“N'O crédito', o público atopará un espectáculo de risa liberadora”

Cartaz da obra Dominio Público Praza Pública

Os actores Antonio Durán Morris e Pedro Alonso veñen de estrear O crédito, produción de Eme2 e Tanttaka, no Teatro Principal de Pontevedra, onde estarán esta fin de semana antes de iniciar unha xira por Galicia cun total de 25 funcións. Trátase dunha comedia bancaria, dirixida por Fernando Bernués e escrita polo dramaturgo Jordi Galceran, autor catalán de textos tan engaiolantes como O método Grönholm.

N'O crédito, un director de sucursal reúnese cun cliente que pretende conseguir un préstamo sen máis aval cá súa palabra. Non hai garantías nin certezas, só un compromiso imposible de cuantificar en euros. A negativa non tarda en chegar, pero hai quen non acepta un “non” por resposta. A desesperación fai que o cliente decida tomar medidas e acaba por lanzarlle un bizarro envite ao director do banco, que pasa da incredulidade ao desastre nun suspiro. O surrealismo invade a vida de dous personaxes desesperados, no que o delirio converte a situación nunha fonte de absurdo, humor e gargalladas do público. Praza entrevista a Morris para falar do espectáculo, do surrealismo, da desesperación de dous personaxes que coinciden no tempo e, como diría Pedro Alonso, a escasos dez minutos do caos absoluto. Como calquera de nós, vaia.

N'O Crédito, Morris regresa ao teatro cunha montaxe con Eme2, dirixido por Fernando Bernués e cun texto que, ao tempo, se adapta noutras partes do estado. É un proxecto que, nesas cuestións, repite unha fórmula semellante a O florido pénsil, a última obra coa que  subiu vistede aos escenarios hai xa tres anos.

Coincide a produtora, coincide tamén Fernando [Bernués], pero o proceso con respecto a O Florido Pénsil é completamente distinto. Un, porque é distinto o proceso de creación. O Florido Pénsil era un espectáculo que xa dirixira Fernando, fixera un lote de representacións previamente. Aquí, seino por el e por que o falamos xa varias veces, Fernando colleu os dereitos antes de que se montara en Madrid e Barcelona, aínda que agora coincide que xa están estreadas neses sitios. Pero el falara previamente con Galceran, o autor, dos dereitos para Galicia e Euskadi. Si que é un espectáculo que está testado, que funciona fóra; pero a nivel artístico non temos ningunha referencia sobre el, non o vimos. Non acontece o mesmo que con O Florido pénsil, que era un espectáculo pechado, que coreograficamente xa estaba ben feito e que só había que sumarlle en Galicia aspectos psicolóxicos na interpretación. Aquí partimos, ao contrario que no outro caso, totalmente de cero. E a verdade, estamos diante dun texto moi redondo. É unha comedia moi elegante, con fondo social e cun ton surrealista que vén dado polo que acontece no escenario con estes dous personaxes que temos. Por un lado, un director de sucursal e, polo outro, o cliente. Ese é o principio, pero ao cabo de oito minutos xa se converten en Gregorio e Antón Vicente, dous homes desesperados polas circunstancias. Pasan moi rápido de ser eses personaxes do empregado de banca e o cliente a ser moi humanos e reais. Iso é un pouco de onde partimos n'O crédito.

"A xente vaise sentir moi próxima, porque se fala de situacións e circunstancias que lle poderían pasar a calquera"

O despacho do director dunha sucursal cando alguén pide un crédito ao que llo van negar... De entrada non parece que sexa unha comedia.  De onde vén o humor?

É unha situación desesperada. Temos un cliente que precisa 3.000 euros e ao que só lle queda a súa palabra. E a palabra, xa se sabe, non se cuantifica en euros. Non cumpre os requisitos, vaia. O caso, que este cliente ten unha filosofía, un modo de entender a situación moi particular e nun momento decide lanzarlle un envite ao director da sucursal. Basicamente, dille que se non lle dá unha oportunidade, terá que actuar con medidas de presión moi inesperadas, tomar unha postura de forza. Principia así unha situación surrealista que, co paso da función, leva ao director a un cambio radical na súa vida. A xente vaise sentir moi próxima, porque se fala de situacións e circunstancias que lle poderían pasar a calquera.

Todo isto, atácalle aos nervios ao director da sucursal, que ve como se lle comeza a cambiar o mundo un día calquera, sen saber moi ben como nin o porqué. E todo cun gran nivel de surrealismo. Comeza a pensar se a vida ten sentido. A comedia vén polas situacións, que fan rir e son simpáticas, pero ao tempo tamén son fortes. Mais ten un punto de tenrura moi intenso, porque falamos de dous personaxes que se acaban por espir en escena. É que o cliente lanza un envite moi forte, provoca unha situación co director da sucursal de forma súbita e sen premeditación, porque o cliente cando toma esa decisión, tómaa no momento e sen saber nada do que vai pasar.

"Ningún dos dous sabe por onde tirar na vida. E intentan axudarse, pero non fan máis que meter a zoca. A min lémbranme un chisco ás comedias de Jack Lemmon e Walter Matthau"

En certo xeito, dáse un troco de papeis, non? Nun principio, quen ten o control é o director do banco, que é quen ten o poder de dicir si ou non ao crédito... E de súpeto, o control cambia de bando...

Digamos que  cambian as tornas e volven cambiar. Realmente, son dous personaxes desesperados que se botarán unha man o un ao outro. Ningún dos dous sabe por onde tirar na vida. E intentan axudarse, pero non fan máis que meter a zoca. A min lémbranme un chisco ás comedias de Jack Lemmon e Walter Matthau. Son dous homes e un destino tamén... É que hai tantas referencias que se poden manexar! Pero a verdade é que as tornas non cambian porque un pase a estar sometido ao outro, realmente van cambiando dun lado para o outro, pero sempre co crédito de fondo. Eu agora estou desesperado, máis ca ti e agora, se me axudas, douche o crédito... E a cousa vaise complicando máis e máis. Eu creo que hoxe pode ocorrer na vida unha cousa semellante, porque detrás dun director de sucursal pode haber un home que... Mira, unha cousa que dicía Pedro [Alonso] nalgunha entrevista: “Todos estamos a dez minutos do caos.” E aquí chégalles aos dous ese caos.

Se cadra, a día de hoxe, simpatizar cun director dunha sucursal non é fácil...

Xa, pero este Gregorio é director dunha sucursal e fala dos de arriba. Isto é así agora, pensemos que a figura dun director de banco xa non é como antes, porque o realmente fodido é a banca. Os propios empregados da banca son uns mindundis todos, agás que suban moitos banzos. Son uns mindundis que dan a imaxe de que están nun posto co que teñen o control, pero non é así. E iso si que se ve claramente na obra.

"Os propios empregados da banca son uns mindundis todos, agás que suban moitos banzos. Son uns mindundis que dan a imaxe de que están nun posto co que teñen o control, pero non é así"

Contar cun texto de Galceran, sendo este autor de obras como O Método Grönholm é contar cun libreto de garantías?

El fixo moitos textos de éxito. Nótase no texto que é un tipo con moito oficio, moi redondo, cun estilo  moi concreto. O crédito é destas obras que les dun tirón e decátaste de que escribir algo cómico tan bo e sen caer na pallasada demostra un gran nivel. Non é fácil facer unha comedia deste tipo dentro dunha oficina bancaria. Penso que o gran acerto do texto pode estar nunha situación que, a priori, ninguén imaxinaría. Quero dicir, o envite que fai o cliente é tan surrealista que, se cho conto agora, parecería incrible. Pero en escena resulta sólido, moi crible. Crelo de verdade.

O crédito quizais é a escusa para retratar o surrealismo que podemos vivir en situacións desesperadas?

Si, mira, a situación do director chega a ser desesperada e á vez surrealista porque, de súpeto, treme toda a súa vida. Periga toda esa pequena seguridade aparente que el tiña. Digamos que a ironía está presente e que o director de banca pensa, de entrada, que o cliente é un chalado. E faille graza... Ao principio, despois pasa a unha fase de non crer que estea a manter semellante conversa. El chega ameazar o cliente, a botalo fóra da oficina, pero acaba por volver chamalo para buscar unha solución ao problemón que lle xurdiu. Estamos ante un exercicio de estilismo moi bo e cunha comedia moi fina, porque os personaxes non se descompoñen para facer a graza. Que va, nada diso! Ris polo contraste e pola posibilidade de que ese tipo de cousas si poden acontecer. Esas situacións cotiás que nos ocorren cada día e que, vistas dende un cristal, provocarían a risa na metade da sociedade. Pero para nós ten unha gran importancia. Pois con esas pequenas cousas é sobre o que está construída a relación dentro da oficina.

"Non é fácil, hoxe por hoxe, atopar autores coma este, que escriban de forma tan coherente, con gracia e sen ser repetitivos"

Falamos dunha obra con dous actores, un só escenario...

Si, pero é que ten moita evolución. Vai evolucionando de escena en escena e o texto, que é formidable, vai levando o público cara a un final moi tenro e agradable. Terminas co sorriso de dous pobres desgraciado. A min lémbrame, xa o dixen, as comedias de Lemmon e Matthau... Lémbrame incluso, sen ter nada que ver, a eses dous personaxes que se cruzaban en Doentes, que non teñen nada que ver, pero que acaban botarse unha man o un ao outro. Para min, o texto é que é moi bo, con dous personaxes con discursos moi coherentes e que, aínda que contrapostos, acaban conectando. A verdade é que a desesperación une a xente. Dicía Pedro tamén nunha entrevista que esta obra é como “un paseo en vespa pola praia de Samil en primavera”. Dicíao pola sensación agradable que provoca no espectador. Non é fácil, hoxe por hoxe, atopar autores coma este, que escriban de forma tan coherente, con gracia e sen ser repetitivos.

"A cousa está peor e a desesperanza que hai no mundo teatral... Vívese como unha aceptación da enfermidade"

Morris volve ao teatro despois de tres anos. Neste tempo, no sector pasaron moitas cousas: unha crise que foi a peor, unha serie de reivindicacións que parece que se foron apagando... Como ve a profesión a día de hoxe?

A cousa está peor e a desesperanza que hai no mundo teatral... Vívese como unha aceptación da enfermidade. Logo hai síntomas tremendos; eu creo que esta profesión teatral comezou con moitísima forza antes de que principiara calquera idea de industria cultural. E agora estamos a ter un momento tristísimo. Non hai máis que ver as dificultades das compañías para actuar e non hai que mirar máis que o buque insignia, ese que debería ser o CDG... É que non teño palabras para expresar isto. É que se volveu todo en contra, dáme tanta tristeza. Non sei cal será o futuro, pero dende logo o futuro non pasa polas grandes ideas que teñen os que están dirixindo culturalmente este país. Refírome ao responsable da Agadic, ao responsable do CDG... Dende logo, pouco futuro vexo se as cousas seguen como van. Tanta falta de interese que teñen... Parece que o consideran todo como algo liquidado, que hai que cumprir só co expediente, que dan esmola a estes do teatro para que sobrevivan un pouco...

"Creo que o teatro e a profesión teatral teñen que dar un golpe enriba da mesa, aínda que polo menos sexa para morrer con dignidade"

Ten a sensación de que asume a derrota?

Eu creo que o teatro e a profesión teatral teñen que dar un golpe enriba da mesa, aínda que polo menos sexa para morrer con dignidade. Non sei, hai unha sorte de aceptación por parte da profesión que non se pode... Temos todos que repensalo. Porque o camiño que toma isto lévanos á invisibilidade total. Pero, oes, que eu estou moi contento de volver ás táboas e con iso é co que me quedo. Con iso me quero quedar e quero encher os teatros con O crédito. Creo que é un espectáculo de risa liberadora para o público. Un público que ten que lembrar que o teatro, tamén a cultura, é seu, é para o proveito de todo nós, para todos nós.

Ensaios da obra Dominio Público Praza Pública
Cartaz da obra Dominio Público Praza Pública
Morris, nun dos ensaios da obra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.