” durante o seu desterro en Badaxoz. A obra é a primeira que ve a luz en forma de libro dunha serie , na que se inclúe tamén Titoán, obra sobre a mocidade do autor de Sempre en Galiza galardoada co Premio Castelao de Deputación da Coruña en 2011 e aínda inédita para o gran pública ao estar “medio secuestrada”.

“Desmitificar a Castelao, devolvelo ao mundo dos humanos”. Así resumen Inacio Vilariño e Iván Suárez o sentido da súa aventura de banda deseñada ao redor do intelectual galego. Os dous veñen de presentar en Compostela o seu álbum O pobre tolo, coeditado por Demo e Libraría Kómic, no que retratan o autor de Sempre en Galiza durante o seu desterro en Badaxoz. É a primeira entrega publicada dun proxecto máis amplo que inclúe un retrato vital de Castelao dividido en oito ábums. “A idea é realizar oito entregas diferentes. Catro centraríanse na súa vida antes da Guerra Civil e os outros catro, despois da contenda”, explica o guionista Inacio, quen tamén aclara que a intención inmediata é realizar “os catro primeiros” volumes. Despois, pouco a pouco.

Dous deles xa viron a luz, aínda que só hai un publicado. O que debería ser o primeiro libro publicado é Titoán, obra coa que gañaron o Premio de Banda Deseñada da Deputación da Coruña en 2011. Non obstante, ese álbum non chegou aínda ás librarías, xa que a Deputación debe abrir un concurso público para dilucidar que editorial se fai cos dereitos. Iso, polo momento, non aconteceu. Inacio recoñece que esa primeira obra, por circunstancias e polo momento, converteuse nunha obra “medio secuestrada”.

Titoán “céntrase na vida de Castelao entre os 18 e os 28 anos. Contén unha dimensión moi biográfica que nos retrata a traxectoria do Castelao mozo”

Por ese secuestro, O pobre tolo convértese no primeiro libro publicado desta serie, mais nunha estrutura lineal e histórica, este volume sería realmente o cuarto da saga. O primeiro deles sería Titoán. “Céntrase na vida de Castelao entre os 18 e os 28 anos. Contén unha dimensión moi biográfica que nos retrata a traxectoria do Castelao mozo”, explica Inacio. Entre o Titoán e O pobre tolo habería dous volumes intermedios nos que xa están a traballar tanto o guionista como o debuxante. Un deles, que podería titularse Do meu diario, xiraría ao redor da viaxe de Castelao a París e a súa vida en Pontevedra en 1921. O outro centraríase en As cruces de pedra, traballo que desenvolvería para o Seminario de Estudos Galegos. Este episodio concluiría co ingreso do autor de Cousas na Real Academia Galega, en 1933.

En 1934 iníciase o seu desterro a Badaxoz. É nese punto no que se centra O pobre tolo, título que fai referencia a obra de Teixeira de Pascoaes. “Leu ese libro naquel tempo de desterro. Iso é un dato real"

Un ano despois de ser escollido membro de número da Academia, iníciase o seu desterro a Badaxoz. É nese punto no que se centra O pobre tolo, título que fai referencia a obra de Teixeira de Pascoaes. “Leu ese libro naquel tempo de desterro. Iso é un dato real. Sabendo que a lera e coa relación que tiña ese libro coa saudade, coa morriña, parecía que era un título axeitado”, explica Inacio, quen tamén lembra as aventuras dos exemplares da obra que manexou o intelectual galego.

“Perdera o seu exemplar e aproveitou unha viaxe a Lisboa para adquirir outro. Eu preocupeime por saber que fora dese exemplar perdido e descubrín que non estaba na súa biblioteca, que acabou requisada. Entón busqueina, nas biblioteca dos amigos, na de Otero Pedrayo, por exemplo. E non estaba alí. Había un O pobre tolo, pero era o de Antonio Noriega Varela, que non sei por que estaba ali. Esta historia permitiunos darlle un final a ese exemplar extraviado”, sinala.

 

Debuxar a Castelao

Inacio foi o impulsor deste proxecto, o “liante” que convenceu a Iván Suárez de poñerse diante da folla en branco e comezar a debuxar unha icona tan recoñecible como é Castelao no imaxinario colectivo. Nese sentido, o debuxante tratou de fuxir do evidente e tamén do recargado. Buscou o trazo fino, a sinxeleza no lapis. “A idea era representalo de forma sinxela para crear unha personaxe próxima. A miña maneira de debuxar é moito máis persoal, máis escura, máis de atmosferas, máis pictórica. Neste caso, eu adapteime para contar a historia de modo máis claro. Tiven que renunciar a moitos tics e a moitas formas de traballar que adquirín ao longo dos anos”, explica Iván Suárez.

Esa forma de debuxar sinxela ten como obxectivo crear unha personaxe máis “próxima” e ofrecer unha visión de Castelao diferente, afastada dos altares, “desmitificada”. “Buscábamos unha perspectiva máis humana, reflectir un personaxe máis próximo e que fora máis alá dun abnegado defensor da causa de Galicia. A pretensión é esa: desmitificar a Castelao, centrarnos máis no home. Devolvelo, en certo xeito, ao mundo dos humanos”, explica Inacio Vilariño que, nese afán humanizador, empregou como documentación para este O pobre tolo a correspondencia de Castelao con persoeiros como Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade, Xocas ou Bóveda e tamén o Adro de Sempre en Galiza.

Esa forma de debuxar sinxela ten como obxectivo crear unha personaxe máis “próxima” e ofrecer unha visión de Castelao diferente, afastada dos altares

Esa visión máis humana está presente en O pobre tolo como tamén no Titoán e será unha  constante ao longo dos diferentes volumes que vaian publicando. Quizais, na quinta entrega -que xa teñen no maxín- esa humanización sexa máis latente. “Empregaremos unha entrevista real que lle fixeron xa na Guerra Civil en Barcelona, nunha revista de papel cuché de contidos máis lixeiros. Ese é un dato real que nos serve para botar a vista atrás e retratar a súa infancia”, adianta o propio Inacio.

Cuberta de O pobre tolo Dominio Público Praza Pública
O pobre tolo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.