A xornalista Montse Dopico será a encargada de redactar e ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a cerimonia dos XX Premios María Casares, que se celebrará o vindeiro mércores 30 de marzo no Rosalía de Castro da Coruña. O texto, por unha banda, céntrase no papel das institucións. "En demasiadas ocasións, ao referirnos ao teatro ou a cultura estamos a falar das institucións, coma se fosen elas quen fixeran cultura. A cultura pertence á base social", destaca, sinalando que "iso non quere dicir que non debamos esixirlles ás administracións que cumpran co seu deber”.
"En demasiadas ocasións, ao referirnos ao teatro ou a cultura estamos a falar das institucións, coma se fosen elas quen fixeran cultura. A cultura pertence á base social", destaca
De igual xeito, Dopico lánzalle unha mensaxe ao sector de cara ao futuro: “Ao igual que no xornalismo, no teatro fai falla crítica, mais tamén autocrítica”. Nas últimas edicións algún dos encargados de ler este manifesto foron Camilo Franco, Ramón Villares, Xosé Luís Méndez Ferrín, Cesáreo Sánchez ou Xurxo Borrazás.
A xornalista comeza o seu texto cuestionando a relación actual entre o sector e as institucións públicas: “Cultura así, con maiúsculas, non é unha consellería. Unha dirección xeral. Non é unha non política, nin unha retallada do 70% nos xa cativos apoios que deberían servir para que unha entrada nun espectáculo non fose só un luxo exclusivo para os ricos”. E engade: "Se algo sostivo -e sostén- a cultura en Galicia, e o teatro como parte dela (...) Foi o empeño persoal, e colectivo, de todos os creadores e creadoras que non só resistiron, senón que actuaron. E que actúan. Que fan, refán, reiventan. Malia a precariedade. Malia a censura. Titeriteiros, titeriteiras, todos".
Dopico pídelle non só resistencia ao teatro, senón tamén afouteza: “O teatro tampouco poderá capear a treboada se ten medo. Se dimite e, entre lamentos, se retira ante as ameazas (...) Se non procura o xeito de renovar o seu encontro co público e se renuncia ao contraste con públicos máis afastados. Se teme a crítica, e en especial a foránea. Se cede ante a presión do desemprego e acepta mutilar os dereitos laborais. Se abandona a protesta polo que é seu".
Conclúe pedíndolle ao teatro "ir á procura (...) da beleza, entendida non como o contrario da fealdade, senón da indiferenza"
E conclúe pedíndolle ao teatro (e a toda a cultura e tamén ao xornalismo) "ir á procura do que sae por fóra, do que altera. Do que nos conduce a outras miradas. Á transformación da realidade. Ou polo menos á busca da beleza, entendida non como o contrario da fealdade, senón da indiferenza".