Lionel Rexes: "O neofascismo mora nos sectores que sempre sospeitamos e non só nos grupos de hooligans"

Dominio Público Praza Pública

Lionel Rexes foi convidado, no 2016, a unhas xornadas sobre a guerrilla antifranquista celebradas, sen sabelo a prensa e só para convidados, nunha parroquia de Mondoñedo. O que alí aprendeu foi a orixe de A raíña das velutinas, (Xerais), unha novela que reflexiona sobre a actitude maioritaria da sociedade galega cara á memoria da guerrilla e sobre as situacións que obrigan a certas persoas, en distintos tempos históricos, a “botarse ao monte”. 

Todo parte da celebración das Xornadas para a memoria e as restitucións democráticas na rexión dos Tres Vales, que parecen inspiradas en xornadas reais que se fixeron non hai tanto sobre a memoria dos guerrilleiros. Quico, que sae mencionado ao principio, non é un personaxe inventado... En que sentido pode estar a novela baseada, así, nalgún congreso real e no ambiente nel creado?

En setembro de 2016 fun convidado a un encontro con Francisco Martínez “Quico” -un dos últimos guerrilleiros republicanos vivos- na Casa da Penela, unha casa de turismo rural de Vilamor, Mondoñedo. Alí estaba tamén, Fernanda Cedrón Trigo, a neta do “Gardarríos”, un célebre guerrilleiro da Mariña que morreu nunha emboscada da Garda Civil en Lourenzá, no ano 1948.

"Fun convidado a un encontro con Francisco Martínez 'Quico' -un dos últimos guerrilleiros republicanos vivos- na Casa da Penela"

Estaban presentes outras persoas que sufriran represión, nas súas carnes ou na dos seus familiares. Todos achegaron o seu testemuño e aquela xornada que durou unhas nove horas, que para min supuxo un auténtico mestrado sobre as repercusións actuais da guerra e a ditadura.

Tras os relatorios, realizamos uns desprazamentos pola comarca mindoniense, visitamos lugares vinculados á guerrilla e continuamos a aprender, a percibir a fame de xustiza duns combatentes que aínda hoxe son considerados bandoleiros. Considerei que aquela xornada podía novelarse, mais para a ficción precisei convertela nun simposio.

"Continuamos a aprender, a percibir a fame de xustiza duns combatentes que aínda hoxe son considerados bandoleiros"

Non é unha novela histórica, mais si fala de feitos históricos, como a represión que a actividade guerrilleira trouxo para a poboación. Nese sentido, parte dos personaxes adoptan unha posición que toma bastante distancia respecto da guerrilla. É un xeito de reflectir as distintas actitudes cara a esa parte da memoria histórica , a que corresponde á guerrilla, que non é tan unánime coma outras?

O encontro que deu orixe á novela gozou dunha carga histórica que non se podía obviar de ningunha maneira. Eu adoito destacar que non pretendín redactar un texto histórico, mais tentei reflectir os datos que recibín durante aquelas horas enriquecedoras na Casa da Penela. A sociedade galega, en xeral, pretende manterse allea ás reivindicacións vinculadas aos mortos das gabias, aos fusilados, aos exiliados… Pretendín retratar ese desleigamento, mesmo cando falaba o narrador.

"A sociedade galega, en xeral, pretende manterse allea ás reivindicacións vinculadas aos mortos das gabias, aos fusilados, aos exiliados"

Unha lectora díxome que o republicanismo saía mal parado; nunca houbo tal intención, o que desexaba é que a sociedade se vise no espello e que se avergoñase un chisco. A guerrilla, hoxe en día, supón unha aresta nas conversas dos que recordan a guerra ou a posguerra.

"Desde heroes até foraxidos, pasando por desertores ou delincuentes que aproveitaron o río revolto, os fuxidos aínda non son considerados parte principal do conflito bélico"

Desde heroes até foraxidos, pasando por desertores ou delincuentes que aproveitaron o río revolto, os fuxidos aínda non son considerados parte principal do conflito bélico. Di Fernanda Cedrón que en toda Europa se reivindican e honran as resistencias, agás no Estado español, onde conservan o “título” de partidas de bandoleiros.

Ás veces, o propio narrador é duro coa guerrilla, -ou polo menos coas personas que hoxe tentan manter a súa memoria-: fala de ambiente ideoloxizado, viciado... Por que ese narrador tan crítico e distanciado? 

O narrador debe facer de árbitro entre un personaxe de 91 anos e outro de 27, ambos os dous profundamente ideoloxizados, ambos os dous partidarios de premer o percutor para se defenderen das agresións do poder, e ambos os dous encadrados na esquerda política; mais acreditan en países distintos. Malia compartiren nacionalidade, afástaos unha noción fundamental, a patria.

"O narrador está máis próximo, no tempo, do personaxe que considera que os republicanos de hoxe deben dar o paso cara á actualización do seu ideario"

O narrador está máis próximo, no tempo, do personaxe que considera que os republicanos de hoxe deben dar o paso cara á actualización do seu ideario, tomando en consideración os procesos autodeterministas que abrollaron no Estado español.

Falando do xeito de narrar, os capítulos mesturan, sen transicións, cambios de escenario, de personaxes, conteñen moitas elipses... Pensaches esa estrutura dalgún xeito consciente?

Quizais, os novelistas de hoxe estamos influídos pola linguaxe cinematográfica. Sempre que escribo emprego elipses e trato de introducir o maior grao de dinamismo posíbel. Coido que un argumento liñal non entra en contradición coa axilidade narrativa.

Hai, nas xornadas, un Garda civil, o Sise, que discute por exemplo sobre a pertinencia da loita armada en estados democráticos. Que papel cumpre este personaxe? E o do neto de Vera? Os dous son, desde distinta perspectiva, contrapunto aos personaxes máis entregados á causa dos guerrilleiros.

Sise nace da realidade. Durante o xantar na Casa da Penela, a neta do “Gardarríos” comentoume algo que desencadeou o chispazo literario: “Acabo de saber que aquí, entre todos nós, hai un garda civil”; nese instante eu pensei: o que hai aquí é unha novela. Sise existe, é un republicano demócrata que viste o uniforme dos verdugos doutrora.

"Sise existe, é un republicano demócrata que viste o uniforme dos verdugos doutrora"

O neto de Vera é un personaxe totalmente ficticio; precisábao para retratar esa parte da sociedade que asume todas as intoxicacións que o poder estabelecido nos administra a través dos medios e dos medos. Pedro é un produto social elaborado á mantenta polo réxime do ‘78.

"Pedro é un produto social elaborado á mantenta polo réxime do ‘78"

Realmente, a novela vai máis sobre os encontros e desencontros entre os personaxes, na atmosfera creada polas xornadas, que sobre a memoria guerrilleira. As tensións son moitas, e un exemplo é a que hai entre Algaria e Marta. Que representa cada unha? Algaria parece máis inconsciente, pero polo menos é quen de non seguir sempre as normas...

Marta é unha militante, unha persoa de adhesións inquebrantábeis, mais non sabe xestionar a súa afectividade; é quen de comandar un exército e non de facerse querer por unha parella. Algaria, en cambio, é a voluptuosidade en estado puro, alí onde vai encontra alguén con quen durmir, no entanto, non é fiel a ningún ideal concreto; se se enrolou no que se enrolou, non foi por motivos ideolóxicos.

Nalgún momento, xorde unha conversa entre os personaxes que establece un paralelismo entre os crimes da ditatura e da democracia: a represión, os colectivos perseguidos... Unha "guerra sucia", a da actualidade, coa "democracia", que logrou "avir a dereita e esquerda", -di unha personaxe-. En que sentido o libro quere remarcar ese paralelismo? Cítase, por exemplo, unha montaxe policial contra unha manifestación xuvenil.

Existe un episodio da “democracia española” que moitos cidadáns aínda non coñecen. Nos anos 80, dous mozos vascos vinculados á loita armada foron secuestrados, obrigados a cavar as súas propias tumbas e a seguir, tras horas de torturas, foron asasinados.

"Nos anos 80, dous mozos vascos vinculados á loita armada foron secuestrados, obrigados a cavar as súas propias tumbas e a seguir, tras horas de torturas, foron asasinados"

Na Europa contemporánea, acontecementos deste teor soamente puidemos observalos na Guerra dos Balcáns, nun escenario bélico, mais no Estado español sucedeu nun período de paz e cun goberno socialista. Quen executaba estas accións era unha organización creada desde o propio goberno e nutrida por funcionarios da seguridade; isto xa nos di moito do concepto de democracia que posúen algúns mandatarios.

"A algúns non nos sorprendeu o escoramento dos corpos policiais españois cara a determinadas posicións, obviando calquera equidistancia no cumprimento da súa función"

Cando se escribiu esta novela aínda non vivíramos todo o relacionado co referendo catalán, mais a algúns non nos sorprendeu o escoramento dos corpos policiais españois cara a determinadas posicións, obviando calquera equidistancia no cumprimento da súa función -as agresións contra mossos d’esquadra, a arrogancia e as actitudes desafiantes mostradas ante os manifestantes pro-referendo, a organización de motíns espontános baixo o lema “que nos dejen actuar”…-.

Todo isto demostra que o neofascismo mora nos sectores que sempre sospeitamos e non unicamente nos grupos de hooligans. A inhibición mostrada pola policía ante as agresións de elementos neonazis contra unha mobilización valencianista hai uns meses, resulta moi sintomática.

"A inhibición mostrada pola policía ante as agresións de elementos neonazis contra unha mobilización valencianista hai uns meses, resulta moi sintomática"

O libro crea un espazo ficticio -supoño-, con base en espazos reais: Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo... Como creaches ese espazo a partir do real? Seguramente moitos dos lugares de memoria concretos que cita existirán tamén.

Todos os lugares son reais e obedecen a escenarios vinculados a episodios verídicos. A rexión dos Tres Vales é unha realidade socioxeográfica que carece dun topónimo de seu, por iso exercín como padriño e a denominei desa maneira.

"Todos os lugares son reais e obedecen a escenarios vinculados a episodios verídicos"

O Valadouro é unha comarca natural formada polo concello homónimo xunto co de Alfoz e varias parroquias do de Foz; este val, xunto co Val de Brea -Mondoñedo- e o Val de Lourenzá, forman unha rexión que non ten nada que ver coa comarca da Mariña, á que pertencen administrativamente. Considero que esta entidade cultural e social debería obter un status institucional.

O libro acaba tendo bastante de reflexión sobre a loita armada -en distintos tempos históricos-, e salienta contradicións coma as depuracións da disidencia interna para crear mártires, o mesianismo... Era en parte o obxectivo sinalar esas contradicións, fronte ao discurso da heroicidade sen fisuras? 

A loita armada é un fenómeno moi atractivo desde o punto de vista literario. Ademais, no Estado español é unha cuestión recorrente. Vivín en Madrid até os 23 anos e tocoume escoitar o estourido de varias bombas… Se en Irlanda o conflito armado parece resolto, no Estado español o ambiente é desalentador. Semella que, tal como escribiu Fernando Fernán Gómez en Las bicicletas son para el verano: “No ha llegado la paz, ha llegado la victoria”.

"Se en Irlanda o conflito armado parece resolto, no Estado español o ambiente é desalentador"

O Estado español considera que a solución é esmagar, non resolver. Verbo do tratamento dos grupos armados na novela, non quixen crear heroes nin mártires, senón reflectir a febleza -e tamén a vontade- de quen se embarcan en misións case suicidas. De todas formas, a intención primeira era reflexionar sobre as situacións que obrigan a certas persoas a “botarse ao monte”. 

Hai algo tamén, na novela, sobre as relacións de xénero, ás veces expresado de xeito abrupto por algún personaxe. De que xeito quixeches que estivese presente iso? Logo hai tamén desenlaces que poden resultar chocantes como a relación de Marta con Simón...

Máis que sobre as relacións de xénero, pretendín chamar á atención sobre as relacións entre persoas de idades distantes. Vivo no rural, onde a poboación maior supón unha porcentaxe altísima. Este desequilibrio orixina unhas curiosas -e ás veces rechamantes- relacións coa porcentaxe minoritaria -os novos-. Resúltame moi literario este contraste. 

Na novela, estabelécese unha distancia de seis décadas entre dous personaxes principais. Aí vinme obrigado a introducir factores de onte e de hoxe. A cuestión de xénero aparece de esguello para incidir no nivel de tolerancia dos diferentes personaxes, dependendo da súa idade e segmento ideolóxico.

"Non lonxe de onde resido, existe un antigo prostíbulo. Souben que un reputado escritor da denominada Escola Poética do Seminario de Mondoñedo frecuentara aquel lugar"

Tes algunha outra novela a piques de publicar? Podes adiantarnos algo? 

Teño unha acabada de rematar, aínda non coñezo o seu destino inmediato. Trátase dunha historia que tamén mestura o pasado e o presente. Non lonxe de onde resido, existe un antigo prostíbulo. Souben que un reputado escritor da denominada Escola Poética do Seminario de Mondoñedo frecuentara aquel lugar e mesmo se preocupara do futuro dalgunhas prostitutas, e xaora, dixen para min, aí tamén hai unha novela.

Lionel Rexes Dominio Público Fotos: Belga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.