“Aposto nas novelas pola vía da esaxeración á hora de propoñer unha solución política abertamente revolucionaria”

Alberto Lema © Galaxia

Unha Máquina intelixente decide botarlles unha partida aos humanos. Non para destruílos, senón para facer xustiza. Aliada cos desposuídos do mundo, organiza unha sorte de guerra de guerrillas contra o capital. O conflito de clases tórnase máis visible, mais o poder político e mediático tentan volver agochalo. Esta é o cerna da historia que Alberto Lema conta en Da máquina (Galaxia), a súa última novela, que amosa varias conexións coa súa anterior obra Unha puta percorre Europa.

En Da Máquina morren os nove homes máis ricos do mundo. En Unha puta percorre Europa morrían os homes prostituidores. Os dous libros son como un xeito de contestación, cargada de retranca, á opresión da clase traballadora (que no caso de Unha puta percorre Europa é tamén opresión patriarcal). Definirías así estas dúas novelas?

Si, nestas novelas apóstase pola vía da esaxeración á hora de amosar a relación entre as clases, así como tamén á hora de propoñer unha solución política abertamente revolucionaria. Un pouco na liña histórica de A modesta proposición de Swift, que botaba man tamén da esaxeración á hora de formular unha solución política ao problema da fame en Irlanda, por citar un caso memorable.

Os dous libros teñen tamén en común o ollar crítico aos medios de comunicación. Mesmo citas a venda de A Nosa Terra ao capital. Nas dúas novelas, o poder político e mediático póñense de acordo para falsear a realidade. O obxectivo era apuntar á censura e a esa conivencia do poder mediático, político, do capital...?

Os medios de comunicación están ao servizo de quen lles paga, que adoita ser o gran capital ou, outras veces, un capital mediano e autóctono en busca de publicidade ou de espallar unha versión propia dos feitos. Hai xa moito tempo que todos nós perdemos a inocencia a respecto da inocencia dos medios, e que a súa falsidade pasou a ser un tema máis dunha literatura que pretenda de si mesma algo así como unha certa representación do que sucede.

Tamén en ambos libros, hai un interese por parte dese poder por presentar os feitos como "terrorismo", xustificar o estado de excepción (o atropelamento dos dereitos dos cidadáns), e evitar o debate social: sobre a prostitución no primeiro caso, sobre a degradación absoluta das condicións laborais e a inxustiza do capitalismo na segunda... Quixeches facer como unha metáfora da deriva antidemocrática das democracias actuais?

"Os medios de comunicación están ao servizo de quen lles paga, que adoita ser o gran capital ou, outras veces, un capital mediano e autóctono en busca de publicidade ou de espallar unha versión propia dos feitos"

Penso que é ontoloxicamente imposible que as democracias actuais poidan sufrir calquera tipo de deriva antidemocrática pois o seu programa é precisamente o de asegurar o mandato das minorías sobre a maioría, cousa que van conseguindo con bastante máis apuro nos últimos tempos. En canto á cuestión do terrorismo, lembremos, que cando o do Hotel King David en 1946, os israelís eran os acusados de terrorismo de tal maneira que podemos inferir que, dependendo de se un ten un estado detrás ou non, fai terrorismo ou guerra.

Os dous libros son como un convite á rebelión, desde a fantasía da guerra de guerrillas. En Da máquina hai unha multiplicidade de voces, polo que podemos ler a historia desde distintos puntos de vista. A última delas é, por certo, un electricista, -como o presunto responsable da desaparición do Códice Calixtino, resentido polo seu despedimento-. Esa multiperspectiva, era un xeito de axudar ao lector a xulgar por si mesmo?

En canto ao do Códice Calixtino, o certo é que aí se perdeu a oportunidade de facer unha boa ficción política do tipo: grupo nacionalista galego secuestra o Códice Calixtino e pide, para o seu rescate, a derrogación do Decreto de Plurilingüísmo, ou algo polo estilo. Unha mágoa. O de empregar distintos puntos de vista é porque se pretende dar unha idea total do que se relata, os diferentes planos en acción e a relación entre eles.

Non son, tampouco, personaxes planos. Non hai o mundo de bos e malos. En Unha puta percorre Europa unha das asasinas ten dúbidas, outra muller ponse ao servizo do goberno na súa campaña falseadora da realidade... En Da Máquina os soldados están nada menos que namorados da máquina xusticieira, e dalgún xeito son enganados por ela. Hai tamén contrastes entre os personaxes: o realismo de Estevo contra a ilusión utópica de Sabela, que despois parecen dar a volta... Como concibiches eses contrastes entre os principais personaxes?

Os personaxes están baseados en xente que coñecín, xente que me gustaría coñecer e xente que me gustaría que existise. Non sigo un patrón á hora de construílos e para min segue a ser un misterio o proceso polo que os críticos catalogan un personaxe como redondo ou plano. Deberían facer públicos un día os seus baremos para que así poidamos ter algún xeito de achanzar un pouco os nosos personaxes, ou de darlles uns quiliños máis de vida interior, segundo o caso.

"Parecíame que a idea dunha máquina infinitamente soa e angustiada na súa soidade era moito máis interesante. Despois, como boa existencialista, a Máquina tiña que evolucionar cara a unha militancia no bando dos desposuídos"

A propia Máquina é, sen dúbida, un dos personaxes máis interesantes da novela. Hai nela, supoño, pegadas da tradición literaria (e cinematográfica) da ficción científica: a máquina que se torna lista e se rebela contra os humanos é todo un clásico do xénero. Na novela tamén hai pegadas de novela policial. Como construíches ese personaxe da Máquina?

Hai unha tendencia, pensemos en Hal 9000 de Unha Odisea no espacio, a presentar as máquinas intelixentes como criaturas que, non ben nacen, están decididas a aniquilar a especie humana. A min parecíame que a idea dunha máquina infinitamente soa e angustiada na súa soidade era moito máis interesante. Despois, como boa existencialista, a Máquina tiña que evolucionar cara a unha militancia no bando dos desposuídos.

Compostela volve ser, por outra banda, o escenario que escolles. Botei de menos nesta novela unha maior presenza do erotismo, (como en Sidecar), que neste libro queda reducido a algún encontro (nada convencional) entre Mirta e Lois. A estes dous personaxes sepáraos a idade, pero sobre todo a clase social. Creo que no teu libro si hai certa reflexión sobre o impacto nas persoas da súa condición de clase. Era un dos obxectivos?

En efecto, os protagonistas da novela tratan de amosar a posibilidade dunha relación de parella entre persoas de clases sociais e idades moi distintas, entendendo que as relacións "de corazón a corazón" son, en realidade, relacións de "peto a peto". Non hai tanto sexo como noutras ocasións, certo, pero prometo volver ás andadas en próximas entregas.

Os cómplices da Máquina, asasinos ao seu servizo, son detidos e torturados polo pracer de torturar. A Máquina é como Wikileaks, rebela documentos secretos. E os seus asasinos non saben nada uns dos outros, polo que nada poden contar. O Estado tortura, pecha redes sociais..., igual que en Unha puta percorre Europa eran os sicarios dun narco os torturadores. Hai tamén no libro unha chamada de atención nese sentido: cando o monopolio da violencia que construíu o Estado moderno se volve contra os cidadáns? (Só hai que pensar en Abu Ghraib...)

"Os protagonistas da novela tratan de amosar a posibilidade dunha relación de parella entre persoas de clases sociais e idades moi distintas, entendendo que as relacións "de corazón a corazón" son, en realidade, relacións de "peto a peto"

En realidade, no libro estaba pensando máis ben en Guantánamo e nunha forma de tortura moi hixiénica alí implantada á que chamaron, coa súa asepsia característica, "privación sensorial". No libro non se afirma nada, pero trata de amosar que a barbarie continúa mesmo despois de Auschwitz, só que desta volta, como cantou Leonard Cohen, os malos gañaron e dixeron loitar no noso nome.

O xeito de estruturar o libro (esas voces múltiples que se alternan), lembra tamén a Unha puta percorre Europa e a Sidecar: capítulos curtos, axilidade... Só que en Da máquina vaise máis alá: cambios da terceira á primeira persoa... Como concibiches esa estrutura?

A estrutura está organizada atendendo ao tema e non ao tempo. Non se conta do primeiro cara ao final, senón por módulos, por así chamarlle: a parte policial, a parte de ciencia ficción, a parte do traballo, a da parella, etc. Interesábame ver tamén como xulgaban o que se narraba personaxes non protagonistas e alleos á narración, os que están fóra desta historia e da Historia, en xeral, que opinan?

Alberto Lema © Galaxia
Galaxia © Capa do libro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.