Leopoldo Nóvoa: O galego que pintou as paredes do mundo

Nóvoa, no seu estudio © Xurxo Lobato

Hai dous anos finou o pintor e escultor Leopoldo Nóvoa, un dos artistas galegos máis internacionais, que o vindeiro mes de decembro faría 95 anos. A súa viúva, Susana Carlson, vén de lanzar unha web que lle rende homenaxe a este prolífico pintor e escultor prolífico, a través dun percorrido pola súa vida e obra. Para o desenvolvemento desta web, que pretende ser o espazo de referencia para achegarse a Leopoldo Nóvoa, a tamén artista Susana Carlson logrou recopilar preto de 200 imaxes de varias procedencias, entre elas do fotógrafo galego Xurxo Lobato, a través das que non só se pode rememorar a vida do pintor, senón que permiten coñecer o espazo creativo de Nóvoa e a súa obra.

A web estrutúrase en torno a oito áreas: a súa biografía; as súas exposicións, unha selección de textos de escritores e críticos sobre a obra do artista pontevedrés; unha bibliografía que recolle os catálogos sobre Nóvoa e as obras literarias que inclúen ilustracións de seu; unha sección de vídeos nos que se pode ver o pintor explicando a súa arte; un apartado destinado a exhibir a colección de pezas pictóricas e escultóricas, así como a creacións en papel e os maris; unha área de fotografías, dividida en tres seccións para amosar imaxes históricas, retratos do artista e o espazo de traballo que Nóvoa tiña na localidade pontevedresa de Armenteira; e unha última parte destinada a recoller novas relacionadas co autor.

Leopoldo Nóvoa criouse entre Galicia e Uruguai, país ao que regresou durante a Guerra Civil para iniciar un período intelectualmente moi intenso, coa súa participación en publicacións artísticas, o seu debut como escritor e as súas relacións con creadores como Onetti ou Luis Seoane. Trala súa primeira faceta de narrador, decántase polo xornalismo, o debuxo e finalmente pola arte mural. O seu Mural do Cerro de Montevideo ábrelle numerosas portas e determina o seu traslado a París, onde desenvolve a maior parte da súa ampla traxectoria artística, que abarca dende a pintura á escultura ou os tapices. A súa obra está presente en numerosos países, pero pode apreciarse especialmente en Francia e en Galicia, onde pasou longas tempadas na sua última etapa vital traballando no seu estudio de Armenteira.

Mural de Leopoldo Nóvoa no Cerro de Montevideo © http://leopoldonovoa.com/
Nóvoa, no seu estudio © Xurxo Lobato
Mural en Santa Margarida, na Coruña © http://leopoldonovoa.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.