Lucía Novas: "Procuro a beleza agochada nos bordos, nas marxes, nas periferias, nas fisterras"

Dominio Público Praza Pública

Unha crítica á sociedade actual, individualista, consumista, na que todo é relativo e non existe ningunha certeza, agás a do diñeiro. Mais tamén unha asunción dun guilty pleasure, un recoñecemento da beleza da estética dese mundo posmoderno que tanto nos inflúe. Así define a poeta Lucía Novas o seu novo libro, Cervatos, publicado polo selo Tambo, de Kalandraka. Nel, a autora leva á poesía a técnica do collage e a estética do videoclip. En imaxes que se suceden veloces, efémeras. Falamos con ela deste e dous seus anteriores poemarios.

Na túa biografía en As escollas electivas relacionabas a poesía coas “metáforas do cotiá e da marabilla” que ían saíndo ao irnos “enchoupando de vida”. Parece unha boa achega ao que pode ser para ti a poesía. Identifícaste hoxe con esta definición?

Plenamente. E, a medida que o tempo pasa e que me vou coñecendo máis, aínda me sinto máis identificada con esa concepción da escrita poética. A poesía é para min unha necesidade, unha necesidade moi íntima. Todas as miñas experiencias, todo o que vou captando a través dos sentidos, todas as miñas lecturas, a arte que vas consumindo, a música, ese pequeno obxecto que capta a túa atención, todo pasa por unha peneira e transfórmase nunha especie de poesía rudimentaria, dun cúmulo de sensacións que van habitando en min e elaborándose a través do pensamento e das emocións, inevitablemente.

"Olga Novo falaba nun poema de tirar dun poema como quen tira dun becerro, e eu creo que é algo así"

Dentro de min vaise xerando unha estética que está moi ligada a un contido conceptual, pero que nas primeiras fases aínda está tan ligada ó subconsciente que eu mesma non atinxo ben o seu significado final. E chega un momento no que necesito tirar desa estética cara fóra. Olga Novo falaba nun poema de tirar dun poema como quen tira dun becerro, e eu creo que é algo así, aínda que no meu caso preciso extraer a estética no seu conxunto.

En Epiderme de estío estaba a celebración da vida a través do amor, da sexualidade, do corpo. En Neve estaba a celebración da beleza e as ruínas, a ferida, a devastación do corpo. É como se os dous libros levasen, no aspecto temático, a Cervatos, que tamén é o corpo, o amor, a sensualidade, a beleza, e por outra banda a dor, a desolación, a decadencia… De que xeito os dous libros anteriores puideron levar a este?

Levo tempo dándolle voltas ó fío condutor dos meus poemarios, que é moi claro visto con perspectiva. Este feito aínda o percibo con maior claridade se inclúo un poemario inédito -aínda que acabo de colgalo recentemente na rede- que se sitúa entre Epiderme de estío e Neve, que indaga nunha estética de final do verán e principios do outono. A miña obsesión polo ciclo das estacións, a natureza e o paso do tempo é clara e asumida, pero aínda así non atinxo a entender que parte hai de decisión real e que parte é o destino que me leva por ese fío.

"A miña obsesión polo ciclo das estacións, a natureza e o paso do tempo é clara e asumida"

Cando comecei a escribir Cervatos, pensei que estaba escribindo algo moi diferente ós meus libros anteriores, que pechara un ciclo e abrira un novo. Pero a medida que outras persoas que van lendo o libro vanmo comentando, estas explícanme que si ven unha continuidade co anterior... e xa empezo a reformular as cousas... Do que me comentas, si teño unha certeza: Cervatos é un libro que procura termos contrarios e os harmoniza, pois ó final así e a vida: territorio de contrastes.

Tamén hai unha relación clara entre Neve e Cervatos no aspecto formal: a presenza das enumeracións, que en Cervatos xa artellan todo o poemario en sucesións de substantivos nas que o verbo queda moi relegado a segundo plano. Os poemas convértense, así, en sucesións de imaxes. Como instantáneas da realidade. De que xeito te levou a forma de Neve á de Cervatos?

Na escrita, a miña parte racional inhíbese totalmente, e é o subconsciente, e á vez o lúdico e o xogo, o que toma as rendas... Non decido racionalmente “vou escribir deste xeito ou doutro”. Inevitablemente, xorde. Neve é un libro inspirado en Última fuxida a Harar, de Avilés de Taramancos, e en xeral de sempre me fascinaron os poemas en prosa con enumeracións marabillosas deste poeta tan querido por min. Supoño que a miña indagación iría por aí. E logo seguín pescudando dese xeito noutros poemas soltos que fun escribindo nos últimos anos.

"En Cervatos dialogo coa obra de artistas que utilizan a collage como Natalia Umpiérrez ou Isabel Fernández ou con videoclips"

E en Cervatos xa me deixei ir totalmente, desta vez tamén moi claramente influída pola translación da técnica da collage e da estética do videoclip, con imaxes tan rápidas, á poesía. Pois en Cervatos dialogo coa obra de artistas que utilizan a collage como Natalia Umpiérrez ou Isabel Fernández ou con videoclips concretos de Summer Camp, Superhumanoids, White Denim, Grimes ou Desir Lines. Por outra banda, tamén é unha busca da expresión da velocidade do mundo posmoderno e do seu carácter efémero. E por último, interésame moitísimo o carácter simbólico, plurisignificativo e connotativo da palabra. A palabra como alfaia e como unha explosión de emocións e recordos.

O campo semántico de Neve situábanos nunha paisaxe natural, no rural. O de Epiderme de estío, nunha paisaxe marítima. Cervatos lévanos por una sucesión de ambientes diferentes, nos que se alternan o rural -o lugar do cervato- e a cidade contemporánea. Mais máis que oposición, é como se houbese continuidade entre ambos mundos. Como é o mundo urbano que debuxa Cervatos?

En Cervatos aparece un mundo híbrido, rural e urbano, que é o verdadeiro mundo de moitos galegos, e de moita xente da miña xeración. É unha continuidade real. Por exemplo, na miña vida. De onde son: do rural, dunha vila, dun mundo urbano, de cidade...? Eu son as tres. Onde son máis eu? É difícil contestar esa pregunta. E se fose que son todo á vez, se son un ser híbrido, un enxerto? En Cervatos aparece a cultura vilega dos meus avós paternos, coas súas plantas e o seu cuarto de costura.

"En Cervatos aparece un mundo híbrido, rural e urbano, que é o verdadeiro mundo de moitos galegos, e de moita xente da miña xeración"

En Cervatos amósase con forza un mundo urbano, de asfalto, de cidade... aparecen por exemplo referencias directas e indirectas a lugares de Pontevedra (o cine Gónviz, o Bouquet, as ruínas de Santo Domingo...), aparece dun xeito indirecto a cidade de Vigo... ou cidades de California produto dunha viaxe real (Los Ángeles, Las Vegas...)... e, por último, aparece tamén o mundo urbano retratado no audiovisual ou na música rock ou punk...

"En Cervatos agroma tamén a aldea da miña nai, a miña Aldea, Anceu, en Ponte-Caldelas, e aparecen microtopónimos dos meus lugares amados"

Pero en Cervatos agroma tamén a aldea da miña nai, a miña Aldea, Anceu, en Ponte-Caldelas, e aparecen microtopónimos dos meus lugares amados (A Rega, O Eirado...)  e figuras da miña familia materna como a miña tía avoa Elvira ou Saldina, que simbolizan esa hibridación que xa aparece nas persoas máis novas da xeración dos meus avós, que sen deixar a cultura da aldea xa incluíron elementos do novo mundo moderno -os automóbiles, os vídeos...-, e á vez simbolizan esa marabillosa cultura da aldea que está morrendo e que imos perder para sempre, o que me causa unha tristeza tan profunda...

Hai ideas, conceptos… palabras que actúan como símbolos que se van repetindo ao longo do poemario. Coma os cervatos, o anel, o azul, a chaqueta de la, as clemátides… Podes explicar por que as escolliches?

Ocorre dos dous xeitos, como símbolo e como escenario á vez. A figura do cervato ten un significado moi simbólico: os protagonistas do libro son cervatos, absortos no mundo hedonista, inocentes, pendentes da diversión, do lúdico, do xogo, como eternos Peter Pans... pero sen decatarse de que a posmodernidade converteunos en seres fráxiles, sen posibilidade de defensa, sen capacidade para a frustración, algúns temendo as emocións, a vertixe do amor, e sen decatarse do paso do tempo, no que reparan dolorosamente de vez. Existe unha acronía no libro e á vez unha simultaneidade de tempos, porque os cervatos non atinxen a saber exactamente cal é o seu tempo, cal é a súa idade, son demasiado novos e demasiado vellos. Pero á vez tamén simbolizan a outra cara da moeda: o espírito inocente e ilusionante que deberiamos manter toda a vida.

"Os protagonistas do libro son cervatos, inocentes, pendentes da diversión, como eternos Peter Pans... sen decatarse de que a posmodernidade converteunos en seres fráxiles, sen posibilidade de defensa"

O anel simboliza os convencionalismos, a educación patriarcal, o nocivo amor romántico... pero na outra cara da moeda é unha alfaia que representa a beleza do efémero e dos pequenos obxectos, e incluso do kitsch.
O azul é un elemento simbólico tomado da cultura anglosaxoa que simboliza a tristura profunda, pero que tamén ten a súa parte de beleza e de estrañeza...

"Toda esa imaxinería capitalista anglosaxoa que absorbemos dende a infancia a través de películas tamén posúe beleza estética"

O libro pretende asumir un guilty pleasure: toda esa imaxinería capitalista anglosaxoa que absorbemos dende a infancia a través de películas e que dende sempre racionalmente repudiei tamén posúe beleza estética e acaba conformando o meu imaxinario estético, inevitablemente. A chaqueta de la simboliza a mornura e a ternura no inhóspito, no desacougo, e as clemátides son unha planta que traslado ó interior, que representan a beleza, o kitsch, e á vez a natureza capturada nun lugar urbano, que xera máis descougo, aínda que nestes dous símbolos aparecen máis significados entrelazados...

Por que se repite tanto, en especial, a idea de transgresión? (Xunto coa de marxes, bordos…) Por que tipo de transgresión chama o poemario?

O poemario foxe do convencional, do considerado normal, das regras sen fundamento, do mundo das aparencias, do sistema establecido, do rutineiro, do aburrido, do tedioso, do mundo de mentira, de cartón pedra, das capas de po e de aborrecemento. O poemario chama pola transgresión, pola orixinalidade, por arriscar, por crear algo novo, por saírse do carreiro trillado e atopar novos camiños, sexan vitais, estéticos, filosóficos ou políticos. O poemario procura a beleza agochada nos bordos, nas marxes, nas periferias, nas fisterras... que á vez tamén non deixa de ser un concepto posmoderno, un dos elementos que si me fascinan da posmodernidade...

"O poemario chama pola transgresión, pola orixinalidade, por arriscar, por crear algo novo"

O poemario está zarrapicado de referencias e de expresións en inglés que remiten de xeito irónico á linguaxe dos medios de comunicación de masas e da publicidade. Podería entenderse como unha crítica á obxectualización do mundo. Todo se torna efémero, superficial… e kitsch. Mais é como se celebrase tamén, como dicías antes, a beleza do kitsch, dese mundo de ruído. Tiñas intención de que existise ese dobre sentido?

Exactamente iso primeiro que explicas é o que pretendín co poemario. E engado que moitas desas expresións en inglés están directamente tiradas de letras de cancións, de feito existe unha play list concreta de cancións detrás da escrita, música coa que dialogo -cancións de Suede, Sonic Youth, Joy Division, The Doors, Wendy&Bonnie, Still Corners, Rowland, At the Drive In...-. Outras, son referencias ó audiovisual -Twin Peaks, Scissorhands....-. E encántame esa referencia que fas da ironía, pois o humor negro, a ironía e a parodia están moi presentes no poemario.

E perfecta a segunda análise: o libro, como xa expliquei antes, está ateigado de termos e ideas contrapostas que se harmonizan. E tamén é a asunción dun guilty pleasure: o libro é unha crítica ó capitalismo e á posmodernidade pero á vez tamén recoñecer toda a beleza da súa estética e como esta inflúe na miña xeración.

"O libro é unha crítica ó capitalismo e á posmodernidade pero á vez tamén recoñecer toda a beleza da súa estética e como esta inflúe na miña xeración"

En relación con iso, en Neve estaba xa a celebración das cousas pequenas. Nese sentido, é como se Cervatos traspasase ese ollar atento ás cousas pequenas ao mundo urbano. Para dar conta do mesmo abraio. Case mareante. E, ao tempo que celebra as cousas, semella celebrar a palabra que as nomea. En que sentido é Cervatos tamén iso?

Aínda hoxe, dando clase, concretamente explicando o léxico do noso idioma que pertence ó superestrato árabe, comenteille ó alumnado que a min, que me fascinan as palabras, parecíanme unhas palabras belísimas, e si que puiden ver como algúns deles me entendían e os seus ollos brillaban ante toda a capacidade connotativa daquelas palabras. No libro intentei que aparecese a palabra con toda a súa capacidade simbólica, connotativa e plurisignificativa, como se cada palabra puidese realizar un estoupido intensísimo de sensacións, emocións e imaxes.

"Intentei que aparecese a palabra con toda a súa capacidade simbólica, connotativa e plurisignificativa"

A crítica sinalou, deste libro, a presenza do fragmentario e, en relación con el, a crítica á posmodernidade, que xa citaches antes. Xa que somos, -dise na lapela interior-, tras a fin dos grandes relatos, seres ensarillados no amor, ou cervatos despistados ante o paso do tempo. En que sentido é o teu libro “crítica” á posmodernidade?

É unha crítica a esta sociedade capitalista, ateigada de velocidade, onde todo é relativo e non existe ningunha certeza, agás a do diñeiro. Unha sociedade hedonista, individualista, consumista, onde todo se pode mercar e vender, co seu culto excesivo á mocidade -e que sobre todo sufrimos por machismo as mulleres-, unha sociedade do espéctaculo, do culto ó ego, das aparencias... e onde apenas ollamos ó noso interior...  Un mundo no que fuximos do amor por temor á frustración... e no que á vez pensamos que podemos elixir cando e a quen amar, como se todo se puidese programar ou arranxar cun só clic...

"O libro é unha crítica a esta sociedade capitalista, ateigada de velocidade, onde todo é relativo e non existe ningunha certeza, agás a do diñeiro"

Por outra banda, intentei reflectir as relacións amorosas da miña xeración, loitando contra os convencionalismos herdados, influídos pola posmodernidade -cos nosos medos ó amor e á frustración-, intentando construír relacións igualitarias e libres e, á vez, aínda mediatizados por toda a imaxinería e educación patriarcal e do amor romántico, tema que trato dun xeito paródico e irónico.

En canto ao tempo e o espazo, había viaxe e paso do tempo en Epiderme de estío e hai viaxe e desde logo paso do tempo en Cervatos, que nos leva, por exemplo, de Galiza a Hollywood, ou do pasado ao presente e deste ao futuro. É como se se fundisen tempos e lugares. Nun sarillo que nos arrastra -o libro fai pensar nas redes sociais, aínda que non as cita de xeito directo-. De que xeito está presente no libro esa idea de fusión de tempos e lugares? Que quizais remite ao pouco sentido que ten seguir a separar o “local” do “global” ou o “local” do “internacional”.

Encántame a lectura! Iso mesmo é o que pretendín expresar. Aparece unha acronía e á vez unha simultaneidade de tempos, somos eternamente novos e á vez prematuramente vellos... Aparece a noción do pastiche e do eterno regreso ás modas pasadas da posmodernidade... E á vez un fuxir do paso do tempo, un ensimesmamento no lúdico, ata que de repente a realidade fainos espertar e entrar de vez no mundo adulto.

"Aparece unha acronía e á vez unha simultaneidade de tempos, somos eternamente novos e á vez prematuramente vellos"

Aparece tamén esa mestura de espazos propio da globalización e das redes sociais, e exprésase dende o lado negativo, pero á vez tamén fala da riqueza da hibridación, e do enriquecemento a través da vivencia dos espazos: tan fermoso o meu Eirado como a miña estancia en Death Valley, e os dous convértense en espazos propios.

"Considero que si que debemos intentar cambiar o sistema, pero mentres o facemos, tamén debemos desdramatizar e divertirnos"

Podería dicirse que o libro, como síntoma da sociedade actual, apunta a cuestións sociais desacougantes: o exceso de ruído, a violencia (a dor), a confusión na que vivimos inmersos nun mundo de présa e constante bombardeo de imaxes, mais sen querer dramatizar demasiado. Como se os afectos (o amor), ou a propia calma do cervato, puidesen servir de contrapeso. Como se quixeras dicirnos que quedan cousas tanxibles, reais, nas que sustentarse, e que tampouco é para tanto. Percibo como unha vontade diso, de desdramatización. Que pensas sobre isto?

Paréceme unha lectura moi acertada! Tan só un último apuntamento: considero que si que debemos intentar cambiar o sistema, pero mentres o facemos, tamén debemos desdramatizar e divertirnos, e utilizar, como ti dis, intelixentemente, os nosos contrapesos.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.