Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Castelao, Losada Diéguez, Luís Pimentel, Manuel María, Valentín Paz Andrade ou Urbano Lugrís. Ilustres persoeiros da cultura galega, recoñecidos escritores, todos eles homenaxeados algún ano polo Día das Letras Galegas, pero que compartiron tamén a paixón ou o vínculo co deporte rei.
A revista de cultura futbolística 'O Dez' repasa a paixón e vínculos co deporte rei de varios escritores homenaxeados polo Día das Letras Galegas
A revista galega de cultura futbolística O Dez dedica o seu número desta primavera a un especial sobre a relación --descoñecida na maioría dos casos-- que escritores galegos protagonistas dalgún 17 de maio tiveron co fútbol. Malia o pensamento nalgunhas persoas, cada vez menos común, que considera a cultura e o deporte como algo antitético, a publicación responde desvelando os vínculos que senlleiros literatos mantiveron en maior ou menor medida co balompé.
"Ese suposto antagonismo reside máis no pensamento deses individuos que na realidade; este número é unha mostra de que algunhas das mellores mentes deste país non foron, nin moito menos, contrarias ao fútbol", explica no seu editorial a revista O Dez, dirixida por Óscar Losada, que lembra que o obxectivo da publicación sempre foi "descubrir temas descoñecidos e historias sorprendentes arredor do fútbol". "Creo que o conseguimos", di en conversa con Praza.gal.
No seu intento por dedicar un número ao Día das Letras Galegas, e sabedores na revista dalgún vínculo coñecido dalgúns "próceres do país" co fútbol, a investigación dalgún dos casos permitiu "tirar do fío e ir atopando algunha outra relación descoñecida ou, polo menos, pouco difundida".
Luís Pementel formou parte do primeiro once inicial do Lugo Sporting; Carlos Casares xogou no Antela e Celso Emilio Ferreiro no Sporting Celanova
Como aquela que vincula a Luís Pimentel co nacemento do Lugo Sporting, un dos equipos máis destacados da cidade nos anos vinte do século pasado. O escritor homenaxado nas Letras de 1990 formou no once inicial do primeiro partido oficial do club. A pista déraa hai anos outro literato, Manuel María, protagonista tamén d'O Dez por ser o autor do himno do Lemos, equipo ao que seguía durante a súa estadía en Monforte, ou polo conto no que fai referencia a Acuña, mítico porteiro do Deportivo.
Tamén é protagonista Carlos Casares, homenaxeado polas Letras hai catro anos, que xogou no Antela de Xinzo varios anos, ou Celso Emilio Ferreiro, futbolista do Sporting Celanova e escritor de artigos co deporte rei como protagonista.
En Pontevedra, pola súa banda, a principios do século XX destacaba o Eiriña, un dos clubs que acabaría fusionándose co Alfonso XII para formar o Pontevedra. As caricaturas que dos seus xogadores fixera Alfonso Daniel Rodríguez Castelao deixaron constancia do interese do escritor, político e debuxante polo fútbol e por un club que foi presidido por Antón Losada Diéguez, intelectual galeguista ao que se lle dedicou o 17 de maio en 1985. Outro protagonista das Letras, Valentín Paz Andrade, formaría parte da directiva do Pontevedra Athletic.
Losada Diéguez foi presidente do Eiriña de Pontevedra e Manuel Lugrís Freire, protagonista dunha asemblea en defensa do Deportivo tras un derbi co Celta
Máis de vinte anos despois o homenaxeado foi Manuel Lugrís Freire, que nos comezos de 1925 soubo de primeira man a rivalidade que encetaban xa daquela Deportivo e Celta tras a fichaxe de dous xogadores vigueses polo equipo coruñés. Logo dun polémico derbi no que os branquiazuis se sentiron aldraxados, convócase na cidade unha asemblea de apoio ao club na que o poeta, ensaísta e dramaturgo galeguista dirixiu as arengas aos afeccionados en defensa da entidade.
Mentres Lugrís amosaba a súa afección ao fútbol, naquela mesma altura, Antón Villar Ponte refugaba este deporte por, entre outras cousas, "resucitar entre A Coruña e Vigo aquelas loitas aldeás de parroquia contra parroquia que eran menos bárbaras que estas urbanas".
Antón Villar Ponte rexeitaba o fútbol por "resucitar loitas aldeás"; o seu fillo Chao acabou sendo un mito do Deportivo, onde xogou dez temporadas
Malia que Villar Ponte recoñeceu ter gozado con algunha vitoria deportivista en Madrid, con arengas á imitación política incluídas, nunca foi un apaixonado. Quedou por saber se o acabaría sendo anos despois, cando pouco despois da súa morte, o seu fillo, Antonio Villar Chao, debutaba no Deportivo, onde sería durante dez temporadas unha das súas maiores figuras, ata alcanzar a selección española e triunfar en México. Outra interesante historia de fútbol e Letras da que, xunto a moitas máis, tamén dá conta o novo número d'O Dez.