Chamábanlle a Campaña do peso. A Asociación Cultural O Galo impulsou unha colecta popular, peto de barro en man, para recadar fondos e poder así recoñecer, co Premio Castelao, a mellor obra de teatro en galego. Foi un éxito, e a marca bateuna o grupo de Pontevedra. No Diario de Pontevedra publicáronse dúas entrevistas en galego sobre o tema. Radio París dedicoulle tamén un programa. E en poucos días a Tino Caamaño, cuxo nome saíra varias veces, chegoulle un recado ameazante da Xefatura da Falange.
Así estaban as cousas a primeiros dos anos 60. O galardón, creado no 1963, nacera en resposta á marxinación do galego nun certame de teatro que organizaba o Sindicato Español Universitario (SEU), no que se admitían as outras tres linguas do Estado. O fallo do Premio Castelao converteuse nun acontecemento cultural no que participaban boa parte dos principais nomes do galeguismo, cunha cea literaria que se celebraba no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago.
O fallo do Premio Castelao converteuse nun acontecemento cultural no que participaban boa parte dos principais nomes do galeguismo, cunha cea literaria que se celebraba no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago
O Galo foi o primeiro, pero houbo moitos máis. Nas últimas décadas do franquismo desenvolveuse un moi activo asociacionismo cultural en Galicia, que o Consello da Cultura e a Fundación 10 de Marzo analizan na exposición Un canto e unha luz na noite. O Museo do Pobo Galego acolle esta mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, ata o vindeiro 13 de maio. Máis de vinte mil documentos, a maioría gardados polos que foron os directivos das asociacións ou por coleccionistas, foron escaneados para elaborar este proxecto, para o que tamén se realizaron vinte entrevistas persoais.
"As minorías compostelás, case todas elas formadas por estudantes universitarios, manteñen contacto permanente con Ramón Piñeiro nuns casos, co arqueólogo, etnógrafo e poeta Fermín Bouza Brey e co pintor Carlos Maside noutros"
O campo fora aboado por iniciativas anteriores, como a editorial Galaxia. “As minorías compostelás, case todas elas formadas por estudantes universitarios, manteñen contacto permanente con Ramón Piñeiro nuns casos, co arqueólogo, etnógrafo e poeta Fermín Bouza Brey e co pintor Carlos Maside noutros, dando saída algúns deles aos seus escritos nas páxinas do xornal santiagués La Noche”, conta Manuel Caamaño no libro-catálogo que complementa a exposición.
No 1958 xurdira en Madrid o grupo Brais Pinto. Un dos creadores de O Galo, Antón Santamarina, subliña como antecedente os “minervalistas” de finais dos 50: Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Franco Grande, López Nogueira, Rodríguez Mourullo e outros que sen seren concursantes ás Minervais formaban parte do cenáculo político-literario: Xosé Manuel Beiras ou Gustavo Docampo. O paso para fundar o Galo deuse -lembra Santamarina no libro antes citado- coa xeración seguinte: Xulio Maside, Ventura Cores, Salvador García-Bodaño, Aurichu Pereira ou Mercedes García.
Noutra exposición que precedeu á organizada agora polo Consello da Cultura, O Galo lembraba así a súa fundación: “Intereses e arelas comúns eran as súas armas intelectuais para materializar expectativas artísticas e culturais con ánimo de chegar á sociedade galega, fóra da tutela e o “control” do holding Galaxia, como xa tiña acontecido con grupos como Brais Pinto en Madrid. Non hai que esquecer a proposta que lles fixera Piñeiro de organizar asociacións de Amigos de Galaxia, que non tivera éxito organizativo entre a mocidade”.
Despois viñeron A Agrupación Cultural O Facho na Coruña, a Asociación Cultural de Vigo, o Club Cultural Valle-Inclán en Lugo, a Asociación de Amigos da Cultura en Pontevedra, a Agrupación Cultural Auriense en Ourense, o Ateneo de Moaña, a Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia...
O Galo iniciou a súa andaina no 1961. E despois viñeron A Agrupación Cultural O Facho na Coruña, -aínda en activo, como O Galo-, a Asociación Cultural de Vigo, o Club Cultural Valle-Inclán en Lugo, a Asociación de Amigos da Cultura en Pontevedra, a Agrupación Cultural Auriense en Ourense, o Ateneo de Moaña, a Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia, e xa nos 70 a asociación Francisco Lanza en Ribadeo, Sementeira en Viveiro, Castelao en Monforte, Os Cigurros na Rúa, Avantar no Carballiño, Alexandre Bóveda na Coruña...
O nacionalismo, reconstruído na clandestinidade pouco despois de nacer O Facho, atopou nas asociacións culturais galeguistas o osíxeno que necesitaba”, asegura Harguindey
A Lei de asociacións de 1964 abrira un oco -malia que establecía que os principios de calquera colectivo debían estar “de acuerdo con las normas inspiradoras del Movimiento nacional”- que os galegos souberon aproveitar. Cóntao no libro que acompaña á exposición Henrique Harguindey: eran os tempos do que algúns chamaban, con retranca, a “dictablanda”, pero a represión non rematara. “Entre censura, dificultades administrativas, prohibicións, control policial e unha serie de intimidacións que constituían o pano de fondo moitas veces oculto, comezou O Facho a súa andaina”, apunta.
“Este asociacionismo deixou un impresionante froito cultural en Galiza. Iso xa sería abondo para que figurase remarcado na nosa historia contemporánea. Pero, ademais, por mor das circunstancias e ante a prohibición dos partidos políticos e a falta de liberdades, desempeñou un papel decisivo no avance sociopolítico do pobo galego. O nacionalismo, reconstruído na clandestinidade pouco despois de nacer O Facho, atopou nas asociacións culturais galeguistas o osíxeno que necesitaba”, asegura Harguindey.
María Dolores Villanueva sinala que nestes colectivos participaron persoas que despois serían líderes ou integrantes de POG, PSG ou da UPG. Camilo Nogueira foi presidente da Asociación Cultural de Vigo, como despois Ferrín
Tamén María Dolores Villanueva sinala que nestes colectivos participaron persoas que despois serían líderes ou integrantes de POG, PSG ou da UPG. Camilo Nogueira foi presidente da Asociación Cultural de Vigo, como despois Ferrín. Unha das achegas deste colectivo foi o programa de radio en galego Raíz e tempo. “Na emancipación nacional e social de Galiza, o traballo de todas as asociacións culturais, das persoas lembradas e doutras moitas que viviron estas circunstancias merece ser recoñecido”, sostén Nogueira.