‘Territorios de intimidade’: a modernidade -pese a todo- das artistas galegas baixo o franquismo

Rosario Sarmiento, durante a montaxe da exposición Dominio Público Praza Pública

Nais e esposas. Relegadas da esfera pública, que correspondía aos homes. Este era o papel que o franquismo asignou ás mulleres, procurando a regresión dos avances conquistados por elas na II República. Neste contexto, tentar converterse en artista, sendo muller, era un desafío ás normas impostas. A uns roles de xénero que constituían un dos alicerces do réxime. A comisaria Rosario Sarmiento quixo reivindicar un grupo desas mulleres que, malia todo, loitaron por abrirse camiño como creadoras plásticas naquel tempo de represión e escuridade. O resultado é a exposición Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975, que acolle o Auditorio de Galicia, en Santiago, ata o 3 de febreiro.

A mostra “trata non só de seguir poñendo en valor as creadoras galegas que traballaron durante os anos do franquismo, senón achegar novas perspectivas temáticas desde as que analizar as súas obras. Todas elas romperon os estereotipos temáticos tradicionalmente asociados ás artistas mulleres neses anos, mais tamén innovaron e penetraron en temáticas como a fantasía, o compromiso social ou o relato da súa contorna máis próxima. Profundar nesa contorna, no máis próximo, no circundante, transcribir os obxectos, o silencio que rodea unha intimidade na que sentirse máis recollida e segura fronte ao exterior e á vida é o que retratan algunhas delas”, explica Sarmiento. Por iso o título Territorios de intimidade.

"Todas elas romperon os estereotipos temáticos tradicionalmente asociados ás artistas mulleres neses anos, mais tamén innovaron e penetraron en temáticas como a fantasía, o compromiso social ou o relato da súa contorna máis próxima"

Elena Colmeiro, Carmen Corredoyra, María Antonia Dans, Lolita Díaz Baliño, Elena Fernández-Gago, Mº Victoria de la Fuente, Gloria de Llano, Rosina Llamas Fole, Fina Mantiñán, Julia Minguillón, Beatriz Rey, Mercedes Ruibal e Concha Vázquez son as artistas que Rosario Sarmiento decidiu ollar neste proxecto. Antes, promovera outras iniciativas sobre a mesma temática, tal como ela mesma explica.

“Levo traballando no tema de facer o mapa das artistas mulleres hai anos. Primeiro foi coa mostra A arte inexistente, no 1995, que foi unha primeira retrospectiva, un primeiro mapa da creatividade das mulleres no século XX. Despois coa mostra Mulleres do silencio, no MARCO de Vigo, no 2016, que dalgún xeito revisaba a exposición anterior. A situación era: as mulleres representaban o 70 do alumnado de Belas Artes, pero a súa presenza no entramado do sistema: exposicións, coleccións, etc, era minoritario: o 30%. A contradición era esta. Despois, presentei un proxecto á Deputación da Coruña para facer o documental Arte+Muller+Galicia”, resumiu.

“Levo traballando no tema de facer o mapa das artistas mulleres hai anos", explicou Sarmiento

Un cadro de grandes dimensións, Mi familia, de Julia Minguillón, recibe o visitante nada máis comezar a exposición - que segue unha orde temática e non cronolóxica- pola súa primeira parte, dedicada á familia. Mi familia -os pais, os irmáns, o marido coa camisa da Falanxe e a que podería ser ela mesma de costas, cos pinceis- é o retrato da familia como “pedra angular da nova orde social creada polo réxime”.

Unha muller ollando 'Mi familia', de Julia Minguillón

A orde, o equilibrio. Cadaquén no seu lugar. Coa pintora mesma nun lugar secundaria -aínda que ela, unha muller de ideoloxía conservadora, non pretendese con iso denunciar nada-. A relación nai-filla é outro tema recorrente: a nai e filla labregas de Mª Antonia Dans -co seu toque “naïf”, cheo de cor- ou a achega expresionista á maternidade de Victoria de la Fuente, xunto á “figuración primitivista” de Mercedes Ruibal, con influencias de Laxeiro -mergullada na cotidianeidade dunha sociedade cunha forte pegada da matrilinealidade-. Concha Vázquez retrata, pola súa banda, a nai, o pai e o neno da que podería ser a Galicia mariñeira.

Segue Territorios de intimidade coa parte dedicada ao traballo, que non deixa de dialogar coa centrada na familia. Concha Vázquez pinta os labregos en Del trabajo, unha obra que pode situarse, segundo Rosario Sarmiento, na pintura rexionalista anterior á guerra. Mª Antonia Dans retrata, pola súa banda, con algunha pegada de Maside, a labrega que é piar da economía de subsistencia no tempo da emigración. A costureira, por exemplo.

“Historicamente, o traballo da muller no medio rural en Galicia cumpriu un papel prioritario nunha estrutura económica marcada polo minifundio"

“Historicamente, o traballo da muller no medio rural en Galicia cumpriu un papel prioritario nunha estrutura económica marcada polo minifundio e as pequenas propiedades agrícolas. Este traballo era esencia para a economía e a supervivencia familiar. A muller que non só se ocupa das tarefas domésticas e do coidado dos fillos, senón de todo o que implicaba o traballo agrícola e a súa comercialización, asumindo a máxima responsabilidade na súa xestión, cando a presenza masculina desaparece pola emigración a América e posteriormente a Europa”, pode lerse na exposición.

Mª Antonia Dans e Gloria de Llano -ambas ex-alumnas de Lolita Díaz Valiño- expoñen algunha vez xuntas a súa obra. Mais -remarca Sarmiento- na obra da primeira reflíctese a influencia da súa estancia en Madrid, unha cidade cun panorama creativo, na época, un pouco máis amplo que o galego. A periferia -explica Sarmiento na introdución da exposición- non era só xeográfica para as mulleres.

A periferia -explica Sarmiento na introdución da exposición- non era só xeográfica para as mulleres

Os prexuízos sociais -unha muller non debía “expoñerse” ás miradas dos demais- ou as dificultades para acceder a unha formación académica complicaban o exercicio dunha profesión “só entendida se respondía ás demandas da arte máis conservadora ou, por suposto, á esfera da docencia onde moitas mulleres creadoras centraron o seu talento”. Por iso, parte delas marcharon na procura dun status profesional que aquí se lles negaba. “As que quedaron estiveron abocadas, na súa gran maioría, a unha proxección profesional bastante mediatizada polos estereotipos e prexuízos dunha sociedade que antepoñía a súa condición de mulleres ás achegas e interese da súa obra”, indica Sarmiento.

En Territorios de intimidade poden verse, ademais de pinturas e esculturas, distintos materiais expostos en vitrinas que facilitan o achegamento ao pensamento das artistas sobre as súas obras. A través de recortes de prensa, por exemplo. “Intento plasmas nos meus cadros ao home no seu espazo vital, é dicir, cheo de preocupación social”, di Beatriz Rey.

Dúas obras de Gloria de Llano, na exposición

A terceira parte da exposición céntrase, precisamente, na arte como “compromiso”, como ferramenta de transformación social. Apréciase, aquí, un importante avance estético respecto das anteriores seccións da mostra. Linguaxes “máis modernas, máis urbanas”, segundo Rosario Sarmiento. E non é casualidade. Porque, por exemplo, Elena Colmeiro, “innovadora da linguaxe cerámica”, segundo Sarmiento, “vén de Buenos Aires e marcha para Madrid”.

Tamén Mercedes Ruibal marcha para Buenos Aires, -onde coñece a Laxeiro-, e pasa temporadas en Madrid ou en Roma. Desta artista son algunhas das obras máis impactantes da exposición, como Chile en el corazón (1970) La muerte de Allende (1977). “Os monstros sáenme”, dicía ela mesma nunha entrevista en La Voz de Galicia no 1973. “Eu son alegre, optimista, non son cruel. Nin torturadora. A pintura, con todo, sáeme dramática e ademais quero que me saia así. As cousas con forza son as que fan vibrar”.

De Mercedes Ruibal son algunhas das obras máis impactantes da exposición, como Chile en el corazón (1970) La muerte de Allende (1977)

A crítica louva, noutro texto que pode lerse nesta parte da exposición, a modernidade de Rosina Llamas. Victoria de la Fuente prefire explorar o territorio máis próximo, máis íntimo, aínda facendo prospeccións na abstracción. “Na miña pintura foise producindo lentamente unha evolución. Foi interesando máis a representación do individual de cada personaxe ou obxecto que o xenérico que poida ter a abstracción, nun intento pola miña banda de aproximación á representación da realidade inmediata”, escribiu na súa autobiografía.

'Con Chile en el Corazón', de Mercedes Ruibal

Beatriz Rey indagaba, tamén, na abstracción -xeométrica-, desde unha perspectiva temática humanista e con algunha pegada de Luis Seoane, segundo Sarmiento. Fina Mariñán, que puidera formarse en París grazas a unha bolsa, dicía nunha entrevista en El Ideal Gallego, “o abstracto é para min a controversia da vida e sírvome dela para manifestar as miñas inquietudes sociais e ata políticas”. En Territorios de intimidade poden verse uns collages seus. Símbolo dunha modernidade á que as artistas galegas non foron, en absoluto, alleas.

Tríptico de Lolita Díaz Baliño

Continúa a exposición explorando, noutra parte, o mundo do onírico. Aquí poden verse varias obras de Lola Díaz Baliño, irmá de Camilo Díaz Baliño e tía de Isaac Díaz Pardo. “Foi unha ilustradora moi importante” -conta Rosario Sarmiento- “que xa traballaba antes da guerra e que seguiu facéndoo despois”. Desenvolveu, de feito, un interesante traballo “para medios coma Celtiga, Galicia gráfica ou La Voz de Galicia”, que publicaron nos años 20 e 30 “os seus debuxos elegantes e refinados, tras os que se adiviña non só un gran dominio técnico, senón ese mundo onírico tan característico da súa obra. Tras a guerra e ata o seu falecemento, seguiu debuxando, pintando acuarelas e dedicándose a unha importante labor docente”.

Lola Díaz Baliño foi, ademais, mestra de Mª Antonia Dans, Gloria de Llano ou Rosina Llamas

Lola Díaz Baliño foi, ademais, mestra de Mª Antonia Dans, Gloria de Llano ou Rosina Llamas. Desta última pode verse na exposición, entre outras obras súas, un debuxo de primeiros dos anos 70 -un desnudo de muller- que sen dúbida contraviña o canon da época, e que non é dificil de relacionar co despunte da arte feminista -e antifranquista- dese tempo. Da propia Díaz Baliño hai, nesta parte da mostra, pequenas alfaias coma Las hadas del caracol.

Unha das obras de Rosina Llamas Fole

A última parte da exposición é a que lle dá o nome á mostra, Territorios de intimidade. “Interésame a pintura que profundiza no circundante, porque, aínda que posiblemente supoña unha falta de imaxinación pola miña parte, síntome incapaz de abordar en pintura o descoñecido. O descoñecido carece de significado para min”, escribe Mª Victoria de la Fuente na súa autobiografía.

Victoria de la Fuente, Elena Gago ou Carmen Corredoyra relataron con grande talento, mais tamén con certa tristeza e soidade, o próximo, o cotiá

Victoria de la Fuente, Elena Gago ou Carmen Corredoyra relataron con grande talento, mais tamén con certa tristeza e soidade, o próximo, o cotiá, segundo Rosario Sarmiento. “Retratar o próximo, profundar no circundante, crear espazos, paisaxes interiores onde o tempo parece detido. Representar a individualidade do que nos rodea decote é tentar penetrar na súa alma. Poder estar no cotián e íntimo dos obxectos da xeografía máis próxima ou en espazos que de habituais se acaban asumindo como propios. Buscar neses territorios de identidade, a calma e a seguridade do privado. Un territorio que tan ben coñeceron as mulleres destas décadas do franquismo, onde habitaron e reinaron”, pode lerse na mostra.

Vista xeral da exposición

Elena Gago escolle a casa. Carmen Corredoyra, escenarios relixiosos. Mais os enfoques, os ángulos, son semellantes. Queda aínda -admite Sarmiento- moito por investigar sobre as creadoras que desenvolveron a súa carreira durante o franquismo. Tendo en conta ademais que hai que acudir, principalmente, a fontes primarias. As temáticas escollidas poderían ser, tamén, outras. Ou poderían, tamén, engadirse algunhas novas -como a liña máis política que se desenvolve, sobre todo, xa cara ao final do franquismo-.

“O que eu propoño”, indica Sarmiento, “é un escenario para a reflexión”. A partir do cal cadaquén “pode tirar as súas conclusións”

Mais trátase de ir completando, pouco a pouco, o mapa da creación feita por mulleres. Alén dos nomes máis coñecidos. -Porque houbo máis artistas ca Maruja Mallo, por exemplo-. Lembrando que, -aínda que, moitas veces, eran as mulleres da burguesía as que ao final podían permitirse marchar para formarse e adicarse á arte-, naquel tempo, só tentar ser artista era, tamén, rebeldía. Contra uns roles de xénero tradicionais que non comezan a ser revisados ata os anos 60. Cando as mulleres comezan a ter maior presenza no mercado de traballo do sector industrial e de servizos. Na esfera pública. Aínda que sexa en condicións de desigualdade respecto dos homes. “O que eu propoño”, indica Sarmiento, “é un escenario para a reflexión”. A partir do cal cadaquén “pode tirar as súas conclusións”.

Rosario Sarmiento, na exposición © Todas as fotos desta reportaxe, agás a superior, son da autoría de Xurxo Lobato

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.