“Hai infinitas formas de vivir a dor, e esa é unha das cousas que nos fan iguais como seres humanos”

Imaxe dun ensaio da obra Dominio Público Praza Pública

Cal sería a túa ferramenta de defensa fronte á dor? Serías quen de refacer a túa vida tras a traxedia? En que medida poñería esta a proba as túas conviccións? Son algunhas das preguntas que formula BU21, a última obra da compañía viguesa Avento Producións Teatrais, que vén de pasar polo Salón Teatro, en Santiago. Xoán Abreu dirixe a Fernanda Barrio, Dunia Díaz, Martín Máez, Fran Peleteiro, Rocío Salgado e Machi Salgado nesta montaxe, con texto do británico Stuart Slade e baseada en testemuñas de persoas que sobreviviron a atentados terroristas. Unha serie de monólogos intercalados que non deixan de interpelarnos, como seres humanos expostos á dor. Coma persoas que, nalgún momento, tivemos ou teremos que recompoñelo todo despois de que a nosa vida se torza.

A obra foi unha proposta túa. Por que a escolliches?

Eu compro por internet, de cando en vez, obras que me dan boas vibracións. Esta foi unha delas. Eu non son moito de teatro textual, pero este texto pareceume moi potente e apeteceume compartilo, dicirlle á xente: mirade o que fixo este autor!

Como foi a relación co autor?

No texto xa figuraba un enderezo ao que dirixirse en caso de querer mercar os dereitos. Pedíronnos o meu currículo, o dos tradutores, e mesmo o propio autor estivo a piques de vir á nosa estrea. Foi moi fácil, a verdade. Polo que sabemos polo que puxo nas redes sociais, interesoulle o noso proxecto…

"O propio autor estivo a piques de vir á nosa estrea"

Es parte da Sala Artika, de Vigo. Como vai este proxecto? Na mesma cidade está a Ensalle...

En realidade eu levo na compañía Avento desde o ano 1988, e diríxoa desde 1991. Pasamos de compañía amateur a profesional hai uns poucos anos. Eu estudei na ESAD. Había un grupo de persoas que sempre quixeramos ter unha sala na que mostrar o noso traballo e o doutra xente… A Sala Artika foi creada, así, cos seus aforros, por varios compañeiros de Avento: Marcos Alonso, Fernanda Barrio, Beatriz Alonso e Óscar Casal. A idea non era facer outra sala como a Ensalle, que para iso xa está a Ensalle, claro. Nin facer un teatro coma o García Barbón… O obxectivo era crear unha sala independente que dese cabida a diferentes tipos de proxectos.

"O obxectivo da sala Artika é ter unha sala independente que dese cabida a diferentes tipos de proxectos"

Un dos personaxes di cara ao final que chegará un momento en que a vida de cadaquén se torza. E que entón teremos que recompoñela como poidamos. Supoño que é a idea de fondo da obra, máis alá do feito do ataque terrorista.

Si, é o xeito que ten cada ser humano, por moi dura que sexa a experiencia pola que ten que pasar, de combater a dor e refacer a súa vida. Despois de vivir algo tan forte coma un atentado, que fas? Serás quen de erguerte despois de derrubarte? Na obra, ademais, os que parece que lle plantan cara aos feitos con máis dureza son ao final os que peor o pasan. O personaxe de Alex (Fran Peleteiro) leva unha carauta de tipo duro, semella ter a situación baixo control, pero en realidade é un dos máis feridos, pola perda e polo engano. É dos que máis sofren.

"Na obra, os que parece que lle plantan cara aos feitos con máis dureza son ao final os que peor o pasa"

Nese sentido, os personaxes representan distintos xeitos de xestionar a catástrofe. O de Fran é o executivo frío e calculador, o de Machi Salgado, aínda que non aparenta telo todo controlado, tamén se beneficia da corrente que o vai levando…

Si, eu penso, como dicía, que Álex é un dos máis feridos. En contraste con el, o personaxe de Fernanda Barrio, a muller que quedou en cadeira de rodas, aparenta buscarlle sempre o lado positivo á vida, pero non acaba ben. O personaxe de Dunia Díaz, unha muller que perdeu a súa nai, parece bastante descentrado e sufridor pero acaba sendo dos máis enteiros, consciente das súas propias mentiras e da necesidade que sente delas.

Os personaxes van evolucionado e amosando caras que non se agardan, si. Como en calquera bo texto…

Hai unha evolución nos personaxes, si. O que mostran é que todos somos humanos e sufrimos de formas diferentes, con distintas ferramentas para loitar contra a dor.

O autor do texto recolleu testemuños reais de sobreviventes de atentados en Estados Unidos, Londres, París… Preparastes os personaxes acudindo dalgunha maneira a testemuños?

Traballei con cada un dos actores de forma independente: a estrutura da obra é a de monólogos alternos. Despois si que os xuntei para darlle unidade. Eu non lles pedín que buscasen testemuños porque non creo que fose necesario. Está todo no texto. A partir do texto, creo que cada un puido traballar desde a súa propia vivencia de situacións duras. Non penso que fose preciso documentarse moito máis.

"A partir do texto, creo que cada un puido traballar desde a súa propia vivencia de situacións duras"

Os personaxes diríxense ao público. Un deles, Alex, pon ao espectador diante dos seus prexuízos, contradicións… Alguén podería sentirse molesto… Aínda que no teatro, iso, hai moito que se inventou.

Iso está tamén todo no texto. Eu entendín o meu traballo nesta obra coma o dun transmisor. Claro que pode molestar, facer que alguén se sinta incómodo nalgúns momentos… Pero nós, o que queriamos transmitir, con todas as nosas ganas e o noso amor e sen tentar buscar protagonismo, era o que o autor quería dicir. Si que houbo algún espectador que se sentiu molesto, mais se cadra foi porque non foron capaces de entrar nun espectáculo con este tipo de dinámica…

"Claro que pode molestar, facer que alguén se sinta incómodo nalgúns momentos…"

Rocío Salgado, co personaxe da moza á que a persegue a imaxe dun morto, e Martín Máez, o paquistaní que se rebela contra a hiperracionalidade do pai, tamén amosan nexos. Os dous buscan, todo o tempo. Ou foxen.

O personaxe de Rocío paréceme moi interesante. Ten un trauma por algo que viu, que non lle pasou directamente a ela. E non é o mesmo ver alguén morrer que acabar co corpo propio desfeito, pero a túa dor pode ser igual de forte. Ademais, fala do morto con tenrura, con amor, xa só coa súa mirada. Eu non sei se é que estou volvéndome máis sensible ou algo pero…, ás veces só con ir no autobús e ver a mirada dunha señora maior, poñerme na súa pel, imaxinar a súa dor ou o que eu penso que é a súa dor… acaban dándome ganas de chorar. Hai infinitas formas de vivir a dor, e esa é unha das cousas que nos fai iguais como seres humanos.

A obra non deixa de ser, por outra banda, bastante occidental na súa formulación. Está o fillo do médico paquistaní morto… Rebélase contra uns pais que queren ser máis ingleses que os ingleses.

Ese personaxe era un rapaz novo que non sabía moi ben nin de que lado estaba. Eu penso que actúa por inmadurez máis que por convicción propia. Tampouco nos queda claro, ao final, como acaba…

As interpretacións están ben medidas. Non hai excesos. Non sobreactúan, non se poñen demasiado tráxicos… É un dos acertos da montaxe.

E iso non foi fácil, por momentos. Que atopasen ese equilibrio era o que eu pretendía. Eu dicíalles que tiña que parecer unha comedia. Machi Salgado, por certo, quixo traballar nesta obra comigo para traballar o seu lado cómico… Eu non quería que eles estivesen como reaccionando á súa propia traxedia. A traxedia xa está en atopar a maneira de afrontar o que lles pasa, e eu quería que nos personaxes se vise iso. Cada un busca o seu método de defensa ante a dor. Non quixen subliñar a traxedia, a traxedia ten que vela o espectador, non ten que agrandala o actor.

"Que atopasen ese equilibrio era o que eu pretendía. Eu dicíalles que tiña que parecer unha comedia"

Ao mesmo tempo, os personaxes poden ser representantes de tipos sociais… Alex é como un símbolo das elites do capitalismo neoliberal. O personaxe de Machi podería ser o pobo que reacciona con furia e racismo ante os atentados. Como unha metáfora da dereitización de Europa.

O de Alex, para min, é un dos personaxes máis ricos. Realmente está moi descolocado. Pode ser un símbolo do que dis, pero eu penso que o seu discurso é máis unha carauta para agochar o que leva por dentro. O personaxe de Machi expresa ideas fascistas… Pero eu non penso que sexa só unha reacción ante o atentado. Penso que xa lle viña de atrás... E, si, podería representar a clase media ou obreira que defende toda a vida ideas que non lle son propias… É un dos personaxes máis tristes e ao mesmo tempo máis saborosos.

En canto ás mulleres, xa falabamos ao principio que as que semellan máis equilibradas non acaban séndoo… A personaxe de Dunia semella non decatarse do que pasa, e se cadra está a meterse nunha relación que pode acabar moi mal… para ela.

A de Dunia agárrase a un cravo ardendo para non acabar derrubándose. Pero si que se decata do que pasa. Sabe que el a trata con certo desprezo. Mais atopa na súa relación con el un xeito de aliviar a súa dor. Ela é consciente de todo. A personaxe de Fernanda é, ademais, unha inmigrante, de status social paralelo ao de Machi, que sabe o que é servir en restaurantes da zona rica… Ela tenta agochar a dor, a súa ferida, sendo positiva…

A escenografía, de Diego Valeiras, é moi limpa. Unhas cadeiras e pouco máis. A luz marca as transicións, os cambios de personaxe.

Os cambios de luz dan paso dun personaxe a outro, si. A idea era que fose un espazo o máis baleiro posible. Despois hai algúns obxectos, tamén porque aos actores lles era máis doado ter algo que tocar ás veces que só o espazo sen nada. A obra é, polo demais, un torrente de palabras, de emocións…

"A obra é, polo demais, un torrente de palabras, de emocións…"

E a música? Algún crítico -Manuel Vieites- dixo que vos pasarades con ela.

Pois para min a música que sae é a música que escoitarían os personaxes. Para iso si que me documentei, preguntando a xente noviña que tipo de música escoitan. E eu a Vieites téñolle cariño pero, claro, o que lle gusta a el é o teatro de texto, a palabra… En calquera caso, eu nesta obra non quería meter a miña pata, deixar a miña marca. A música tamén vale de transición entre escenas…, ou para expresar malestar, rabia…

A obra xa se estreou hai tempo…

Estreamos na sala Artika en outubro de 2016. En Londres estreárona en marzo. Non fixemos xira nin nada así. Fomos a Santiago porque non hai outra maneira de que no norte se vexa o que se fai no sur… Avento no norte non é unha compañía coñecida. É verdade que son moitas compañías facendo cousas, é lóxico, pero estaría ben que na mostra das artes escénicas, por exemplo, non se dese cancha só aos compañeiros de compañías xa moi coñecidas. Eu teño asumido o que pasa, pero claro, dá pena. Ao CDG fomos a taquilla e na semana da Ascensión… O curioso é que, cando eramos compañía amateur, iamos ao Teatro Principal… Agora parece que é máis difícil.

Cadrou coa Ascensión, si, e con Voaxa e Carmín. Tivestes pouco público. Se cadra ata perdestes cartos ao ir a billeteira.

Foi un investimento. Mellor non medilo por gastos e ingresos. Igual tamén foi falta de promoción…

Avento leva bastantes anos…

Si, e cando traballabamos a nivel amateur eramos moi ben acollidos. Temos moitos premios, tiñamos moitos bolos en circuítos de teatro amateur… Tamén é verdade que fóra de aquí a situación destes circuítos é moi distinta: iamos a Madrid, Valencia, Zaragoza… coa nosa furgo. Faciamos obras de 12 persoas ou máis... , tamén teatro máis comercial… Despois fixémonos profesionais, e facemos tres tipos de espectáculos: dos que nos apetece máis, coma BU21, outros para xente nova, e tamén musicais para colexios.

"Cando traballabamos a nivel amateur eramos moi ben acollidos"

Antes estiveras en Ítaca. Ou en Artello.

Ítaca foi nos anos 80. Era moi novo. Foi nesa época na que comezou o CDG, foise profesionalizando o teatro… En Artello estiven substituíndo a Morris en Batea cando o colleran a el para o CDG. Con Escena T fixen Mambo, no que estaban tamén Machi e Fran. Foi o proxecto de fin de carreira de Machi para a ESAD. Era un espectáculo moi interesante, cun texto feito con só 16 palabras.

Algún espectáculo de Avento ao que teñas especial cariño?

Quizais Humano, que foi o meu proxecto de fin de carreira. En realidade gústame case todo o que fixen, sobre todo como amateur, porque podes facer o que queiras. Se sacas algúns cartos, van para investir no seguinte espectáculo…

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.