Un actor británico diagnosticado de alzheimer, Sebastian Nell, concédelle a derradeira entrevista á xefa de cultura do The Guardian, Rebecca Graham. Repasa con ela a súa exitosa traxectoria teatral en Gran Bretaña e cinematográfica en Hollywood. Mais tamén as súas miserias, persoais e profesionais. A outra cara do glamour. Nunha conversa tensa, difícil, viva, chispeante, que Rebecca transcribe para os lectores tras a morte do entrevistado. E que os desvela aos dous. Coas súas feblezas. As súas carautas. Así é ‘Máscaras rotas para Sebastian Nell’ (Galaxia), a novela coa que Alberto Ramos gañou o premio García Barros, entregado este venres 12 de decembro no Teatro Principal da Estrada.
O libro é, basicamente, unha entrevista. Deformación profesional?
Veu antes a idea da entrevista que o propio personaxe, Sabastian Nell. A idea era xogar coa forma, coa estrutura, e pareceume interesante mesturar técnicas xornalísticas: a entradiña reportaxeada na que presento os personaxes e a situación e despois a entrevista, que ten tamén moito de teatro... O personaxe ía ser, en principio, un fotógrafo de longa carreira que comezase na Transición, que ía rexeitar un Premio Nacional… Pero ao final decanteime por cambiar, por viaxar ao ámbito inglés, porque teño unha querencia especial co teatro e Inglaterra é o país de maior tradición teatral, no que as artes escénicas gozan da maior respectabilidade… Niso, hai un forte contraste co que pode suceder aquí.
Porque aquí o teatro non é igual de respectado?
O valor que se lle dá aquí ao teatro e á cultura en xeral, non ten que ver co que se lle dá en Inglaterra nin noutros moitos países. Que un actor británico diga, como fixo Derek Jacobi, que se cadra as obras de Shakespeare non eran del, é algo que sae nos medios e que ten unha repercusión social. Aquí non lle importaría a case ninguén. Claro que no libro falo do bo que pode vir de Inglaterra, mais tamén do malo, que non é pouco.
A novela ten bastante, de feito, de retrato do poder cultural (que tamén existe) e das súas miserias (vetos, egos, envexas, influencias..). Que non parecen estar só para facer máis atraente o conflito ou para darlle emoción á historia…
Claro que hai un poder cultural, ademais do económico ou do político. Está claro quen o ten e como o usa. Mais que estiveran presentes na novela certas conspiracións do mundo do teatro tamén era unha parte importante da trama, necesaria para retratar os personaxes. Sebastian Nell retrátase polas súas palabras e a xornalista que o entrevista, Rebecca Graham, máis polo que pasa.
Sebastian Nell é unha xoia: machista, homófobo, clasista, está cheo de soberbia… Diso que chaman antiheroe, polo menos.
"Sebastian Nell non deixa de ser unha persoa soa, triste e miserable, que chegou a estar como está polas decisións que tomou na vida"
Pode ser un antiheroe, si. Mais o seu gran defecto é que é extremadamente humano, de forma superlativa. Aos seus defectos, elevados á máxima potencia, tamén o foi levando a súa evolución vital. Acaba por ser o retrato do declive, un histrión, unha parodia. Non quero dicir que o personaxe sexa só iso, parodia, mais si creo que canto máis tempo pasa máis nos convertemos en parodia de nós mesmos. Sebastian Nell non deixa de ser unha persoa soa, triste e miserable, que chegou a estar como está polas decisións que tomou na vida, guiado por instintos humanos como a ambición, a soberbia, a prepotencia. Tamén polas cousas que lle acontecen nesta vida e que ninguén pode controlar.
Sebastian proclama a súa fe na liberdade. Mais non é nada libre.
Non, porque nunca está satisfeito con nada, o cal tamén é moi humano. Pasa no teatro, na arte en xeral, no xornalismo… Estivo toda a vida protexéndose con máscaras, desde neno. Vén dunha familia pobre e odia a pobreza porque a considera debilidade. Entón só pode odiarse a si mesmo e busca a maneira de reiventarse. De aí vén a súa soberbia, o seu elitismo… que non son máis que unha maneira de camuflar a súa miseria persoal. A súa nai decidiu que non quería seguir adiante e matouse, malia ter dous fillos. Aí está o tema do suicidio: se é suposto egoísmo ou se non. Non penso que sexa egoísmo... Se cadra tamén pode ser unha máxima expresión de liberdade…
A nai atreveuse a facer o que el non é quen de facer, por outra banda.
Porque, como diciamos, el nunca foi un ser libre. A súa liberdade está cercenada pola súa enfermidade, mais tamén pola frustración, a súa propia forma de ser… e a soberbia baixo a que enmascara a súa debilidade. É un triste, mais eu creo que ao final acabas colléndolle algo de cariño. Ou non?
Eu non.
Nin un chisco? Vaia...
Non, a verdade. Aínda que si acabas entendendo por que é como é. Mais en realidade son dous personaxes. E hai unha inversión de roles. O que parecía atacado pasa a atacar...
Os dous teñen as súas máscaras. Quen aparenta de entrada ser un miserable éo, pero non tanto, e quen aparentaba portar toda a carga moral tamén se ve que non é tanto como parecía. Os dous camuflan as súas inseguridades e frustracións baixo as máscaras. Por iso son tan humanos… aínda que dicir isto pode soar tópico, mais non por iso deixa de ser verdade.
Tamén pode ser inxenuo pensar que hai coma “a cara verdadeira” tras as representacións. A vida tamén é teatro. Aínda que non queiramos mentir.
As máscaras tamén son parte da verdade, claro. E todos actuamos, temos caras diferentes, distintas máscaras que adaptamos a cada situación, dun xeito camaleónico. É parte da construción da nosa personalidade, das relacións sociais… Mais neste libro hai dúas personaxes antagónicas que se odian e que se agochan baixo as máscaras. Máis do que adoitamos facer calquera.
Foi difícil para Alberto Ramos poñerse na pel dun admirador de Margaret Thatcher? Nalgunhas das cousas que di Sebastian ecoa o discurso do profesor Miguel Bastos...
"É só un exercicio argumentativo mais si, algunhas cousas que di Sebastian saen das clases de Bastos"
É só un exercicio argumentativo mais si, algunhas cousas que di Sebastian saen das clases de Bastos. A política para Sebastian Nell é unha máscara máis. É un anarcoliberal, que mesmo discute algunhas posicións de Margaret Thatcher por non consideralas liberais. Sebastian non podía ser un morno socialdemócrata nin un artista comunista tópico. Eu quería un personaxe provocador, gracioso no seu cinismo, que puidese tocar un pouco a moral a bastantes lectores.
Rebecca Graham dinos que o que estamos a ler é a entrevista que lle fixo a Sebastian, tal como quedou gravada, sen intervencións posteriores. Mais nalgunhas partes é difícil de crer. Moitos datos, un discurso moi elaborado…
Se cadra é unha trampa de Rebecca Graham e non miña! Mais si que é certo que a maior parte do texto podería ser unha entrevista non editada. Por iso as frases inacabadas, as idas e voltas, as historias que non rematan… Creo que se mantén a frescura do diálogo. Mais nalgunhas partes concretas, como na que se fala de política, hai unha maior intervención, porque era necesario para que fose lexible. Foi unha escrita feita máis ben a impulsos: unha pregunta, unha resposta… Non tiña unha estruturación previa. É o xogo de ir, volver, cambiar, romper, repetir, volver atrás…
Hai outros personaxes moi importantes. Como o escritor Benjamin Long, que se parece a el en obsesivo. E tampouco é libre.
Mais a diferenza con Sebastian é que non ten maldade. Mais quen se cadra é máis parecido a el é o máis parecido a un amigo que ten, Herbert Murphy. Con Benjamin Long non deixa de ter unha relación marcada polo interese.
Quen si é libre, e forte, é ela.
Rebecca xa advirte de que dorme ben polas noites, malia certas acusacións de Sebastian Nell, que non sabemos se son certas. Ela non se sente cercada polo seu pasado. Mais non sabemos se esa carauta moral que leva é certa.
Eu creo que algo culpable é. Mais referíame a Julia Marchant, a compañeira de Nell.
Ah, vale. Julia é libre, si. Fai o que quere e asume as consecuencias. Si que hai un contraste entre Sebastian e ela, nese sentido. Son dúas actitudes vitais diferentes. Nell ten a palabrería da liberdade, mais non é quen de vivila.
Nell é un fracasado, malia ter éxito profesional. O fracaso estaba bastante presente nas novelas túas anteriores. En ‘Todos os días’ había algo diso. Pero ao revés, se cadra.
Sebastian é un fracasado con éxito. Un perdedor, supoño. Tamén hai fracaso no protagonista de ‘Todos os días’: perdeu o emprego, está sumido na depresión, desorientado… Pero son moi diferentes. Sebastian Nell ten éxito profesional mais, se non o tivese, estaría igual de frustrado co mundo. Porque é un perdedor de nacemento. Sofre dunha abulia crónica, nada o satisfai, nada lle parece suficiente para el.
Hai tamén moito actor secundario, -coma Nell en moitas das súas películas-. Uns inventados e outros reais. Non sei que pensarían se lesen a túa novela…
Agardo que Derek Jacobi non a lea… Iso ten que ver co meu gusto polos actores secundarios. Hai personaxes que son persoas reais, que sei eu... Ian Mckellen, Laurence Olivier, Sydney Pollack... Si, mais están adulterados en función da ficción. Precisaba un transfundo verosímil para construír o personaxe. Por iso todo ese animalario… Se Sebastian Nell é un actor importante dos 60 en Inglaterra, tiña que ter relación con moitos outros actores da súa xeración. Consultei os programas do National Theatre, a sección de cultura de The Guardian da época... Resultaba imprescindible xogar coa realidade, literaturalizar estas persoas... No libro hai un rigor e unha documentación, pero todo ao servizo da narración.
Consultei os programas do National Theatre, a sección de cultura de The Guardian da época... Resultaba imprescindible xogar coa realidade
Por outra parte, Sebastian fala moito tamén do Hollywood que el coñeceu, da frustración que lle quedou por non ter formado parte desa época dos setenta na que Hollywood, para o infarto dos estudios, entra por outras vías creativas, vive unha sorte de revolución que non dura e queda diluída cando todo volve ao rego... Toda esa parte da historia de Hollywood, que debuxa moi claramente Peter Biskind nun libro traducido e publicado en castelán como ‘Moteros tranquilos, toros salvajes’, está na novela... Moito do que se conta nese libro está en Sebastian Nell.
De historia tamén falas cando contas os bombardeos de Londres na II Guerra Mundial, ou como diciamos antes a época do thatcherismo. Tamén ten algo, o libro, nese sentido, de retrato dunha xeración. Malia que a Thatcher xa non estea.
Margaret Thatcher está morta? Todo o que estamos a vivir vén de aí. En España xa foi entrando con Felipe González.... Inglaterra foi o laboratorio perfecto, un cabalo de troia para o modelo europeo do estado de benestar, que fora aceptado simplemente como un tapón contra o sistema soviético. Margaret Thatcher non morreu, esa non morre. Está moi viva en San Caetano, nos ministerios, nos concellos… e dependerá de nós darlle un enterro digno,... mellor indigno, o antes posible.
"Margaret Thatcher está morta? Todo o que estamos a vivir vén de aí"
Algo te metiches tamén na crítica teatral… de obras que non viches. Como foi?
É parte do xogo. Son obras que existiron pero non así como as conto porque, claro, Sebastian non existe. Mais tampouco me meto na crítica. Sebastian critica moito o que fai Jacobi porque é o seu rival e para el todo o que fai está mal. Rebecca critica o que fai Nell porque considera que pode facelo mellor. Por iso Sebastian a odia, porque non admite a crítica. Nell non é que faga crítica. O que pasa é que odia as persoas que el considera que se interpoñen no seu camiño.
O que si hai na novela, tamén, é crítica do xornalismo. Se cadra autocrítica. Dise que o xornalista non debe ser protagonista, que é como un actor secundario que quixera ser actor principal, que o xornalismo cultural é publicidade…
No xornalismo cultural hai moitos intereses creados. Vese claro en determinados suplementos culturais, de determinados periódicos, por exemplo, que son como un compendio de ofertas de libros de determinados editores afíns ou que forman parte do mesmo grupo que o propio xornal... A nivel galego, é diferente porque... claro, é que tampouco hai unha industria cultural como tal, non hai pasta, iso é un invento, non se moven os cartos que se moven noutros países... Pero ese concepto de promoción funciona de xeito moi semellante, pero camuflado quizais cun aquel de suposta militancia, por dicilo dalgunha maneira. É unha lingua minorizada, unha situación complexa para o sistema cultural e iso lévamos a non ser honestos e a darlle espazo a cousas que se cadra non o merecen. Ou que merecen outro tipo de tratamento. E máis crítica. O resultado vén sendo o mesmo, arrédase un punto de vista crítico e aceptamos un grao de promoción. Por iso coido que pode faltar autocrítica na crítica e no xornalismo.
Que é un pouco o que lle pasa a Sebastian Nell. Quere ser o centro de todo. E concibe desde aí as relacións sociais. Tamén as familiares, que entende como un contrato. Hai algo de crítica á familia como institución, nese sentido?
Sebastian concibe as relacións familiares e persoais como relacións mercantís. É a forma que ten de protexerse da súa falta de empatía e dos seus temores. Reduce todo a un ámbito económico, porque o entende e así séntese seguro. Todo iso vén porque o que lle pesa a el é a súa experiencia familiar. A súa non era unha familia, en realidade, porque está rota desde o principio, e el garda moito rancor. O que lle queda é o irmán pequeno, que ás veces é como o irmán maior, porque el coida de Nell. Mais, en xeral, Nell ten problemas á hora de relacionarse cos demais, está só. E resúltalle máis fácil entender as relacións levándoas ao terreo da economía. Mais non, non tiña intención de cuestionar de forma explícita a familia como institución.
Outra das reflexións que fai, en relación con iso, é a que ten que ver co poder e o dominio. El di que en calquera relación humana hai unha parte que domina e unha dominada. E iso ten moito que ver coa súa propia relación con Rebecca Graham: os papeis van mudando…
"Nas relacións persoais está presente o poder, como en todo. Creo que é inevitable"
Nas relacións persoais está presente o poder, como en todo. Creo que é inevitable. Mais é un dominio que vai flutuando, que muda coa situación. Todos temos momentos de maior vulnerabilidade, de precisar máis coidados… Mais o problema é cando iso non flutúa, cando eses roles non se intercambian e entón hai unha persoa que realmente vive sometida a outra. O outro, ese intercambio, eses altos e baixos, son algo natural. Todos somos algo bipolares, como Sebastian. Todos precisamos ás veces máis da xente e outras veces a xente precisa máis de nós. E a Sebastian as relacións sociais sempre lle fixeron dano.
Tal como o estamos a poñer parece todo moi dramático. Pero no libro tamén hai bastante humor. E moita tensión. Na primeira versión, que quedou finalista nos Xerais, había máis personaxes secundarios e iso dificultaba a lectura. Agora é máis fluído.
Pero se non mudei case nada! Coido que é igual de fluído ou non fluído, se cadra o lerías ti doutro xeito... Sobre o humor; Sebastian é deslinguado, cínico, mordaz, velenoso… e iso faino gracioso ás veces, si. Claro que tería máis coña se o trouxésemos a noso contexto e en vez de ser un actor británico, fose un escritor galego e en vez de menosprezar a Derek Jacobi ou a Laurence Olivier, fixérao con xente da cultura deste país, con este, estoutro e ese de aló... Iso si, non me pidas agora nomes (Ri).
A iso non te atreviches…
Non, cousas da miña natureza covarde e se cadra porque non hai tanto sentido do humor neste país como debería. (Ri). Mais tamén me interesaba moito o tema da trama co glamour do teatro inglés e do cine de Hollywood. Os claroscuros dos espectáculo, os xoguetes rotos do éxito… e a vida que pode ser unha merda para todos.
O autor tamén ri de si mesmo. Como cando se di que a escena é demasiado peliculeira, romántica ou pretenciosa. “Esta conversa ten todo para ser unha novela”, din, “ambición, enfermidade, soidade, adición, morte, dor, intriga familiar, infancia atormentada, guerra”.
Algo de parodia do autor hai tamén, si. Son chiscadelas ao lector. Todo é parte do xogo.
Case non falamos de Rebecca. Moi boa non é, tampouco.
Rebecca perfílase menos, é como unha personaxe secundaria respecto a el, porque é a transmisora das palabras del. Mais si se vai retratando ao longo do libro. Non hai, por exemplo, unha gran discusión entre eles por motivo das ideas políticas contrapostas. Porque se trata de darlle forma ao personaxe del. O personaxe dela perfílase de forma indirecta. Aínda que, xa o digo nas presentacións do libro: este libro é a mellor entrevista que fixen, o cal non deixa de ser triste profesionalmente para min porque é totalmente inventada. E despois, Rebecca pode que faga algunhas preguntas salvaxes que os xornalistas non nos atrevemos a facer. Non ten escrúpulos. Tamén é honesta e di desde o primeiro momento que odia a Sebastian, que renuncia a calquera intento de obxectividade.
El ten algunha intención de contar a verdade? Rebecca non se fía nada do que el di.
Pódese entender que el está todo o tempo actuando, e é verdade que actúa, mais eu creo que tamén se desvela, que non pode estar todo o tempo actuando. Desvélase cando fala do sobriño, por exemplo. El odia o sobriño porque o avergoña, mais encárgase del porque o considera unha obriga. Sebastian mantén as máscaras case todo o tempo, mais tamén nos di a verdade ás veces. Tamén está o xogo de Rebecca. Nun momento dinos que nos está a contar algo que é a única parte do off de record que está disposta a saltar. Entón, é verdade? É mentira? Gardou cousas? Canto hai de verdade? Non o sabemos.