Luís Emilio Batallán ten novo disco, Había que chegar (Galaxia). Corenta anos despois do mítico Ahí ven o maio. Polo medio houbo outros, mais non co éxito do primeiro. E el non deixou de evolucionar. Di que o importante é facer boas cancións. E seguir o propio camiño. Falamos con el nesta entrevista.
Dixeches que Había que chegar é o teu mellor disco desde Ahí ven o maio. Por que?
Estou contento. É unha boa produción, feita con moi bos colaboradores. Se non é o mellor é dos mellores, con Ahí ven o maio que, claro, é un disco mítico. Do que fixen nos últimos anos é o mellor, ou polo menos eu así o sinto.
Este se cadra é máis pop. Aínda que xa Ahí ven o maio non era só folk.
Si, tamén Ballet da nena era máis jazz. Os músicos sempre estamos buscando cousas distintas. Non me interesa volver facer o mesmo. A música só se divide en boa ou mala. Os xéneros non teñen importancia. A cuestión é ter un selo persoal.
"É mellor non chegar, estar sempre en camiño"
Había que chegar foi gravado na Habana, en Los Ángeles, en Zurich, en Madrid e en Ibiza. Como foi isto?
Foi o produtor, Dagoberto González, que é cubano, o que foi propoñendo os músicos. Como estaban noutros países viaxamos a onde se encontraban. Son Rodney Barreto, Rolando Luna, Norberto Rodríguez e a agrupación Sexto Sentido.
O título do disco é o dun poema de María Mariño. A onde hai que chegar entón?
Pois é mellor non chegar, estar sempre en camiño. María Mariño é unha poeta que me encanta. Falárame dela Uxío Novoneyra. Había que chegar é un dos poemas que máis me gustan dela.
Alén da cuestión dos estilos é un disco bastante variado. Pouco teñen que ver, por exemplo, o primeiro tema co segundo, que é "Adiós ríos, adiós fontes".
O segundo é máis ben sinfónico, si. Este é un disco de temas aos que lles dá continuidade o propio son, que está moi coidado. A liña é facer boas cancións, como en Ahí vén o maio. O difícil é facer boas cancións: ter bos textos, boas ideas, boas músicas… Nese sentido, o folk ten as súas limitacións. Pode haber 20.000 instrumentistas, mais a música instrumental ten os seus problemas. É un esquema musical que pode cansar. E eu creo que a miña achega á música galega pode ser importante ao longo do tempo…
"Sempre son distinto cando cando en castelán que cando canto en galego. É outra sonoridade e outro tipo de composicións"
Estás a preparar un novo disco, en castelán, no que contas coa colaboración de Sabina e de Serrat. En que fase está?
Están Sabina, Serrat, Milanés e Andrés Suárez. Xa está case acabado. E é moi distinto a Había que chegar. Sempre son distinto cando cando en castelán que cando canto en galego. É outra sonoridade e outro tipo de composicións.
A Pablo Milanés, que tamén colabora en Había que chegar, xa o coñecías hai anos.
Pablo Milanés e Silvio Rodríguez coñecían Ahí ven o maio antes de que Pablo e eu nos coñecésemos. Somos moi amigos. El di que Ahí ven o maio é un disco que sempre ten á man.
De Ahí ven o maio díxose que vendera medio millón de copias. Por que tivo tanto éxito, visto desde a perspectiva de hoxe? Era diferente. Pola calidade do son, por exemplo.
Eu creo que o éxito se debeu a que é un bo disco. Están ben encaixadas as músicas cos textos, están ben escollidas… Son boas cancións e, si, o son está ben realizado. E éxito é iso: que despois de 40 anos Ahí ven o maio se siga vendendo.
"Non era unha persoa que se significase moito politicamente. Eu tiña unha visión máis musical que contestataria"
Di Vicente Araguas que musicar Quen puidera namorala de Cunqueiro, como fixeches ti en Ahí ven o maio, era novidade nun contexto no que a canción de denuncia “anulaba os poetas sen intencionalidade social, moito menos política”. Estás de acordo?
Era o final da ditadura, un tempo moi convulso. Eu tiña moitos amigos na loita antifranquista e a política estaba moi presente, en todo. Mais eu estaba estudando Medicina e ía un pouco por libre. Non era unha persoa que se significase moito politicamente. Eu tiña unha visión máis musical que contestataria. Aínda que no meu disco si había cancións con contido político.
Non hai outra, se musicas a Celso Emilio Ferreiro, por exemplo.
Si, claro. Son letras con contido político e social. E xunto a elas tiña cancións de amor e outros temas. É certo que eu non cantaba "Abaixo a ditadura", pero eses contidos tamén estaban aí.
"'Adiós ríos, adiós fontes' tiña que estar. Non me gusta o que fixo Amancio Prada con ela. Non se pode falar dunha despedida, de emigración a América, como se fose unha muiñeira"
En Había que chegar tamén están eses diferentes ámbitos temáticos. Desde a escolla do "Adiós ríos, adiós fontes" de Rosalía ou a denuncia da pobreza en "Probe xente" a "Si choras", por exemplo.
"Adiós ríos, adiós fontes" tiña que estar. Non me gusta o que fixo Amancio Prada con ela. Non se pode falar dunha despedida, de emigración a América, como se fose unha muiñeira. Non ten sentido. Eu xa tiña esta música, ademais. Compúxena para unha serie de televisión que se fixera con guión de Antonio Gala, na que se falaba de Rosalía. "Si choras" é un tema que compuxen cando tiña 17 anos, pero nunca o gravara.
Neste disco hai bastantes letras túas, de todas maneiras. E teñen algo de música popular, como "Viva Lalín" ou "Brasil". Son composicións sinxelas…
As letras do disco son miñas ou de poetas. E neste disco hai máis letras miñas, si. A de Brasil compúxena porque fun tocar alí, a un pobo marabilloso de Minas Gerais que se chamaba Três Pontas. Estaba perto doutro pobo, Três Corações, que ten a particularidade de que alí naceu o rei Pelé. Como eran rivais, os de Três Pontas dicían que para matar un home de tres corações só se precisaba unha faca de tres pontas… Eran pobos moi distintos de Rio, ou de São Paulo, que é un caos. No Brasil estiven con Pablo Milanés, con Chico Buarque…
"Como en internet se pode atopar todo de balde, desvalorízase o noso traballo. Mais tamén é verdade que nunca se escoitou tanta música"
Na entrevista con Víctor Freixanes que pode verse no DVD de Había que chegar dis que os músicos sodes un pouco inútiles, pero necesarios. Como é iso?
Pois é iso. Somos un pouco inútiles porque a música non dá de comer pero si alimentamos o espírito e por iso somos tamén necesarios para vivir. O IVE do 21 por cento está a facerlle moito dano á música. Pero hai que seguir. Facer cancións para a xente. O que ocorre é que como en internet se pode atopar todo de balde, desvalorízase o noso traballo. Mais tamén é verdade que nunca se escoitou tanta música. Gústame moito ver xente de 15 ou 16 anos nos meus concertos que segue a miña música.
Dis, tamén, no libro-disco de Había que chegar, que os galegos levamos centurias en crise e seguimos loitando e “contando cunha cultura riquísima” que nos permite “compartir unha mensaxe co mundo enteiro”.
Os galegos pasamos moita miseria e moita fame. Os nosos avós e pais tiveron que emigrar, sen preparación, sen nada. Como agora os magrebís e os romenos. Por iso, cando falamos da crise actual, creo que perdemos algo de perspectiva. Non discuto que haxa crise, moita xente está sen traballo. Pero non é o mesmo marchar agora, tendo estudos e cos medios que hai, nun avión e podendo volver, que cando emigraban os nosos avós. Os galegos levamos polo menos 500 anos en crise. Que nos veñen contando agora? E seguimos tendo o problema de falta de industrialización, ao contrario do País Vasco ou Cataluña, por exemplo.
"Temos unha lingua cunha variedade que falan 200 millóns de persoas en todo o mundo"
A túa xeración agardaba que as cousas mudasen moito. E cambiaron. Mais agora temos importantes retrocesos en dereitos sociais, liberdades públicas… Como o ves?
Pois temos problemas como o feito de ser un país envellecido, moi dependente dos pensionistas. Ao perder poboación tamén perdemos poder político dentro do Estado español. E os políticos viven o momento, van parcheando e seguen na poltrona. Non teñen visión de país. Mais a nosa cultura aguantou e aguanta. Temos unha lingua cunha variedade que falan 200 millóns de persoas en todo o mundo. A nosa lingua, a nosa cultura, é o que nos diferencia, o que nos dá personalidade propia. Nós somos un pobo universal, europeo. E eu non creo nas fronteiras. Eu defendo a nosa cultura, pero non a separación, como está a pasar en Cataluña. Os galegos podemos andar con litixios na nosa terra pero cando andamos polo mundo somos solidarios entre nós. E eu creo que os que queren separarse adoitan ser os ricos.
"Creo que hai que cambiar o sistema desde dentro e non botarse ao monte. Non creo nas posturas antisistema"
Mais a chamada lei de seguridade cidadá, o intento de reforma da lei do aborto, os recortes sociais que ti verás ben porque es médico… non lembran tempos pasados? Non se vos contou na transición algunha mentira sobre o que ía ser?
Coa lei do aborto rectificaron. Deixárona como estaba que é como ten que estar. A realidade avanza e as leis non poden quedar atrás dela. Eu creo que si houbo un problema importante de corrupción. Eu entendo que se fale de “casta” e de portas xiratorias, porque hai moita xente que se mete en política para beneficiarse. Mira os casos de Pujol, o de Bárcenas, o dos EREs... Pero hai outras posturas que non comparto. Creo que hai que cambiar o sistema desde dentro e non botarse ao monte. Non creo nas posturas antisistema. Hai que cambiar as cousas votando a outros, se non nos gusta o que fan os que temos. Non estou de acordo con afirmacións como que “non nos representan”, porque si o fan porque os votamos.
O Estado español cambiou moito desde a transición, pero hai cousas que aínda non solucionamos. Claro que hai recortes e en sanidade nótase ben. A crise levou por diante moitas cousas do Estado de Benestar, é verdade. E temos que recuperar o que tiñamos, canto antes, porque hai que protexer a xente máis débil. Pero eu confío na democracia e non nos populismos de novo cuño. Para a utopía xa estamos os artistas. Os políticos teñen que ocuparse de gobernar a cousa pública. Non hai sistemas perfectos. Mira o que pasou en Cuba e Venezuela: acabou sendo catastrófico. A industria europea ten un gran problema, que é que as empresas marchan a outros países con man de obra máis barata. E é verdade que a tendencia é que a clase media desapareza. Pero é a globalización, unha tendencia mundial. Reivindicar, por exemplo, o sistema marxista agora non ten sentido. Porque fracasou. Hai que ter unha visión máis ampla.