“O MARCO non é o predio caciquil de Abel Caballero”

Jorge Couceiro, no congreso 'Estratexia e Forma', celebrado no MAC Dominio Público Praza Pública

Foi, primeiro, co Velorio pola cultura, a conto da situación do MARCO, mais a Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A colectiva), non deixa de tentar promover o debate sobre a creación contemporánea no país e os seus problemas. Creada no 2016 como plataforma de representación, defensa e promoción de artistas de distintas disciplinas, prepara unha serie de presentacións, entre elas a do mércores 21 de xuño ás 19:30 horas no MARCO. Falamos co seu presidente, Jorge Couceiro.

A asociación está a darse a coñecer. De que maneira? Unha das primeiras intervencións foi o ‘Velorio pola cultura’, arredor da situación do MARCO.

Estamos a organizar unha serie de presentacións por Galicia. Nun principio ían ser para despois do verán, mais atopámonos ante unha situación de urxencia polo que está a pasar co MARCO de Vigo e por iso adiantamos unha das presentacións para o 21 de xuño. Moitos dos nosos asociados están preocupados polo que está a acontecer co MARCO, polo que decidimos tentar facer forza neste tema, como entidade de voceiros dos profesionais da arte contemporánea en Galicia. Queremos ver onde conduce esta sucesión de manobras por parte do alcalde respecto do MARCO…

Parece claro: ao control do mesmo por parte do Concello, ou máis ben da alcaldía.

Nós ofrecémonos para falar coa alcaldía, para a ver que ocorre e trasladarlle que o MARCO é unha entidade que supera o municipal, moi importante para os profesionais de toda a comunidade e tamén no circuíto estatal da arte contemporánea. Por iso, non se pode, da noite para a mañá, mudar o MARCO de rumbo. Non é o rancho de Abel Caballero, o seu predio caciquil. O MARCO está no concello de Vigo, pero é unha entidade que interactúa co resto de Galicia, co Eixo Atlántico e coa rede museística nacional. A nosa asociación ocúpase de moitas máis cousas, mais isto é un tema moi urxente, dadas as circunstancias, que non puidemos deixar para despois do verán.

"Non se pode, da noite para a mañá, mudar o MARCO de rumbo"

 

A asociación quere representar a creación contemporánea, en xeral.

Unha das preguntas que máis nos fan é, quen pode entrar? Pois xente que traballe na arte contemporánea, con maior ou menor frecuencia e intensidade. Poderiamos debater o que é ser un profesional, ser un artista, facer arte contemporánea… Nós non pretendemos impoñer o noso criterio. Chega con que se acepten as regras do xogo…, con que se cumpran polo menos dúas de tres condicións: ter unha vontade de profesionalidade, un discurso contemporáneo -que implica vontade de comunicar cousas que pertencen ao noso tempo- e ter unha praxe artística. Hai artistas, por exemplo, que traballan sen unha conciencia de pertencer á contemporaneidade. En calquera caso, somos unha asociación de creadores, aínda que tamén colaboran con nós outros axentes da arte contemporánea.

Houbo outras asociacións de artistas. Pero foron desfacéndose, quedaron sen actividade… Por que semella máis difícil asociarse que no caso doutras profesións, como a do teatro, a escrita, o audiovisual…?

No proceso de fundación da nosa asociación analizamos as experiencias anteriores, si. O problema é que, na tradición da praxe artística había un elevado nivel de individualismo, de falla de conciencia do colectivo, e niso penso que temos o país que merecemos. Duns anos para aquí comezouse a tomar conciencia de colectividade, de pertenza ao grupo… De feito, para nós é moi importante a colaboración con outras asociacións, como, a nivel estatal, UNION. Estamos a traballar en temas como a consecución do Estatuto de artista. Pasamos, así, de ser un conxunto de profesionais illados a ter unha conciencia de colectivo, de traballo polo ben común… Tivemos un congreso na Coruña, que organizamos co MAC, no que participaron representantes do asociacionismo europeo que nos achegaron as súas experiencias. Agora xa case ninguén funciona coa mentalidade de “como vai o meu”. Traballamos polo interese común.

"Na tradición da praxe artística había un elevado nivel de individualismo"
 

Noutra entrevista falaba de colexiación do sector. E un colexio profesional non é o mesmo ca unha asociación. Cara onde se inclinará a súa?

A idea é atopar un camiño intermedio entre o colexio profesional e o sindicato. Collendo os puntos positivos e desbotando os puntos negativos de ambos. Trátase de defender os nosos dereitos como traballadores, mais tamén de actuar coma unha entidade que poida mediar coas institucións, indo máis alá do que se circunscribe aos nosos dereitos como traballadores. Sempre a través do filtro da colaboración entre profesionais. Competir é hoxe unha idea máis ben de afeccionados.

"Competir é hoxe unha idea máis ben de afeccionados"
 

Falaba antes de Estatuto do artista. Noutros países persoas que se adican á creación teñen axudas para cubrir os períodos nos que non traballan, xa que o seu traballo é descontinuo… É un exemplo.

Non é por ser derrotista mais eu penso que, tal como está a situación hoxe, calquera cousa que se faga pode mellorar moito a situación. Só uns poucos artistas poden vivir da súa obra cunha certa continuidade. A gran maioría dos artistas, en ingresos, anos cotizados…, viven moi por debaixo dos límites da pobreza. E iso supón derramar forza de traballo, un capital humano que podería xerar valor, beneficiando a sociedade.

"A gran maioría dos artistas viven moi por debaixo dos límites da pobreza"
 

Esta precariedade é unha vergoña, e a maioría da poboación non é consciente da mesma. Penso que temos un problema de falla de conciencia. Como cando o alcalde di que o MARCO o pagan eles, entón poden facer con el o que lles pareza. Na vida hai que mirar algo máis lonxe, ter perspectiva, traballar para o longo prazo. No congreso do que falabamos antes, un dos relatores contaba que en Suíza contaban con locais que foran doados. Xente que deixaba inmobles para contribuír a mellorar, no futuro, o tecido social e cultural do país. Xusto como se fixo aquí… pero en favor da Igrexa.

Son artistas galegos e non galegos, pero que traballan en Galicia.

Si, moitos non traballan aquí, ademais, todo o ano, porque a vida obrígate a pasar tempo fóra, a viaxar…

Dicía hai pouco Iñaki Martínez que fallaban non só os orzamentos para institucións coma o MARCO, senón o modelo das mesmas.

Nisto só podo dar a miña opinión persoal, que non é a da asociación. Eu penso que o que pasa é que a práctica artística camiña cada vez máis cara a interacción, a interactividade, a inserción no tecido social e cultural do lugar no que se desenvolve. Os artistas tenden a traballar con xente do lugar, que non son só outros artistas. Muda a relación co público. Neste contexto, non ten sentido ollar só á obra puramente obxectual. Hai moitos artistas que non crean obxectos, que optan por outros formatos. Un centro de arte ten que ter unha colección, conservar e protexer pezas de arte, pero tamén coidar a inserción no entorno, a través do departamento pedagóxico e doutras prácticas. Un exemplo que se me ocorre son as residencias de artistas en museos… En calquera caso, o que non se pode é confundir o museo co espectáculo televisivo. E niso temos, como dicía antes, o que merecemos. Non podemos culpar a outros. 

"A práctica artística camiña cada vez máis cara a interacción, a interactividade, a inserción no tecido social e cultural"
 

Non hai moito que en Galicia comezaron a proliferar espazos e proxectos “alternativos” que buscaban outro tipo de relación co entorno… Unha parte pecharon, outros seguiron ou mudaron…

Iso é fundamental velo en perspectiva histórica. Xa nos anos 60, en todo o mundo, hai un movemento nese sentido, de manifestacións situadas fóra dos circuítos convencionais. Pero o sistema acaba, moitas veces, incorporándoos. O sistema vai capturando as novas propostas. No caso galego, o que pasou é que a xente comezou a chegar ao límite do que podía aturar. Foi no contexto do derrube producido pola Cidade da Cultura, o seu efecto sobre o orzamento de cultura. Moita xente decidiu tirar para adiante cos seus propios proxectos.

Falabamos antes do MARCO, pero no CGAC tamén houbo problemas, ou na Fundación Seoane. Houbo, nos últimos anos, pasos adiante e atrás en canto a boas prácticas. Escoller directores por concurso ou a dedo...

A situación é xusto a que describes. O que está a pasar co MARCO é un exemplo de paso atrás. E se algo vai á contra das boas prácticas, non debe facerse. Non ten sentido que Abel Caballero faga iso, e menos levando unha bandeira, supostamente, de progreso e defensa dos traballadores…

Ademais da dimensión do espectáculo, pode estar a das prioridades. Que se evidencia a comparar a que se dedican os orzamentos de cultura no concello de Vigo.

Só hai que ler os orzamentos para que se vexa cales son as prioridades. Mais, cando se ergue un edificio, é un arquitecto o que di como debe facerse. Da mesma maneira, se se quere poñer unha escultura nunha rotonda, haberá que contar cun profesional, porque é un investimento público, igual que cando se constrúe un edificio. O trato de ninguneo vén xa de moi atrás, antes da actual alcaldía. Na Coruña estivo o vazquismo… E o peor é que se a escultura cae enriba da xente, vanlle ir pedir contas ao escultor, porque as cousas mal feitas quedan para o futuro e xa non se pensa en quen decidiu que ían estar alí, con que garantías e condicións…

Imaxe do 'Velorio pola cultura', no MARCO Dominio Público Foto: Enrique Lista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.