Tras un longo ano de xuntanzas, debate e intercambio; unha Comisión Redactora -constituída por representantes de asociacións profesionais e colectivos vencellados ao sector escénico- vén de presentar o Anteproxecto de Lei das Artes Escénicas de Galicia, un documento de quince páxinas e 36 artigos chamado a definir o futuro e o desenvolvemento das artes escénicas. Trátase dun anteproxecto de lei consensuado cuxa misión pasa por converterse -no caso de que sexa aprobado polo poder lexislativo- nun instrumento xurídico que permita desenvolver os mandados de impulso, protección e difusión que garantan a creación cultural e de acceso á cultura no ámbito escénico. Esta semana, no Parlamento, foi presentado de forma oficial e agora tócalle á quenda aos grupos políticos presentes na cámara galega, que deberán analizar e debater esta proposta artellada dende o seo do sector. Praza fala con Roberto Pascual, profesor da ESAD, director da Mostra de Ribadavia e membro da Asociación de Festivais, que foi o encargado de dar a coñecer o texto o pasado xoves no Parlamento en rolda de prensa.
Por que as artes escénicas precisan unha lei como a que se recolle neste anteproxecto?
Hai dous porqués fundamentais. O primeiro deles é a regularización dun marco lexislativo para un desenvolvemento correcto e axeitado do sector escénico galego. Que haxa unha lei marco é o xeito máis correcto, aínda que se podería desenvolverse doutro xeito. Por exemplo, como se desenvolveu até o momento: coa ausencia de leis e con plans máis ou menos pensados de cando en vez. Ou directamente sen plans, simplemente a bandazos. Nós pensamos que é mellor e resulta máis avanzado facer un desenvolvemento cara ao progreso e cara á excelencia das artes escénicas dende un marco lexislativo e non dende un plan de boas intencións ou dende a improvisación.
O segundo porqué sería que as artes escénicas, como calquera outro sector -por exemplo o sector do libro-, pode desenvolver unha lei propia específica. O sector do libro é un sector culturalmente importante en Galicia, pero o das artes escénicas -coincidirán comigo os cidadáns e os nosos representantes políticos- non é menos importante. Xa hai unha Lei do Libro, agora precisamos unha lei marco para as artes escénicas.
"Non houbo un rumbo claro e dende logo non houbo un marco legal. Entón cada goberno, dependendo das súas capacidades e tamén dos seus intereses nas artes escénicas, levouno dun xeito ou doutro"
Entón até o de agora todo ía dando bandazos?
Non houbo un rumbo claro e dende logo non houbo un marco legal. Entón cada goberno, dependendo das súas capacidades e tamén dos seus intereses nas artes escénicas, levouno dun xeito ou doutro. Houbo unha ausencia de plans e houbo épocas nas que houbo plans, por exemplo o Plan de Artes Escénicas 2008-2011. Era un plan interesante, que foi redactado cun amplo consenso no sector... Pero non deixaba de ser o plan dun goberno que, cando chegou outro goberno, acabou paralizado e esquecido. É moi distinto gobernar dende unha lei marco que gobernar sen ningún marco legal. Entón, creo que isto debería ser un compromiso do poder lexislativo, de todos os grupos políticos do Parlamento de Galicia. E creo que é unha oportunidade de ouro que lle brindamos aos grupos parlamentarios, xa que falamos dunha proposta de lei que lles chega e que xa está debatida, consensuada e ratificada pola maioría das asociacións sectoriais das artes escénicas.
As orixes deste anteproxecto están no debate que, dende hai tempo, rodea ao Centro Dramático Galego (CDG). Refírome ao debate sobre a súa natureza xurídica e a súa falta de independencia. No texto, fálase do CDG -tamén do Coreográfico- nun artigo no que se esixe un desenvolvemento xurídico destas unidades de produción. Que cambio precisa o CDG e que se esixe exactamente neste anteproxecto?
O CDG precisa unha homologación a todos os niveis con outros centros de similares características. Dentro e fóra do estado atopamos distintas fórmulas. Pode ser a fórmula do Teatro Nacional de Cataluña, que é unha sociedade anónima ou pode desenvolverse unha lei propia, como é o caso do Centro Dramático Nacional. As fórmulas poden ser diversas, pero o que precisa o CDG é ser un auténtico teatro nacional. Para iso precísase autonomía real, para que poida desenvolver con normalidade e seguridade os seus cometidos artísticos en cuestións relativas ás coproducións, á economía, á autonomía xurídica, á contratación ou á sinatura de convenios. Se nos queremos a homologar a outros centros dramáticos que atopamos polo estado adiante ou en Europa, é preciso que o CDG non sexa unha unidade dependente da Agadic. Precisa capacidade de autoxestión.
"As fórmulas poden ser diversas, pero o que precisa o CDG é ser un auténtico teatro nacional. Para iso precísase autonomía real"
Acaba de falar de dúas posibles fórmulas para o CDG...
Hai máis fórmulas. Estas dúas son as máis próximas, pero hai máis...
De acordo, pero por cal apostan vostedes neste anteproxecto?
Non hai unha concreta. O único que demandamos é que o CDG teña solvencia e autonomía. A fórmula é algo que deberá decidir o Goberno e o Parlamento. E esa decisión debería ser posterior á aprobación da lei marco das artes escénicas. E non só falamos do CDG, tamén do Centro Coreográfico Galego ou de calquera outra unidade de produción que poida fundarse no futuro.
"Cómpre aproveitar esta oportunidade, xa que moita xente se implicou de maneira altruísta, con gran compromiso e con sentido de país..."
Este anteproxecto chega ao Parlamento de Lexislatura no treito final da lexislatura. Poucos plenos quedan e a velocidade parlamentaria non xoga a favor de que este anteproxecto sexa estudado e menos aprobado nesta lexislatura....
Os ritmos políticos xa non dependen tanto de nós, pero nós propoñemos esta lei e coido que hai que subliñar o consenso que se acadou. Creo que cómpre aproveitar esta oportunidade, xa que moita xente se implicou de maneira altruísta, con gran compromiso e con sentido de país... Houbo dende o primeiro momento un gran grupo de xente que quixo reunirse e quixo crear unha comisión para consensuar un texto como o que presentamos. Pretendemos, dalgún xeito, contaxiar os grupos políticos deste espírito de consenso. Se non se pode aprobar, por cuestións de ritmos e tempos, o texto nesta lexislatura, que se empregue como un elemento a ter en conta na campaña electoral. Porque aquí van ter os grupos políticos o apoio de todo o sector profesional para aprobar un texto coma este. No fondo, esa era unha das intencións da comisión: achegarse a todos os partidos políticos. E ben sexa no que quede de lexislatura ou ben sexa estando presentes nos programas electorais, o importante é que esta lei se aprobe canto antes.
Cal é o seguinte paso? Falamos dun texto consensuado por representantes dos colectivos e das asociacións, pero para que chegue a se debater dentro do poder lexislativo, terá que levalo un grupo parlamentario ao pleno, non?
Antes de presentalo ao poder lexislativo, xa foi presentado ao poder executivo. Foi presentado ao Goberno. A secretaría Xeral de Cultura, a Consellería e a Agadic xa están informadas. Agora presentóuselles aos voceiros de cultura dos distintos grupos parlamentarios porque a nosa intención non é que un grupo presente unha proposición de lei, senón que sexan varios grupos ou -a poder ser- todos os grupos quen presente o proxecto. Esa é a nosa intención: que sexa unha lei proposta por todos os grupos.
"O Consello de Artes Escénicas tería unha maioría das asociacións vinculadas ás artes escénicas e logo (...) persoas cunha recoñecida traxectoria na diversidade das disciplinas escénicas"
No anteproxecto contémplase a creación dun Consello de Artes Escénicas. Que vén sendo?
É un consello de similares características ao do Consello do Libro, recollido na lei do Libro e da Lectura. O Consello tería unhas funcións similares, pero loxicamente adaptadas ás particularidades do sistema escénico galego. O consello tería unha maioría das asociacións vinculadas ás artes escénicas e logo unha porcentaxe de representantes nomeados polo Parlamento. Serían persoas cunha recoñecida traxectoria na diversidade das disciplinas escénicas, porque a lei nace con esa vontade de atender os monicreques, a danza, o teatro, o circo, etc. E serían escollidas a través das propostas das distintas asociacións actuais. No caso de que nazan outras, teríanse en conta tamén. A intención é que sexa un consello lexitimado pola representatividade.
"Priorizouse moito a produción, pero a difusión e visión integral de todo o proceso de creación e recepción escénica non remata na estrea dun espectáculo"
Logo temos o Fondo de Promoción Escénica. Para que serviría?
O Fondo de Promoción Escénica estaría dedicada a unha parte que cremos que foi desatendida na xestión pública dentro das artes escénicas. Priorizouse moito a produción, pero a difusión e visión integral de todo o proceso de creación e recepción escénica non remata na estrea dun espectáculo. Hai outras fases moi importantes como é a promoción, a difusión, a investigación ou a residencia artística que quedaron relegadas. Aí entra o Fondo de Promoción Escénica. Nós propoñemos por un lado reformular as axudas á produción e, por outra banda, ter outros fondos de carácter retornable e natureza distinta ás subvencións, que permitan captar fondos públicos e privados que sirvan para mellorar os mecanismos de financiamentos de todos os proxectos escénicos.
Durante a presentación deste anteproxecto, vostede asegurou que “o sistema de axudas é caduco e está desfasado”. Que propoñen para corrixilo?
Proponse reformular o sistema de axudas á produción tendo en conta esta visión integral da creación escénica. Actualmente, falta todo o que está antes e o que está despois da estrea dun espectáculo. O que está antes é a investigación e a residencia artística. Fai falla, polo tanto, unha coordinación entre as distintas administracións públicas para que se destinen fondos cara á investigación a escénica ou a documentación. Tamén é necesario dedicar recursos á difusión interior, á difusión exterior e á captación de novos públicos. Tamén se inclúe neste apartado o CRTVG que formaría parte na colaboración e nos fondos.
"Proponse reformular o sistema de axudas á produción tendo en conta esta visión integral da creación escénica. Actualmente, falta todo o que está antes e o que está despois da estrea dun espectáculo"
Pero por que está obsoleto?
Agora mesmo son unhas axudas que se destinan á produción e onde os criterios priman máis o carácter económico e non tanto unha visión cultural e escénica. Non se apoia os valores e os talentos de todos os creadores escénicos. É dicir, non pesa o mesmo na valoración dos proxectos o currículo dun actor que o currículo dun escenógrafo ou dunha dramaturga. Por outro lado, hai que ter en conta tamén outras cuestións que rodean a produción, como son as estratexias de comunicación ou as estratexias de difusión de compañía, os seus plans de investigacións...
No anteproxecto atopamos un apartado dedicado ao sistema educativo e no que se insta a que en todos os niveis de ensinanza se inclúan as artes escénicas como materia de estudo. Para aplicarse esta cuestión, parece que habería que cambiar unhas cantas leis e todos os planos de estudo...
Si. Mais pensemos que xa hai unha materia dentro da LOMCE que é unha materia de Artes Escénicas no bacharelato que podería ser unha materia impartida por persoas vinculadas ás artes escénicas ou a titulados en artes escénicas. Outra cuestión é que Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias, abra listas de interinidades para cubrir as prazas. E que dentro dos requisitos se esixa a titulación superior en Arte Dramática. E non darlle de recheo esa materia a profesores de literatura, de historia ou de educación física. Ese é un cambio que se pode emprender xa...
Agora, tamén se propón o asunto noutros niveis educativos. Tamén se inclúe que en primaria se recollan materias específicas de artes escénicas. Iso implicaría unha nova lexislación. Como se indica na lei, no exercicio das súas competencias, a Consellería de Educación a través das leis marcos que emanan do Ministerio, debería -en canto exista a oportunidade- introducir materias de expresión dramática en primaria.
"A actividade dun centro non pode quedar reducida a exhibir un espectáculo durante a fin de semana de cando en vez. Teñen que ser centros vivos"
Tamén hai no anteproxecto un artigo dedicado ao abondoso número de infraestruturas culturais que atopamos en cada concello do país e que, na maioría dos casos, están escasamente empregados ou mesmo abandonados. Que propón a lei?
Durante uns anos realizouse un investimento do que debemos ser conscientes, porque se fixo un gasto enorme nun momento en que se considerou que se podía levar a cabo, pero o que pasou é que naceron moitos edificios sen misión, sen visión e sen acción. Nós o que pensamos na lei é que esas infraestruturas teñan un plano director no que se determinen tres puntos esenciais: a misión do espazo, a visión dese espazo e a súa acción. É dicir, a actividade dun centro non pode quedar reducida a exhibir un espectáculo durante a fin de semana de cando en vez. Teñen que ser centros vivos.
"Aprobar unha lei non implica que esa lei se cumpra. Hai moitas leis aprobadas que están moi ben sobre o papel e que foron aprobadas sen un anexo económico"
Tomaron como exemplo a Lei do Libro, mais seguramente se lle preguntamos ao sector do libro pola súa aplicación... É probable que poucos estean satisfeitos. Preocupa que, no caso de aprobarse, a Lei das Artes Escénicas vaia polo mesmo camiño?
Si, sen dúbida. Esa preocupación vai estar aí sempre. Aprobar unha lei non implica que esa lei se cumpra. Hai moitas leis aprobadas que están moi ben sobre o papel e que foron aprobadas sen un anexo económico... Refírome a leis marcos como a Lei de Dependencia, a de Memoria Histórica... Se non teñen unha memoria económica parella e se non hai unha verdadeira vontade de cumprimento, pois xérase frustración. Pero por moito que esa preocupación estea aí, forma parte da segunda parte deste camiño. O importante agora é que sexa aprobada. Agora ben, a Lei do libro non é a única fonte da que bebemos. Hai informes, outras leis aprobadas, estudos... Por exemplo, a Asociación de Directores de España publicou tamén un anteproxecto de lei marco para o estado: a Lei do Teatro. Ese é un documento moi interesante e tamén informes do CCG como o de As Artes Escénicas. Obxectivos e prioridades. A Lei do Libro si que puido xerar certa frustración no sector editorial, porque é un sector máis normalizado. Pero é que o sector escénico non ten nin sequera unha liña clara nin unha dirección xeral... Si, está a Agadic. Pero a Agadic funciona só como un centro de concesión de axudas e pouco máis.