“A tipoloxía da emigración mudou tanto que o discurso paternalista/maternalista xa non vale”

Xavier Queipo Dominio Público Praza Pública

A piques de cumprir 55 anos, Xavier Queipo quixo facer balance da súa vida. Non tiña unha gran casa na que limpar os armarios e sacar as sabas a clareo, así que decidiu fedellar no arquivo do ordenador portátil. Abrir carpetas e airear textos que foran quedando por distintos recunchos. O resultado foi o libro de relatos 55, (Xerais), unha sorte de “inventario de posibilidades, pasadas e futuras, do que fixen e do que vou facer”, segundo el mesmo o define. Pouco despois da súa publicación, chegou unha moi boa nova. O premio do Ministerio á mellor tradución do 2014 pola versión en galego do Ulises, que realizou con María Alonso Seisdedos, Eva Almazán e Antón Vialle.

Sacas un libro ao cumprir 55 anos e pouco despois chega o premio do Ministerio á mellor tradución polo Ulises. Satisfeito co balance que podes facer ata agora da túa propia traxectoria como autor?

Ás veces non resulta doado adxectivar o estado de ánimo. Podo dicir que teño sentimentos encontrados, que como vectores turran en varias direccións a un tempo, con forzas antagónicas. Por unha banda sinto, dalgún xeito, que o premio é individualmente inmerecido e colectivamente xusto, como cómpre a un traballo que xa foi recoñecido a como “ben feito”. Por outra banda, a ledicia vése amolecida pola distancia da terra, polo afastamento dos agarimos, pola frialdade do mundo no que vivo. O balance da carreira é satisfactorio, por descontado, pois sinto que vou gañando de a pouco a pouco o respecto dos colegas e dos medios, do público en xeral e dos académicos.

Dis en 55 que quixeches amosar o teu lugar neste mundo, un ecosistema de múltiples variables. Se falamos de ecosistema literario, poderían ser variables como a viaxe, a natureza, a identidade, a outredade, a crítica ao poder.... Que outros ingredientes engadirías, desa cosmogonía en construción que é a túa obra?

Moitos dos meus libros anteriores pasaran desapercibidos agás para unha minoría de letores fieis, pois dende Ártico, até que recibín o Xerais con Extramunde, pasaron case tres lustros nos que fun traballando devagar mais sen ter un lugar propio no sistema. Enténdoo tanto polo afastamento físico -a non presenza- como por ese gusto meu en ofrecer produtos diferenciados -esa procura constante pola innovación-. Esas dúas caraterísticas non axudan precisamente ao recoñecemento do público, que tantas veces procura na repetición dos modelos ou dos estilos unha zona de conforto. Eu adoito explorar camiños propios, abrindo trochas nunha selva inventada e iso resulta moi satisfactorio a nivel persoal. Coido en pensar que vou seguir nesa línea.

Non sei a onde me van levar as próximas exploracións, se cadra a un tipo de novela máis psicolóxica, a persistir na poesía non lírica -unha das marcas da casa-, a un regreso cada vez máis ás distancias curtas... e todo isto adobiado con algunhas innovacións formais que estou experimentando e que non sei se darán resultados ou non, pois están en fase de experimentación, como a estructura fractal ou a experimentación coa álxebra de Boole. Do mesmo xeito que a curiosidade non ten límite, as posibilidades desa cosmogonía tampouco. Eu tento traballar con honestidade e teño a sorte de ter vivido situacións e experiencias que configuran un universo en expansión.

"55 foi, dalgún xeito, unha especie de inventario de posibilidades, pasadas e futuras, do que fixen e do que vou facer"

55 foi, dalgún xeito, unha especie de inventario de posibilidades, pasadas e futuras, do que fixen e do que vou facer. Como libro é herdeiro de Ártico, de Ringside, de Os ciclos do bambú, de O ladrón de esperma, e desa triloxía case esquecida que constituíron Contornos, Mundiños e Manual de Instruccións, onde experimentei unha prosa a medio camiño entre a ciencia divulgativa e a fantasía fabuladora.

Nun dos textos de 55 comentas que facerse maior é ser consciente dos propios límites. Fíxoche pensar niso o repaso do arquivo do ordenador para seleccionar os textos para o libro? Por que?

Hai tempo escribín un pequeno ensaio sobre “o tamaño da ignorancia”, e como a consciencia da propia ignorancia é o auténtico síntoma que permite medir “o tamaño da sabedoría”. Coñecer os propios límites non é sinxelo, pois adoitamos vivir anestesiados polo propio “ego”, mais para iso están os amigos e os compañeiros de vida, para axudarnos a non gastar enerxías naquilo que non as merece.

"Coñecer os propios límites non é sinxelo, pois adoitamos vivir anestesiados polo propio “ego”, mais para iso están os amigos e os compañeiros de vida, para axudarnos a non gastar enerxías naquilo que non as merece"

A selección de textos para o libro tivo unha motivación múltiple. En primeiro lugar amosar a diversidade das distintas vías de traballo experimentadas, mais tamén rescatar textos agochados en publicacións inencontrábeis e aportar a frescura das últimas producións da factoría. Sinto que aínda me quedan por explorar moitas hipóteses de traballo e nesa confianza vivo. Quixen facer un alto e reflexionar. Só iso.

Algúns dos textos poderían ser anacos de novelas túas. Mais o libro, dalgunha maneira, tamén reivindica o relato, o texto narrativo curto, e non como un irmán pequeno da novela. Era parte da intención? Por que?

O relato non é o irmán pequeno da novela, nin moito menos, senón un tipo de aproximación diferente ao texto literario. Se pensamos na teoría de conxuntos, un conxunto  pódese definir por extensión (novela, ensaio, peza dramática...) ou por comprensión (relato, poema, crónica, apunte...). As dúas formas de definir un conxunto son válidas. Nefeuto os textos máis curtos coido que están mellor adaptados ao tipo de vida que levamos nesta sociedade occidental, onde o tempo reservado para a lectura é, con forza, non tanto limitado como “encapsulado”. É como se leramos nos “intersticios” que a actividade cotiá nos deixa libres. Para eses “intersticios” o texto curto, ao meu parecer, adáptase mellor.

Do mundo enteiro agrupa textos relacionados con outros mundos, mentres que en Da terra coñecida aparecen máis Galicia ou Bruxelas. Aínda que, moitas veces, fan pensar no mesmo: identidades cambiantes, soidade, celebración da diversidade, a falta de liberdade e a súa procura... Por que?

A separación de escenarios non indica necesariamente esquizofrenia no comportamento. Hai no afastamento das raíces un confronto distinto coa contorna, cando menos nas primeiras fases do contacto. Hoxe, pasados case cinco lustros en Bruxelas, tamén teño raíces nesta cidade, síntoa tamén como terra propia, e iso fixo que a xuntara a Galiza no capítulo “da terra coñecida”.

"Hai no afastamento das raíces un confronto distinto coa contorna, cando menos nas primeiras fases do contacto"

Os meus ancestros, sen sabelo, déronme como herdanza dúas ferramentas que moito me ían servir na vida: raíces e ás. Raíces para entender o próximo e ter un lugar no mundo como referente e ás, para saír polo mundo adiante a gañar o sustento dos meus, mais tendo sempre un ollo posto en Galiza, que é onde as raíces están. É coma se fose unha planta rubideira ou reptante, tipo hedra ou buganvílea, que sen deixar o contacto coa terra voa por riba das árbores máis outas ou dos valados que contornan a casa.

Raíces e ás, para sentirse galego e cidadán de onde se habita, para amar os dous países, non esquecendo nin de onde é que vimos, nin quen é o que, en definitiva, nos dá de comer. Outros terán e amarán sen dúbida a sorte que lles tocou de seres sedentarios, e non serei eu quen os envexe ou os deixe de envexar, mais eu recibín como herdanza esas dúas armas e non me podo queixar.

Di un dos textos que non hai escritores realistas, porque sempre están a modificar a realidade. Neste sentido, a túa escrita foi evolucionando e no libro nótase esa diferencia dos xeitos de escribir de distintas épocas. Pódese falar de evolución, ou sempre se está a mudar de estilo, forma...?

Agrádame que descubriras mutacións e tendencias diversas ao longo de 55. Así e todo, eu coido en pensar que o meu xeito de escribir non sufriu unha evolución lineal, a xeito dunha ascensión nunha grade onde un vai subindo chanzo a chanzo. Hai sempre un ruído de fondo, como o roncón da gaita, que é propio, logo un experimenta máis variacións ou debuxos diferentes co punteiro, mais o son de fondo está aí dende o inicio.

"A realidade existe, con certeza, mais a percepción da realidade muda dunha persoa a outra, modifícase co punto de vista, desaparece -xa non é- en canto se pasa do presente ao pasado"

A realidade existe, con certeza, mais a percepción da realidade muda dunha persoa a outra, modifícase co punto de vista, desaparece -xa non é- en canto se pasa do presente ao pasado. Cando un escribe é sempre sobre ideas que xa pasaron polos circuítos neuronais, que xa obrigaron as vesículas de acetilcolina ou serotonina a liberar o seu conteúdo na sinapse que precede a outra sinapse, xa se liberou o calcio que permite a transmisión eléctrica. Daquela cando a idea se materializa no papel/na pantalla  xa é pasado e porén xa non existe, xa non é real. Cando un escribe escribe unha parte menor do que está acontecendo, cando describe unha rúa e a xente que pasa por ela non pode describir todas e cada unha das sensacións que experimentan todos e cada un dos seres vivos que estúan nesa rúa e por tanto describe só un punto de vista e un punto de vista non é a realidade. Ademais o que acontece está sempre pasado pola peneira do consciente e a consciencia de un non é equiparable á concienca do outro, ou sexa que o que se ofrece como “realista” non é senón un tímido reflexo dunha percepción parcial da realidade.

"Galiza é un país relativamente pequeno e sempre hai “o que sabe máis de”, sexa ese “de” o mexillón, as crebas, o románico, a gaita, a química orgánica, a pesca con butrón, a literatura potencial ou o que sexa"

Na seccións de Instrucións, entre os consellos para sacar a “a leira da cabeza” está “non permitir que ninguén se apropie da cultura ou se converta en referente”. Por que?

Galiza é un país relativamente pequeno e sempre hai “o que sabe máis de”, sexa ese “de” o mexillón, as crebas, o románico, a gaita, a química orgánica, a pesca con butrón, a literatura potencial ou o que sexa. Sempre hai un referente, un “sabio” de garda en cada especialidade, que ademais se cabrea se non se conta con el/ela para tal ou cal iniciativa. Non pode haber unha antoloxía poética sen X ou unha exposición de fotografía sen Y, non se pode falar de física de partículas sen contar con Z ou de teoloxía recreativa sen nomear a W. Están os cargos vitalicios, as poltronas requecidas pola presenza demorada,... e gardiáns dos selos da pureza étnica,... de seguro que xa se me entende...

Tamén falas nese texto da emigración "non como condena histórica", como unha especie de destino dun pobo. Por que cres que hai que mudar os discursos sobre a emigración galega?

Hai xa uns anos escribín na revista Galegos un pequeno ensaio sobre a “(h)emigración”, con “h” para significar “hemi” de metade, para adxectivala como medio-emigración. Hoxe os emigrados/trasterrados podemos ler os xornais do noso país, falar por skype cos quen nos pete a centos de quilómetros de distancia, participar en debates por videoconferencia ou seguir cunha cámara o que está acontecendo nas rúas de Compostela. Nada que ver coa emigración transoceánica da que se regresaba ou non, onde a única comunicación era a chegada demorada de correo, ou coa emigración “europea” do século pasado, onde se había cartos se facía unha visita anual ao país para mostrar o ben que lles ía no estranxeiro.

A tipoloxía da emigración mudou tanto que o discurso paternalista/maternalista xa non vale. Un sae do país, agás contadas excepcións, por necesidade -sexa esta económica ou social-, mais o sufrimento, o afastamento e as condicións  de semi-escravitude non son as mesmas. A emigración masiva, que tantas veces sufriu a nosa terra, débese a unha mala xestión dos recursos polas clases dominantes -fame e desemprego como caras da mesma moeda, a da explotación-. Está claro que se Inditex quixera non tiña que emigrar ninguén,..

"Un sae do país, agás contadas excepcións, por necesidade -sexa esta económica ou social-, mais o sufrimento, o afastamento e as condicións  de semi-escravitude non son as mesmas"

Na sección de entomoloxía recreativa falas dunha filosofía persoal definida polo gusto pola escrita, o respecto polas opcións sexuais (e pola diferencia, en xeral, supoño), e preocupación ecolóxica. É a túa filosofía? Definiríala así?

Pregunta complexa de respostar, pois a miña filosofía muda consonte avanza a miña vida. Esas dúas características que apunta son dous piares desa filosofía, a creatividade e o respecto pola diferenza, polo punto de vista do outro. Hai, supoño, outras características como a necesidade crecente do “detachment”, o gusto pola exploración, a curiosidade permanente. Non sei, supoño que nos meus escritos se reflicte esa filosofía propia, que ten algo de marxismo peneirado pola realidade, de taoísmo filtrado pola ficción, de budismo simplificado, de xudeo-cristianismo herdado... Unha amalgama.

Volvendo ao premio de tradución, como foi o proceso de traballo a tantas mans -e cabezas?

Non hai moitos segredos, simplemente respecto e perseverancia. Unha tarefa dese calado requiría cualidades que ningún de nós atesouraba ao completo, mais que por xunto si tiñamos, por iso tan fácil escoitar, aceptar, discutir, decidir.

O xurado valorou o feito de terdes "resolto brillantemente o desafío e complexidade que supón a ampla combinación de rexistros, xogos de palabras ou alteracións presentes no orixinal". Foron esas as maiores dificultades?

A maior dificultade foi agochar os egos, confrontar a pantasma da disputa, facer agromar a capacidade de traballar en equipo, ter a ousadía de discrepar, ter a conciencia de que só na aceptación das cualidades de cada un de nós residía o segredo do éxito. Nada do outro mundo...

Dicías nas redes sociais que o premio serve para que máis xente lea o libro. Cres que axudará a mudar algo a concepción sobre a relevancia da tradución ao galego dos clásicos?

Lembro que facía unha referencia explicita a que logo do premio se cadra algunha xente se decidía a lelo, pois tiña a marca da excelencia. Debería acontecer así, mais logo pasará o que cada lector potencial decida.

"Eu sinto non ter coñecemento de mercadotecnia para ter a solución ao problema de “como vender máis libros”. Supoño que as editoriais si teñen expertos no tema, mais coido que seguen fórmulas usadas"

Noutra entrevista dixeches que o mercado do libro galego se move polo inmediatismo. A que te referías? Como cres que podería abrirse ese mercado?

Referíame a esa tendencia a que se vendan tan só as novidades, que non haxa reedicións -agás en casos moi puntuais-, que logo de seis meses os libros queden no esquecemento, que non haxa unha capacidade exploradora na meirande parte dos lectores... que existan poucas librarías con fondo editorial... Eu sinto non ter coñecemento de mercadotecnia para ter a solución ao problema de “como vender máis libros”. Supoño que as editoriais si teñen expertos no tema, mais coido que seguen fórmulas usadas, sen moita renovación nas estratexias. Quero crer que o intentan mais loitan contra muíños de vento.

Capa do libro © Xerais
María Alonso, Eva Almazán e Xavier Queipo, tres dos tradutores do Ulises © Vila Barros
Xavier Queipo © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.