“Nestes momentos o principal reto é conseguir manter o MARCO aberto”

O Marco de Vigo CC-BY-SA Elisardojm2

O Padroado da Fundación MARCO acordou no verán a renovación de Iñaki Martínez no cargo de director do museo durante cinco anos máis. Nesa mesma reunión aprobáronse as contas do exercicio anterior, e a memoria de peche, cun déficit de 63.500 euros, evidenciou o que xa se advertira: se Xunta e Ministerio non pagan as súas débedas, o centro atopará grandes dificultades para continuar. Mais, polo menos de momento, o MARCO segue coa súa actividade, e a partir de novembro celebrará ademais os seus 10 anos de traxectoria, desde aquel acto de inauguración do 13 de novembro de 2002 que coincidou, ademais, coa data do afundimento do Prestige.

"Esta mostra colectiva reflexiona sobre esta catástrofe e sobre outras similares en Galicia e noutros puntos do planeta"

En outubro o MARCO inaugurará a mostra colectiva de produción propia A Balea Negra, que pon en relación o afundimento do Prestige coa inauguración do Museo nesa mesma data...

A Balea Negra non é unicamente unha exposición sobre o Prestige; é unha mostra que nos leva dez anos atrás, á data de inauguración do MARCO, que coincidiu exactamente co día no que afundiu o Prestige, mentres se estaba inaugurando o museo o 13 de novembro de 2002. Partindo deste feito, esta mostra colectiva reflexiona sobre esta catástrofe e sobre outras similares en Galicia e noutros puntos do planeta, mostrando as diferentes realidades, tratando outros temas como a explotación da natureza, as guerras, os movementos cidadáns, sempre co petróleo como tema de fondo. É un tipo de mostra inédita en Galicia e está comisariada por Pedro de Llano Neira, que levou a cabo un traballo de investigación rigorosísimo. Penso que ademais será moi atractiva para o público: reúne pinturas, esculturas, instalacións, fotografías, vídeos, cine, documentais, viñetas xornalísticas... ata un fragmento -creemos que o único que se conserva- do propio Prestige.

A partir de novembro comezará a celebración dos 10 anos do MARCO. Que balance pode facer deses anos? Cales son os principais retos aínda por cumprir?

Penso que o balance é moi positivo. Podemos dicir que o MARCO, malia as dificultades -sobre todo relacionadas con temas económicos- conseguiu manterse cunha programación máis reducida pero sen renunciar á calidade. Destacaría a fidelidade do público, que non deixou de aumentar ano tras ano desde a inauguración, froito do traballo de todos estes anos e do interese que esperta a nosa programación. Nestes momentos o principal reto é conseguir manter o museo aberto, e continuar facendo proxectos que resulten de interese para o público.

"Sen cultura non somos nada. Precisamos referentes, conservar o que temos, estimular a produción de obras, apoiar a novos artistas e recuperar o traballo doutros con menos recoñecemento. E máis nestes momentos tan convulsos nos que vemos como se están a destruír logros que custou décadas poñer en pé"

Un dos problemas que están a ter, precisamente, é o do financiamento. A Deputación de Pontevedra deixou a Fundación, a Xunta debe ao MARCO 160.000 euros e o Ministerio de Cultura 127.000. Que opina, en xeral, sobre o discurso co que se está a tentar xustificar os recortes en Cultura?

Sen cultura non somos nada. Precisamos referentes, conservar o que temos, estimular a produción de obras, apoiar a novos artistas e recuperar o traballo doutros con menos recoñecemento. E máis nestes momentos tan convulsos nos que vemos como se están a destruír logros que custou décadas poñer en pé. Cando se fala de cultura parece que falamos de algo abstracto, intanxible, inmaterial e prescindible. É todo o contrario. Ademais do seu valor patrimonial -no máis amplo sentido do termo- a cultura é investigación, formación, e tamén creación de postos de traballo. Dende a Asociación de Directores de Centros de Arte non nos cansamos de reivindicar o valor da cultura como sector produtivo.

O seu orzamento para 2012 é dun millón de euros, 31 por cento menos que no ano anterior. É o mesmo que a Xunta gasta nunha campaña publicitaria para transmitir "optimismo" fronte á crise. Que lle parece?

O certo é que nin sequera vin ou ouvín falar desa campaña... o que xa di algo sobre o seu grao de repercusión. Un investimento desa contía teríase que medir en termos de produtividade ou resultados. Se é así, entendo que sería unha mala inversión.

A performance e a instalación centran Presencia activa, a exposición que estivo aberta no MARCO ata setembro. Os museos de arte contemporánea galegos foron facendo un esforzo por incorporar estas disciplinas. Cales son os resultados?

Efectivamente, Presenza activa clausurouse a principios de setembro nas salas da planta baixa. Quedamos realmente satisfeitos co resultado, tanto dende o punto de vista da convocatoria de público como do traballo realizado polos artistas e da análise teórica sobre a relación entre performance e instalación. Diría que con esta exposición se conseguiu un achegamento a persoas de distintas idades ou intereses, ademais de servir como laboratorio de ideas para proxectos futuros.

"Un museo ten a obriga de coñecer que é o que está sucedendo especialmente no seu entorno máis próximo, pero non pode absorber estes colectivos alternativos ou auto-xestionados xa que perderían a súa razón de ser"

Nun encontro celebrado hai uns meses no Consello da Cultura debateuse sobre o papel dos museos en relación aos colectivos artísticos "alternativos". Vostede defendeu que non era certo que os museos se estivesen "aproveitando" do seu traballo. Como mellorar, de todos os xeitos, o intercambio dos museos con estes colectivos?

Un museo ten a obriga de coñecer que é o que está sucedendo especialmente no seu entorno máis próximo, pero non pode absorber estes colectivos alternativos ou auto-xestionados xa que perderían a súa razón de ser. Non obstante, hai moitas fórmulas de colaboración desde as institucións. Son moi necesarios estes espazos -digamos intermedios- para visibilizar a novos artistas, comisarios, e por suposto, para axudar á súa profesionalización.

Un dos proxectos máis interesantes dos desenvolvidos no MARCO foi Entrar na obra, que serviu para reflexionar sobre a mirada do espectador. Como se poden aplicar as conclusións desta mostra para atraer aos museos a un público máis activo? En xeral, está contento co grao de integración do MARCO na vida cultural da cidade?

A verdade é que a integración no tecido da cidade é un dos nosos principais obxectivos. Cada día traballamos neste sentido e periodicamente ensaiamos novas liñas de actuación que axuden a conseguir unha relación fluída co contorno máis próximo. A Agrupación de Amigos é fundamental neste sentido, así como o programa educativo, o servizo de socios da Biblioteca-Centro de documentación, e os cursos de iniciación. Precisamente nesta tempada poñemos en marcha dúas novas propostas, sobre historia da arte en Galicia e sobre historia do cine, que esperamos teñan a mesma resposta que en edicións anteriores.

"A integración no tecido da cidade é un dos nosos principais obxectivos"

89 Km reuniu obras propiedade do CGAC. Varias das exposicións máis importantes do museo son froito da colaboración con outras institucións. (A Gulbenkian, ArtAids...). Seguirán sendo unha prioridade esas colaboracións?

A colaboración -ou máis exactamente a coprodución- é unha base fundamental e unha prioridade na programación expositiva do MARCO desde o inicio, e máis agora que as cuestións económicas poden botar por terra proxectos realmente interesantes. A coprodución ten ademais outras vantaxes no que atinxe a intercambio de coñecementos, análises, traballo en rede... Por suposto tivemos e seguiremos tendo colaboracións con museos e centros de Galicia, buscando sempre unha complementariedade e evitando repeticións que non terían moito sentido. Para o ano 2013 temos un proxecto de exposición moi atractivo, titulado O boceto do mundo comisariado por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre que coproducimos co Auditorio de Galicia de Santiago e a Fundación Luís Seoane de A Coruña.

Virxilio Viéitez, Jorge Barbi, Suso Fandiño... son algúns dos artistas galegos que tiveron unha exposición dedicada á súa obra no MARCO. Que outros proxectos teñen pensados para seguir a dar a coñecer a arte galega? (É certo que o museo fai moitas exposicións colectivas, e que nelas hai artistas galegos).

Estamos traballando en varios proxectos para os próximos meses pero prefiro non adiantar nada xa que, coa situación actual, é probable que algúns non se poidan levar a cabo por cuestións orzamentarias. Ademais dos proxectos individuais que mencionas, e moitos outros, a presenza nas mostras non se activa só mediante o traballo dos artistas, senón tamén do comisariado, por exemplo, ou das distintas persoas implicadas nun proxecto expositivo. Temos bos exemplos deste labor e pensamos continuar nesa liña. Estamos moi satisfeitos tamén de que a mostra de Jorge Barbi viaxara á Fundação Gulbenkian de Lisboa, ou que a de Virxilio Viéitez, outra produción do MARCO, se mostre proximamente en Madrid nas salas de Fundación Telefónica. Intentamos que haxa presenza galega -sexan artistas ou comisarios- en case todos os proxectos que producimos; un labor lento pero que vai dando os seus froitos.

E hai moitos exemplos, como Jorge Perianes participando en 7+1 Project Rooms ao carón de artistas como Thomas Hirschhorn, Tania Bruguera ou Monica Bonvicini; Carlos Rodríguez-Méndez xunto a Gary Hill ou John Bock; Loreto Martínez Troncoso, Amaya González Reyes ou Rubén Grilo no mesmo ciclo que Wilfredo Prieto ou Karmelo Bermejo; Manuel Eirís e Nicolás Combarro xunto a José Dávila, Carlos Bunga ou Pedro Barateiro; rvr arquitectos traballando no proxecto Hotel MARCO con Michael Lin, só por citar algúns dos exemplos máis recentes.

"Obviamente cando produces obras pensadas especificamente para un lugar o risco é moito maior que se traes obras xa feitas: en xeral estamos máis que satisfeitos dos resultados"

Tamén traballaron bastante en obras creadas especificamente para o espazo do MARCO. Cales foron os resultados, neste sentido?

O mesmo que a colaboración con outros museos e centros de arte, a énfase na produción propia é tamén un dos leitmotiv do MARCO. Os resultados non son comparables aos dunha exposición de produción allea, xa que supón unha total implicación en todo o proceso, dende a primeira idea de proxecto ata a montaxe en salas e a recepción por parte do público. Obviamente cando produces obras pensadas especificamente para un lugar o risco é moito maior que se traes obras xa feitas: en xeral estamos máis que satisfeitos dos resultados. Tanto os artistas como os comisarios ou estudantes en prácticas cos que temos traballado souberon aproveitar a oportunidade que supoñen estes proxectos, non só polos espazos do MARCO, senón tamén polo contacto con toda a equipa do Museo, por participar en todo o proceso que supón sacar adiante unha mostra nunha institución, colaborando na planificación, na produción, na montaxe, na comunicación...

"Exposicións en principio máis conceptuais como A mostra invisible ou a de Martin Creed tiveron unha recepción moito mellor da que podiamos esperar"


A fotografía, o deseño e a ilustración, a animación... tiveron o seu espazo no museo. Xa dixo vostede máis dunha vez que non hai que obsesionarse coas cifras de visitantes pero, axuda a atraelos levar ao museo esa tipo de linguaxes máis populares?

Efectivamente, penso que as cifras non son significativas, ou non máis que outros factores igualmente importantes e que teñen pouco que ver co número de visitantes. Á hora de programar, os obxectivos e destinatarios varían moito en función do tipo de actividade, e non están necesariamente relacionados cun soporte ou forma de expresión determinada. A fotografía é un bo exemplo; fronte á grande repercusión de público dunha exposición como a de Virxilio Viéitez,  temos feito mostras de fotografía realmente minoritarias. De todos os xeitos, outras exposicións en principio máis conceptuais como A mostra invisible (do ano 2006, na que só había pezas de son) ou a de Martin Creed (que encheu de globos os espazos do museo) tiveron unha recepción moito mellor da que podiamos esperar.

Nos últimos anos cada vez temos un público máis novo que vén pola súa conta, quero dicir, sen profesores nin acompañados por adultos, e que dalgún xeito inclúen o MARCO nos seus plans para pasar a tarde. Isto para nós é moi satisfactorio; que lles resulte atractivo entrar no museo a visitar ás exposicións. A isto axuda obviamente a entrada gratuíta, que espero poidamos manter sempre; tamén a proximidade dalgunhas linguaxes da arte contemporánea, e por suposto tamén é resultado do labor dos nosos obradoiros didácticos, nos que levamos anos traballando cos centros educativos e cos rapaces para que a visita ao museo lles resulte interesante, divertida e memorable. Para que teñan ganas de volver.

Iñaki Martínez Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.