O ilustrador Manel Cráneo (A Coruña, 1973) vén de publicar o álbum Cousas de mortos con Demo Editorial, selo que dirixe dende a súa creación en 2008. O libro reúne un feixe de historias -escritas ao longo dos últimos anos- nas que os defuntos, ancorados no tempo e na vida, reproducen o comportamento duns vivos que, se cadra, xa teñen bastante de mortos. Con retranca e crítica social, os esqueletes convértense nos protagonistas dun álbum para a reflexión e no que calquera pode verse reflectido coma nun espello vital. “Así como te ves, vinme eu. Así como me ves, verasme ti”, parece que din cada unha das caveiras que reviven entre as viñetas e os globos ideados por Manel Cráneo.
Hai vida antes da morte? É unha pregunta moi de Jesús Quintero, pero é que o álbum está cheo de frases lapidarias.
A verdade é que este libro ten un importante ingrediente filosófico. Eu son unha persoa que me cuestiono todos os días sobre moitos asuntos. Supoño que Cousas de mortos, que para min é a miña obra máis persoal, afóndase nunhas cuestións universais plasmadas con ironía e humor. Este é un libro que debe recordarlle cousas á xente, como que temos pouca memoria histórica e que o que pasou hai un ano xa nin o lembramos. E, a verdade, todas esas frases lapidarias que hai no libro na boca dos esqueletos, dos mortos, sempre son máis lapidarias que se as di unha persoa viva. Durante anos traballei sobre personaxes que están mortos e, francamente, son coma os vellos, pero un pasiño máis adiante. Ti, a un avó, que ten noventa anos e xa está de volta de todo, permíteslle dicir calquera cousa. Pois poñer este tipo de frases na boca dun morto é ir máis alá. É un esqueleto, xa estivo vivo e ten dereito a dicir o que lle saia dos ósos. O emprego de frases lapidarias é unha constante no libro.
"A Castelao fágolle xa un tributo no título. Das súas Cousas da vida, saen estas Cousas de mortos"
Canto hai de Castelao nestas viñetas?
Mira, para min Un ollo de vidro, que non é a súa mellor peza literaria, resulta moi reflexiva e moi crítica socialmente. Conta o mesmo que Holbein na súa Danza macabra, nese conxuntos de gravados nos que a morte visitaba, en forma de esqueleto, a ricos e pobres. Castelao reflectía na súa obra a época social que vivía e explícanos unha serie de aspectos humanos que mesmo van máis alá da morte: a cobiza, o amor... Nestas historias miñas tamén vou á esencia do ser humano, contada a través dos mortos. Pareceume bonito facerlle unha homenaxe a Castelao, un autor que lle teño moitísimo agarimo e que hai que reivindicalo unha e outra vez. Fágolle xa un tributo no título. Das súas Cousas da vida, saen estas Cousas de mortos.
Podemos dicir que se reflicten, mediante os esqueletos, vivos que realmente están moi mortos?
[Ri] Atopamos no libro mortos que asumen que están mortos e analizan a vida dende o outro lado e mortos que non son conscientes de estar mortos, que representan para min o grao máximo de optimismo...
"Hai outra historia, que abre o libro, sobre a emigración, concepto básico da historia de Galicia. Unha emigración que se volve dar e xa non só fisicamente, porque ademais dos que marchan, están os que quedan e traballan por internet para fóra"
Tamén representará un grao de anestesia social, non?
Si, por suposto. Hai unha historia na que un morto vai camiñando polo deserto, que se atopa con xente coma o Quixote ou un fulano que lle quere vender unha parcela na Lúa. O morto está morto e ademais está morto de fame! [Ri] Realmente, hai conceptos que rodean o ser humano na vida e que quedan reflectidos. Por exemplo, tamén hai outra historia, que abre o libro, sobre a emigración, concepto básico da historia de Galicia. Unha emigración que se volve dar e xa non só fisicamente, porque ademais dos que marchan, están os que quedan e traballan por internet para fóra. Iso xa representa a fuga de cerebros total! Eu o que quería, nesa historia sobre a emigración, era facernos pensar en todos os nosos parentes que marcharon daquela a Venezuela, a Cuba ou a Arxentina e que non voltaron nunca. Que morreron alá e moitos morreron de fame, porque non todos volveron cargados de éxito.
Non todos eran indianos.
Non tal. E eu quixen facer unha historia de homenaxe a eses emigrantes.
"Pareceume interesante traballar con Antístenes e a escola dos cínicos. Para min foron os primeiros punkis, aos primeiros que se lles chamou antisistemas"
Volvendo á amnesia e a crítica social, hai outra historia que afonda moito na crise institucional e social que vivimos, alén da económica: Antístenes morto. Na historia un demócrata grego morto vai falar co esqueleto do Antístenes, pai do cinismo. Mostra o seu arrepentimento por crer na democracia cando parece que fallou todo, por loitar toda a vida polas santas institucións que fracasaron. Soa moito a 15M, non? Pode chegar un día en que todos nós nos arrepintamos do defendido e do feito? Acabaremos preguntándonos: o que fixemos era un erro?
Chegar a ese punto está ben, porque reflexionar nunca é un erro. Ao que convida esta historia, mediante dúas figuras da filosofía grega, é cuestionarse sobre o que pasou na historia. De verdade en tantos miles de anos non fomos capaces de crear un sistema social xusto, que aposte pola liberdade e que vaia por diante da democracia? En Grecia crearon o sistema democrático e acabaron eles sós, no seu momento, con ese sistema. E parece que agora vivimos nun momento semellante. Sae á palestra que a democracia foi un fracaso. Dígoo porque está visto que a democracia corrompe e se corrompe. Chegan uns señores ao poder, sexan do lado que sexan, e acaban roubando, todos son uns corruptos. É darlle un pouco de poder a alguén e xa todo vai mal. Entón, neste conto atopamos a dous mestres gregos. Un da escola cínica e outro democrática e os dous pensan na situación actual. Basicamente, reivindícase unha forma nova de facer as cousas e que hai que ter memoria histórica e decatarnos dos erros que se cometeron. Pareceume interesante traballar con Antístenes e a escola dos cínicos. Para min foron os primeiros punkis, aos primeiros que se lles chamou antisistemas. Reivindícase no libro a todos os que están á marxe dos sistema, aos punkis aos que os medios chaman, de forma pexorativa, antisistema.
Pronunciou vostede antes unha frase perigosa: Todos rouban. Os políticos son todos iguais? Hai algúns que se parecen máis ca outros?
Vaia, non se debe xeneralizar. Pero dánse casos de xente que rouba en todos os partidos. Sempre hai algún que acaba caendo na corrupción e tira para o seu propio peto. Ninguén está a salvo. Vaia, si que é lapidario dicir que todos rouban, pero claro... É que se deron casos en todas partes! Penso que nestas últimas eleccións os que non votaron foi por un desencanto absoluto. E podemos dicir o mesmo de moitos que votaron a determinadas alternativas. A política está mal, moi mal. É lapidario, si... Pero eu coido que sempre hai luz ao final do túnel e claro que queda xente na que se pode poñer esperanza... A loita que queda por diante é moi longa.
"Para min é moi importante e ben bonito poder dicir que hai unha editorial en Galicia que edita autores galegos, en lingua galega e que, ademais, non imprime en China, imprime en Galicia"
Como é a loita por manter unha editorial do cómic en Galicia e coa crise?
A situación é complicada, pero si que hai un mínimo público que se foi afianzando no caso de Demo. Iso permítenos seguir vivos. Non podemos sacar tantos títulos ao ano como queríamos e temos varios en espera. De feito, en 2013 sacaremos obras que estaban previstas para este ano... pero non puido ser. As contas dan para o que dan. Iso si, a editorial mantense e seguirá. Cando comezamos co proxecto editorial foi en 2008. A crise xa estaba presente, pero os cartos aínda se movían. Por iso todo foi de marabilla os dous primeiros anos. Agora estamos nun momento estanco, a cousa está parada. Toca resistir. Para min é moi importante e ben bonito poder dicir que hai unha editorial en Galicia que edita autores galegos, en lingua galega e que, ademais, non imprime en China, imprime en Galicia. Demo, todo o que fai, é dende Galicia. É un exemplo para outras empresas que deberían apostar polo tecido empresarial que hai aquí. En moitos casos, esa colaboración en paralelo entre empresas non se dá. Moitos van imprimir en China, non traballan con autores galegos e o que fan é mercar dereitos de autores galegos que publicaron fóra porque sae máis barato pagarlle a editorial americana que pagarlle a un autor aquí. Pasan situacións ridículas... Por exemplo, fulanito que é galego publicou en Francia e tivo éxito... Pois algún vai a Francia e merca alí os dereitos porque a venda internacional de dereitos está polo chan. Iso sae máis barato que mercarlle ao autor a obra directamente e darlle o 10% de dereitos que lle pertencen como anticipo. Nós, en Demo, somos un testaláns e preferimos facer as cousas doutro xeito. Hai que traballar dende aquí, xerar industria e tentar vendela fóra. Esa é a nosa estratexia, aínda que nestes tempos non é fácil. Pero a idea é seguir resistindo, mentres isto non caia en picado por completo.
"Non se pode denunciar nada, porque a práctica é lexítima. Mercan os dereitos fóra porque son máis baratos"
O que acaba de dicir sobre os dereitos, lémbrame o que explicou David Rubín nunha entrevista en Praza, na que aseguraba que unha editora en concreto “disparaba contra os compañeiros” e que iso non era bo para o sector.
A min tampouco me gusta falar mal de ninguén. Pero nese caso, eu entendo tamén que alguén ao ter unha empresa actúe dun determinado xeito. As empresas, as editoriais, son como os partidos ou as asociacións profesionais: móvense como se move a súa cabeza visible. Un goberno móvese como se move o seu presidente, non como se move o partido. Unha editorial móvese como o seu editor. E cada editor é un mundo. É certo que unha serie de editoriais están a levar unha política que prexudica o sector do cómic. Non se pode denunciar nada, porque a práctica é lexítima. Mercan os dereitos fóra porque son máis baratos. Punto. A miña editorial non fai iso, é máis idealista. Miro antes pola calidade e tamén por que o produto sexa elaborado, propio e feito en Galicia. Ese ten que ser o punto de partida para facer a obra universal. Así pasou un pouco coa obra de Dani Montero. Conseguimos colocala en Alemaña e tentamos vender os dereitos a outros sitios. A filosofía debería ser esa, debemos ser nós os primeiros impulsores da nosa cultura. Mira.. Imaxina que esta obra é virxe, que está sen publicar. Decido venderlla a unha editora americana que me fai firmar un contrato que di que a xestión dos dereitos é súa para sempre e en todo o universo. Eu cobro uns bos cartos, seguramente... Vaia, bos cartos... Ponlle uns 10.000 ou 12.000 euros, o soldo dun mileurista dun ano. Despois, a obra aparece en Francia, Bélxica e Alemaña e eu xa non vexo ningún diñeiro por iso. E despois unha editorial galega compra os dereitos e vexo a obra publicada en galego. E, como moito, recibo catro exemplares e pídenme que vaia ás presentacións... así, pola cara. Para min esa non é forma de facer as cousas. Eu respecto que cada quen faga o que queira, o que sexa... Cada quen terá tranquila a súa conciencia facendo o que fai. Ao final son formas de ver a vida. Eu véxoa ao meu xeito. Chámame romántico, se queres...