“En Galicia hai unha enorme variedade e riqueza rítmica dentro do folclore, é o lugar que coñecemos onde o folclore está máis vivo”. Con estas palabras, Aleix Tobías, o director da orquestra de percusión ibérica Coetus, resume os motivos polos cales a célebre formación catalá, xunto a Eliseo Parra e o dúo arxentino Luna Monti e Juan Quintero, escolleron Galicia para desenvolver unha pioneira residencia artística. Trátase do proxecto Ir y venir, que mesturará cursos de formación, concertos e encontros entre o público e os músicos na próxima fin de semana, entre o 2 e o 4 de outubro, na Casa Gasamáns de Ames. “En Galicia, as expresións musicais xorden con gran naturalidade, nas festas nas foliadas, cun espírito de vivir a festa. Aquí, hai unha relación diferente, máis intensa entre o público e o músico”, insiste Tobías, un vello coñecido no sector en Galicia pola súas recorrentes visitas profesionais ao país. Nos últimos tempos, ten participado como batería na gravación do primeiro disco da Orquestra de Jazz de Galicia e ofrecido cursos de formación en entidades como Brincadeira ou masterclass masivas diante de máis de 500 alumnos na ETRAD de Vigo.
“En Galicia, as expresións musicais xorden con gran naturalidade, nas festas nas foliadas, cun espírito de vivir a festa"
Coetus é un atrevido proxecto de orquestra de percusión ibérica e cuxo obxectivo é a recolleita e posta en valor da abondosa colección de instrumentos de percusión da Península Ibérica. Deste modo, a formación explora e reivindica os instrumentos de percusión, a maioría pouco coñecidos, que ao longo da historia serviron para acompañar as cancións, os romances, as festas e os bailes das diferentes culturas que conviven na península. A proposta, polo tanto, é afondar nos sons de todos estes instrumentos para crear unha linguaxe propia, inspirada nos ritmos tradicionais e nos diálogos coa voz.
“No Estado, agás algunhas excepcións, non hai unha cultura de ensembles de percusión, fáltanos moito nesa cultura de orquestración de instrumentos de percusión. Coetus naceu, primeiramente, como un grupo de experimentación e foi medrando porque hai un baleiro, non está moi desenvolvido a linguaxe rítmica da percusión, hai moito por facer”, sinala Tobías, quen recoñece que o seu traballo de recuperación e recollida da tradición un musical é “un efecto secundario”. “É dicir, todo ese traballo veu dado por unha actividade que nos encanta, é o efecto secundario, unha cuestión derivada, de algo que nos encanta facer que é tocar”.
Sobre o escenario en Gasamáns, Coetus ofrecerá tres concertos nas noites do venres 2, sábado 3 e domingo 4, reuniranse máis de vinte músicos que, ademais, ao longo das xornadas ofrecerán diversos cursos de formación abertos xa á inscrición. Xunto a eles estarán o mestre Eliseo Parra, unha peza fundamental para esta formación, auténtica referencia estatal para a música tradicional. “Eliseo Parra foi, para todos nós, un mestre e un abridor de portas. A min mostroume todo este mundo cando comecei a tocar con el. Somos un afluente del río Parga”, admite Aleix Tobías, quen tamén destaca a colaboración que o vindeiro fin de semana lles brindará a Coetus os músicos arxentinos Luna Monti e Juan Quintero. “Encántanos o que fan, a súa perspectiva do folclore arxentino e hai unha afinidade de proxectos e tamén de conceptos, que pasa principalmente pola recuperación da beleza”, sintetiza o director de Coetus. Os músicos arxentinos actuarán en Gasamáns con Coetus e Eliseo Parra nos dous dos tres concertos que se celebrarán alí. As entradas pódense adquirir a través da plataforma www.codetickets.com.
O que buscan Coetus xunto a Eliseo Parra é un “experiencia vivida dende o humano e o emocional” coa súa residencia artística
Experiencia emocional
O que buscan Coetus xunto a Eliseo Parra é un “experiencia vivida dende o humano e o emocional” coa súa residencia artística. “Non é un formato habitual, non se soen realizar este tipo de experiencias no Estado. Queremos establecer unha relación diferente co público. Nos concertos, cando rematan, a relación entre o público e os músicos desaparece moi rapidamente. Aquí furaremos nesa relación, grazas aos encontros pola tarde co público, cos obradoiros de formación e con toda a convivencia. Buscamos unha relación espontánea, natural ao longo do día”, sinala Tobías, quen explica que a experiencia está aberta a todo o público, non só a xente especializada.
A residencia artística de Coetus en Gasamáns divídese, polo tanto en tres partes. A primeira desas partes serán os cursos de formación que ofrecerán diversos compoñentes da orquestra ao longo das mañás da próxima fin de semana. A segunda delas celebrarase polas tardes e consistirá nun convivio entre o público e os músicos, no que haberá tempo para a conversa, o intercambio, a improvisación e mesmo a merenda. E a terceira das partes centrarase nos concertos que Coetus-Eliseo Parra ofrecerán a partir das 22.00 da noite o venres 2 e o sábado 3 xunto a Luna Monti e Juan Quintero e o domingo 4 ás 20.30 horas, día no que a actuación de Coetus e Eliseo Parra servirá como broche final á experiencia. Durante os encontros pola tarde, ademais, terá lugar a presentación dun novo proxecto musical: Xosé Lois Romero&Aliboria, unha iniciativa galega que busca dinamizar e modernizar a linguaxe rítmica da percusión en Galicia Toda a información do encontro pódese atopar no web www.iryvenir.info ou chamando ao teléfono 650 60 51 52.