“Se renunciamos a unha cultura propia forte, outros virán ocupar ese espazo”

O sexo dos anxos © Praza Pública

Carla e Bruno son parella desde hai anos. Quérense, pero aparece un terceiro, Rai, que fará que muden as regras na súa relación. Este é o cerne de O sexo dos anxos, a nova película de Xavier Villaverde, que acaba de estrearse. Leva o selo de Continental, Dream Team Concept e CCFBR, coa participación de Televisión de Galicia, e compite nas salas comerciais con grandes producións americanas. Pancho Casal non deixa de animar no twitter a ir vela, pois é básico, comenta, para que se manteña en carteleira. Falamos co seu director, e autor da idea orixinal, Xavier Villaverde.

Comentaba Pancho Casal no twitter que foran seis anos de duro traballo.

Si, entre todo o proceso foron seis anos, pero é normal que facer unha película che leve de catro a seis anos.

Xa recibistes dous premios no Festival de Málaga. Comezastes ben, non si?

Si, Álvaro Cervantes levou o premio ao mellor actor, por interpretar a ese enigmático personaxe que se mete no medio dunha parella nova. Sergi Gallardo gañou o premio á mellor fotografía.

"A película é unha gran historia de amor, e tamén de amizade. Dos xeitos en que se pode vivir o amor, de entender o amor dun xeito sincero, arriscado..."

Podes conseguir o que desexas sen arriscar o que xa tes? Pregunta a sinopse da película. É esa a idea de fondo?

A película é unha gran historia de amor, e tamén de amizade. Dos xeitos en que se pode vivir o amor, de entender o amor dun xeito sincero, arriscado... Pode ter varios niveis de lectura. É unha película perfecta para ver cos amigos que ademais remata moi en alto, pero tamén é unha proposta para un público máis adulto, que terá que ver coa maneira na que eles mesmos viviron o amor. Porque hai unha conexión coa liberación do amor tal como se concibía nos anos 60 e 70. É unha película de emocións, moi trepidante e optimista no seu xeito de formular as relacións. Dalgún xeito reflicte a liberdade coa que as parellas máis novas viven o amor. E encarna unha proposta de liberdade e de emoción. Na película hai sexo, pero en realidade o sexo fala de amor, e non é unha escusa, senón unha parte fundamental da historia, pois hai xiros e aspectos dos personaxes que só entendemos a través das escenas de sexo.

É unha relación a tres, dalgunha maneira. Non é doado buscar un enfoque orixinal dun tema tan tratado, non si? Por outra banda, non parece que haxa nada dramático na aparición dese terceiro. É así?

É un triángulo. Se non houbese un terceiro non habería conflito, neste caso. Carla e Bruno forman unha parella, pero chega Rai, que é unha persoa moi sedutora, e transforma o vínculo que unía a esta parella. Hai conflito, pero sobre todo o que hai é emoción, a veces con certo dramatismo, como na vida real. Alterna o humor e a emoción. 

"Nesta película a música ten moita importancia, si, e o baile tamén. Porque o baile é dalgunha maneira unha metáfora do sexo"

Hai un forte contraste entre o personaxe de Carla (Astrid Bergès-Frisbey) e o da súa nai, (Lluïsa Castell), que segue co seu marido por convencionalismo.

É o contraste entre xeracións. A xeración máis nova ten un concepto do amor máis arriscado e libre de prexuízos.

A música é un elemento fundamental na película, non si? Axuda a definir os personaxes: a Bruno (Llorenç González) gústalle o hip-hop, Rai é breaker... Por outra banda, boa parte dos teus traballos teñen que ver moito coa música.

Nesta película a música ten moita importancia, si, e o baile tamén. Porque o baile é dalgunha maneira unha metáfora do sexo. Ademais a música axuda a facer a película visualmente máis atractiva, a darlle un ritmo áxil, como o da propia trama. A cuestión é que o espectador se emocione e se divirta. E si é certo que a música é sempre moi importante para min.

Ao mesmo tempo, é moi distinta dos teus anteriores proxectos: Xitanos de Bos Aires, Trece badaladas, Fisterra... 

En realidade todas as miñas películas son diferentes, creo. Si é certo que esta pode ser distinta por ser dalgún xeito máis contemporánea, no xeito narrativo. Está moi contada desde hoxe, e pódense atopar paralelismos con cousas que están pasando. Os personaxes son un grupo de amigos que traballan nunha revista, que loitan por levar adiante un proxecto común, xornalístico, sen cartos...

"Os recortes están a afectar ao funcionamento normal de moitas cousas, e se consideramos a cultura como parte da identidade dun país, temos que loitar por mantela viva"

O sector audiovisual formulou moitas reivindicacións na entrega dos Mestre Mateo. Como ves ti a situación, como director e produtor?

Eu non estaba nos Mestre Mateo porque nos colleu en Málaga. Os recortes están a afectar ao funcionamento normal de moitas cousas, e se consideramos a cultura como parte da identidade dun país, temos que loitar por mantela viva. É o que pasa en calquera país. Se renunciamos a cultura propia forte, outros virán ocupar ese espazo.

E como ves desde a perspectiva actual películas como Fisterra ou Continental?

Pois o certo é que non miro moito atrás. Como produtor tiven proxectos como Concursante, de Rodrigo Cortés, que despois ben se demostrou o talento que tiña. O que pasa é que non sempre as mellores películas son as que mellor funcionan.

O sexo dos anxos © Praza Pública
Xavier Villaverde © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.