‘Ragazzo’ ou a Europa blindada fronte á disidencia política

Oriol Pla en 'Ragazzo' © MIT

Dicía Lali Álvarez, a directora do espectáculo Ragazzo, na XXXIV Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que o que precisaba esta obra era un actor que deixase a pel no escenario. Que, se non fose así, para que facela. E abofé que atopou a persoa axeitada. Porque o que mostrou Oriol Pla no Auditorio Rubén García do Castelo foi un traballo interpretativo dunha excelencia tal que sen dúbida pasará á Historia do festival da capital do Ribeiro. Ragazzo é unha homenaxe á memoria de Carlo Giuliani, o mozo asasinado no 2001 durante as protestas contra o cumio do G8 en Génova. Mais é máis ca iso.

Ragazzo é unha homenaxe á memoria de Carlo Giuliani, o mozo asasinado no 2001 durante as protestas contra o cumio do G8 en Génova

É, tal como a definiu Álvarez, unha “alerta colectiva”. Non só porque algo así podería volver acontecer. Senón porque o que “nos queren facer pasar por pasado” é tamén presente. A represión dos movementos sociais. A transformación dun espazo que se di democrático nunha zona de guerra. A suspensión de dereitos e liberdades en nome da seguridade. O estado de excepción tornado norma. A Europa blindada fronte á disidencia política. E todo iso cobra, ademais, un significado diferente pasado o tempo, desde o 2001. En Cataluña, a recepción de Ragazzo mudou tras os acontecentos do 1-O. Porque, de repente, moita xente decatouse de que aquilo que só lles facían a algúns “punkies”, a algúns “antisistema”, podía pasarlle a calquera. O Estado contra a cidadanía.

Lembrou Lali Álvarez no encontro co público que seguiu á representación de Ragazzo na MIT que coñecera á nai de Carlo Giuliani por Skype. Conseguiu convencela de que lles axudase, falándolle de como era o seu fillo, tras explicarlle que quería contar unha historia sobre a xuventude. Sobre un rapaz que quería mudar ao mundo ao que lle foden a vida. E iso é, basicamente, Ragazzo. Calquera persoa pode ver no seu protagonista, -opinaba Oriol Pla no mesmo debate-, un mozo que está a buscar o seu sitio. Por moito, -indicaba Álvarez-, que haxa quen non vaia identificarse con alguén que vive de okupa, fuma porros e garda o diñeiro nunha caixiña. Ragazzo non idealiza a Carlo Giuliani. Non o converte en estatua de pedra, como di o propio personaxe. Non inventa un heroe. Presenta un rapaz coma outro, politicamente concienciado, que convida ao público a facerse preguntas. A non crer na versión oficial.

Ragazzo non idealiza a Carlo Giuliani. Non o converte en estatua de pedra. Non inventa un heroe

Nos últimos minutos da obra, Oriol Pla recrea, cunha forza brutal e un ritmo de vertixe, os últimos momentos da vida de Carlo Giuliani. A rúa feita campo de batalla. A dialéctica do amigo/inimigo. O medo inoculado -tamén aos policías- como ferramenta de control. Pero que facedes?, dilles o personaxe aos axentes -imaxinarios, pois a obra é toda un monólogo deste actor-. Incredulidade, primeiro. Indignación crecente. Sangue. Patadas. Porras. Gases. Nun cerco crecente no que acaba sendo, literalmente, cazado. Disparos e, só despois, unha pedra na cabeza. Sangue. E a fin de todo. De calquera proxecto de futuro. Da poesía. Dos días de praia. De toda luz. “Despois do que estamos a vivir, ninguén poderá volver dicir que Europa é unha democracia”, di o personaxe bastante antes. Ao principio da obra pregunta outras cousas. Vistes algunha vez moita xente sen medo?

Ao principio da obra pregunta outras cousas. Vistes algunha vez moita xente sen medo?

Pasaron, porén, moitas máis cousas nos últimos días da MIT. Ao final de Ragazzo, Lina Pérez recolleu o XIII Premio Abrente de Textos Teatrais por O día no que bicar a terra. Un xurado formado polo director da MIT, Roberto Pascual, o dramaturgo e premiado na edición anterior, Roi Vidal, as actrices Melania Cruz e Iria Acevedo e a concelleira de Cultura de Ribadavia, María Touza, escolleron esta obra por considerala unha proposta “profundamente crítica, na que bailan as palabras e as emocións. Unha peza de sensacións, una evocación constante de imaxes, dende unha postura sarcástica e envolvente, inclasificable. Trátase dunha disección, unha posoloxía do proceso creativo, unha obra retadora que nos sitúa na emoción fronte ao filtro do racional. O día no que bicar a terra é mutante, líquida, en constante tranformación, un texto vivo que nos libera do logocentrismo, da necesidade de entender e asociar a significados cada impulso poético da creación artística”.

 

A situación da creación escenográfica

Antes de Ragazzo, José Luis Raymond, presidente da Asociación de Artistas Plásticos Escénicos de España, reivindicou na Igrexa da Madalena, fronte aos módulos da exposición Spain on Stage, un concepto de escenografía que, -segundo explicou-, na contemporaneidade non se confunde coa decoración, senón que integra todo: voz, iluminación, movemento, palabra… corpo. Presentou tamén a revista Spain on Stage. Dramaturgias visuales en España 2015-2016, cuxo obxectivo é dar a coñecer o traballo dos profesionais da escenografía de todo o Estado.

Porque, segundo dixo, o que se está a facer neste ámbito merece ser coñecido “a nivel mundial”. Ademais, -sinalou-, estes profesionais non teñen recoñecidos nin os seus dereitos de autor. Sobre os dereitos dos e das profesionais da escenografía, pero xa no contexto galego, falouse tamén moito o día anterior na MIT, nunha mesa redonda na que participaron Baltasar Patiño, Carlos Alonso, Suso Montero, Montse Piñeiro, Laura Iturralde, Marcelino de Santiago 'Kukas' e José M. 'Coti' Faro, facendo Diego Valeiras de moderador.

Baltasar Patiño lembrou nela que o currículo do escenógrafo non puntúa nas axudas da Agadic

Baltasar Patiño lembrou nela que o currículo do escenógrafo non puntúa nas axudas da Agadic. Propuxo, ademais, “refundar” esta institución nun contexto -asegurou- no que non se deixa lugar para a excelencia. “Estamos condenados a ser mediocres”, indicou. Boa parte do debate xirara arredor das carencias dos espazos cos que debe traballar o profesional da escenografía. Patiño sinalou que, se o alcalde de quenda ten a arroutada de construír un teatro con 20 metros de boca, debería pensar en que ese espazo hai que enchelo, que debe ir acompañado dun equipo técnico, humano e dunhas condicións de luz, maquinaria… Debería ser, -dixo-, como nunha vivenda protexida, na que existe unha regulación para garantir unhas condicións de habitabilidade.

O debate centrárase no seu inicio, ante unha pregunta de Diego Valeiras, arredor da posibilidade dunha escenografía “galega” e dos elementos que poderían definila. Pero despois foi derivando cara ás limitacións impostas polas deficiencias dos espazos ou cara á falta de “vontade política” de apoiar o que se está a facer. “Hai grandes teatros que non teñen nada”, sostivo Kukas. Ou nos que non se permite chantar nada. E, se ao final todo ten que quedar nunha caixa negra, asegurou, para iso “mellor ler un libro”. Carlos Alonso opinou que o público si valora un bo traballo plástico que arroupe o dramatúrxico. Montse Piñeiro remarcou que, nunha cultura visual como a actual, o traballo escenográfico é moi importante, e que non é só un elemento “externo”, unha cobertura engadida, senón que debe achegar “algo máis”. ‘Coti’ indicou que na Rede de Teatros e Auditorios de Galicia se atopan espazos sen xogo de tramoias, por exemplo, ao que Kukas engadiu que hai teatros moi pequenos nos que hai que andar con coidado con “non comer todo o espazo” coa escenografía. Carlos Alonso asegurou, porén, que as infraestruturas melloraron moito e opinou que tamén hai que “adaptarse ao que hai”, considerando se cadra a posibilidade de procurar algunhas veces circuítos alternativos.

 

De Macbeth a Elisa e Marcela

A MIT trouxo este ano moitos outros espectáculos de grande proxección internacional, coma Mendoza, de Los Colochos, unha historia de ambición, sangue e loitas de poder que leva o Macbeth de Shakespeare ao México revolucionario de 1910, pasando por Juan Rulfo. Os agoiros dunha bruxa alimentan a sede de grandeza de Juan Mendoza, que acabará asasinando o que era entón o seu propio líder, Montaño. O desexo de riqueza e poder, mais unha sorte de competición entre machos esporeada ás veces por algunha muller, semellan devorar o que puidese haber de crenza na “causa”, malia que se transparenten tamén algunhas das súas razóns.

Mais os remordementos -a conciencia de ter matado a “case un pai”-, xunto co medo a correr a mesma sorte, transtornan o asasino, que se verá atrapado nunha espiral de violencia sen fuxida posible. A compañía, que produciu a obra facendo ensaios en casas de persoas non ligadas ao teatro e analizando as súas opinións, confía a historia ao texto e o traballo actoral, cunha escenografía sinxela que dá paso nalgúns momentos á participación do público.

Os clásicos serviron tamén de referencia a Euroscena e El Pavón Teatro Kamikaze en Tebas Land

Os clásicos serviron tamén de referencia a Euroscena e El Pavón Teatro Kamikaze en Tebas Land, que recorren a Edipo Rei de Sófocles, Os irmáns Karamazov de Dostoievski ou O parricidio de Sigmund Freud para reflexionar sobre o asasinato, sobre a necesidade que todas as persoas poden chegar a sentir de “matar o pai” dalgunha maneira ou sobre o feito mesmo da representación teatral. Un dramaturgo escribe unha peza inspirada no mito de Edipo apoiándose nas súas conversas cun parricida de verdade, un mozo alleo, nun principio, ao mundo do teatro, ao que visita periodicamente no cárcere. En paralelo, traballa co actor que encarnará no teatro a este mozo.

“Como se representa un crime, como se representa a un parricida, como innovar entre a imitación, a copia, o falso e a verdade?”

Durante o proceso producirase unha sorte de identificación entre o personaxe do actor e o do mozo ao que representa, xunto a un progresivo achegamento entre o parricida e o dramaturgo, que chega a empatizar, -xunto ao público-, cun mozo que toda a vida fora maltratado polo seu pai. “Como se representa un crime, como se representa a un parricida, como innovar entre a imitación, a copia, o falso e a verdade?”, pregúntase a directora desta obra, Natalia Méndez. E arredor diso xira a interacción entre Pablo Espinosa e Pablo Gómez Pando sobre o escenario, nunha proposta metateatral encaixada no espazo dunha gaiola metálica da que só o personaxe do dramaturgo sae para apelar directamente ao público.

Do lado galego, Contraproducións abriu a MIT con Commedia, un xoguete para Goldoni, un espectáculo que, tras a súa estrea na propia MIT, pero en 1993, converteuse nun dos fitos da historia do teatro galego. Pola súa banda, A Panadaría levaron a Ribadavia Elisa e Marcela, a súa interpretación, pasada pola súa inconfundible linguaxe, da historia das dúas mulleres galegas que conseguiron casar a primeiros do século XX disfrazándose unha delas de home.

Con Elisa e Marcela conecta, nalgúns aspectos, Ella sobre ella de La Morena, outro dos espectáculos da MIT deste ano

Con Elisa e Marcela conecta, nalgúns aspectos, Ella sobre ella de La Morena, outro dos espectáculos da MIT deste ano, que recupera, poñéndoo en diálogo coa actualidade, a personaxe histórica de Carlota Ferreira, unha muller que desafiou a moral sexual do seu tempo, nun Montevideo puritano do século XIX. Da mesma maneira, a violencia e a guerra alicerzan, coma en Mendoza, outra das obras que estiveron na MIT, Donde el bosque se espesa, da compañía Micomicón, un percorrido por masacres e xenocidios que, da guerra civil española aos Balcáns ou a II Guerra Mundial, indaga na posibilidade da verdade e nos relatos cruzados sobre os campos de concentración, o exilio, a deportación, as fosas comúns…

Máis cara a banda do circo tirou outro dos principais espectáculos da MIT deste ano, La Gioia, de Pippo Delbono, un espectáculo multidisciplinar sobre a alegría como “algo que ten que ver coa saída da loita, a dor, do negro e da escuridade”, segundo explicou o seu creador.  Contiguo, de IO Circo (Galicia); Emportats, de La Trocola, (Valencia); A gata con zocos, de A Cova das Letras (Galicia); Musicoloco de Fumanartist (Extremadura); EZ Sub de Projeto EZ (Portugal) e A tropa do doutor Milagre, de Inventi Teatro e Rojo Estándar de Ladörnika formaron parte tamén do programa deste ano, que para o último día prevé a actuación de Malebreikers e de The Table, que levan a Ribadavia Blind Summit Theatre.

A XXXIV MIT acolleu tamén dous concertos, de De Vacas e Rodrigo Cuevas e a presentación de tres libros, Teatro de Roi Vidal; Confio-te o meu corpo de Afonso Becerra e Arquivos de realidade, de Julio Fernández e Paco Oti, ademais de varios obradoiros de formación con Marianella Morena e Laila Ripoll, a entrega do premio de honra Roberto Vidal Bolaño a Suso Montero e Carlos Alonso e un encontro con Escena Galega.

Un momento de 'Tebas Land' © MIT
'Mendoza', de Los Colochos © MIT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.