“A xestión da danza por parte das institucións públicas está a ser nefasta”

Rut Balbís e Pisando Ovos © Danesga

Profesionais que conseguiran voltar a Galicia tiveron que emigrar outra vez. Compañías que aínda non cobraron o que Agadic lles debe do 2011 sobreviven coas súas actuacións internacionais. Outras reducen -máis aínda- os formatos das súas pezas para acceder máis facilmente a circuítos de distribución non convencionais. E todos comparten unha mesma sensación de descontento e preocupación. Así pode resumirse a situación da danza en Galicia. Un sector xa de por si feble capea como pode unha crise que pon a proba, máis ca nunca, a súa capacidade de adaptación e resistencia.

“Non estamos gobernados por xente competente: nin o conselleiro nin Fasero. A min dáme vergoña o que está a pasar. Levamos ata oito meses agardando a que nos paguen o que deben. A xestión por parte das institucións públicas está a ser nefasta”

“Non estamos gobernados por xente competente: nin o conselleiro nin Fasero. A min dáme vergoña o que está a pasar. Levamos ata oito meses agardando a que nos paguen o que deben. A xestión por parte das institucións públicas está a ser nefasta”. Así de crítica se mostra Caterina Varela, de La Macana, unha das compañías que están a conseguir manterse polo seu traballo fóra de Galicia e do Estado. A presidenta do colectivo dos profesionais da danza de Galicia Danesga, Nuria Sotelo, amósase máis cautelosa no seu diagnóstico á espera de reunir máis datos, pero transmite tamén coas súas palabras o elevado nivel de insatisfacción do sector. 

"O noso é un camiño que leva moito tempo construír. Somos un sector moi artesanal. E estamos tirando para adiante con colaboracións, coproducións..."

“Hai concellos aos que non lles interesa programar danza. Pero eu non creo que nisto vaiamos a peor. O noso é un camiño que leva moito tempo construír. Somos un sector moi artesanal. E estamos tirando para adiante con colaboracións, coproducións... O problema é que cada vez hai menos espazos: primeiro pechou a Galán, agora a Nasa... Queda o teatro Ensalle. O Centro Coreográfico Galego tivo un labor moi importante, non só polas producións e coproducións. Tamén fixo moito por exportar os produtos galegos. Deulle un impulso importante á experimentación nas artes do movemento. Pero agora a liña de traballo é outra: propostas menos arriscadas. Nós só pedimos transparencia a boa xestión, e apoio aos creadores galegos que apostan polas novas tendencias. O novo edificio do Centro Coreográfico é un proxecto que xa damos por perdido...”, indica Sotelo.

"Os desacordos de Danesga coa xestión do director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, xa veñen de atrás"

Os desacordos de Danesga coa xestión do director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, xa veñen de atrás. Polo día internacional da danza do 2010, o colectivo difundía un manifesto cuxo contido reflicte practicamente as mesmas reivindicacións que as actuais. O responsable da axencia das industrias culturais defendíase asegurando que non ían potenciar “só a danza contemporánea”. Na temporada 2008-2009, o Centro Coreográfico Galego acolleu dúas coproducións, e e na 2007-2008 tres. Para o 2011-2012 anunciouse nada máis ca unha, ‘Gharbo', de Contra2. En canto ás producións, foi xa nos últimos anos só unha. Na actual temporada a obra escollida é o ballet ‘O Quebranoces’, no que participarán alumnos de conservatorios e escolas de danza.

Fomentar a colaboración coas escolas e “a danza, en xeral, e non só a contemporánea. Potenciar o que teña calidade” son dous dos obxectivos principais da directora do CCG, Mercedes Suárez. “Reducíronnos o orzamento nun 80 por cento, polo que non podemos ter tanta actividade como había antes. De feito, as coproducións xa non supoñen unha achega de cartos, senón de recursos técnicos, do espazo, dos músicos... De residencias algo teremos tamén, pois virán bailaríns de Valencia. A min gustaríame, ademais, que puidésemos formar unha compañía pública de danza, o cal non significaría que traballasen os mesmos bailaríns en todas as producións, senón que se farían audicións para asinar contratos máis ou menos prolongados”, sinalou.

"A min gustaríame, ademais, que puidésemos formar unha compañía pública de danza, o cal non significaría que traballasen os mesmos bailaríns en todas as producións, senón que se farían audicións para asinar contratos máis ou menos prolongados”

Danesga é parte ademais da Plataforma das Artes Escénicas, que celebrou unha manifestación no pasado Día Internacional do Teatro. Nesa mesma xornada Agadic anunciou un investimento no sector de máis de 1,2 millóns de euros para os mesmos conceptos que no 2011 destinara 1.370.000 e no 2010 moito máis: 2.290.000. Trátase, principalmente, das axudas á produción e á distribución, nas que non se realiza unha distinción entre danza e teatro. Tamén a modificación do programa Artistas en Residencia do CCG, -que consistiu na supresión da dotación de local para a creación-, creou protestas no sector, xa no 2010.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.