"A medida que nos facemos maiores descubrimos que a felicidade non existe como tal e o que buscamos é estar tranquilos"

Diego Giráldez © H.G.P.

O escritor Diego Giráldez está a presentar a novela 'As obras póstumas', coa que gañou o Premio Blanco-Amor, e mais a biografia novelada 'Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios'

Diego Giráldez (O Porriño, 1976) fala da protagonista da súa última novela como se viñera de tomar café con ela, tanto é así que por momentos resulta difícil lembrar que é unha invención, que toda a novela é ficción. Pero iso sucede porque nas historias de ficción sempre hai moita máis realidade da que ás veces se quere recoñecer. Neste caso, o Giráldez historiador da arte, o xornalista e o escritor conxugáronse para escribir esta historia en nome dunha muller, Pilar Fonte, coa entidade suficiente como para seguir acompañando ao seu autor alí onde vai falar da novela en cuestión, As obras póstumas, gañadora do XLIII Premio Blanco-Amor de Novela e editada por Xerais. Un libro que xa vai pola súa segunda tirada e no que o porriñés recupera as sensacións de Galería de saldos (Xerais, 2016), un conxunto de relatos moi ben acollido pola crítica. 

Giráldez segue de xira polo país coa novela baixo o brazo e o 25 de setembro presentará As obras póstumas na libraría Eixo de Ourense, ás 19.30h, xunto a Alba Guzmán Falcón; e o 16 de outubro estará en Lugo, na libraría Trama, ás 19.45h, conversando con Antía Yáñez. Ademais, o escritor vén de publicar outro libro completamente distinto, unha biografía novelada do arquitecto porriñés Antonio Palacios. Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios, editado pola Editorial Galaxia, que conta coas ilustracións de MeliMolita, é unha obra con vontade divulgativa que busca achegar tamén a parte máis persoal de Palacios.

Como lle pon un punto final a unha novela que quere ser inacabada?

Pois... deixándome levar polo que a protagonista quería facer. Durante toda a novela apréciase que ela é unha gran defensora do que está inacabado. Se cadra tamén porque estaba sometida a esa presión de saber que a súa vida, coa enfermidade, entraba nun momento de decadencia. Eu deixeime levar por ela porque é ela realmente quen escribe esta novela, non eu; por iso pon un punto final cando decide ela. Ben, cando decide ela, pero tamén cando o decide a súa compañeira Natalia, pois ela faille ese epílogo final ás veces interpretando as últimas palabras que Pilar Fonte xa case non pode pronunciar.

Cuberta da novela 'As obras póstumas', de Diego Giráldez © Xerais

"Sempre hai un punto de colaxismo nas miñas obras"

Xogar co inacabado ten un vínculo tamén co traballo xornalístico, que está moi presente na novela, porque ao final todo o que se conta no xornalismo está inacabado...

Si, evidentemente, e nesta novela hai unha parte de crónica moi importante. No xornalismo sempre estamos esperando as últimas horas, as últimas informacións sobre algo. E aquí hai moito diso tamén. Hai unha homenaxe implícita ao xornalismo local, que eu sempre digo que traballar no xornalismo local é o máis parecido a ser correspondente de guerra. Eu veño de aí e Pilar Fonte tamén, quería facer unha pequena homenaxe a ese tipo de xornalismo. Un xornalismo que evidentemente ten moito de fragmentario e de cruel en moitas situacións. No meu pobo hai xente que aínda non me fala porque non lle cubrín a comuñón do seu fillo.

"Sempre temos que poñernos na pel das personaxes. Ademais, eu sempre crin que é moi importante que as autoras e os autores non falemos a través deles, senón que sexan eles e elas as que falen"

Vaia...

Claro... é que esa proximidade do xornalismo local moitas veces é bastante cruel, pero é unha gozada.

Menciona o fragmentario, que é un estilo de escritura que sempre o acompañou. Mais aquí fai case un híbrido entre a novela e o relato, non si?

Sabes o que pasa? Que a min sempre me gustou que nas miñas obras se conten moitas cousas todo o tempo. É certo que hai un fío argumental, pero sempre me gustou moitísimo mesturar moitas historias dentro dunha. É unha especie de colaxe tamén, sempre hai un punto de colaxismo nas miñas obras. E nesta precisamente é certo que se mestura unha narrativa máis longa co relato porque esta novela naceu como un libro de relatos. Tiña moitas ganas de volver ás sensacións deGalería de saldos e en principio a historia era Pilar Fonte vendo pola fiestra esas Figuras de xardín e inventando as súas vidas. O que pasa é que despois apareceron outras motivacións.

Ás veces cando escribes tes unha estrutura e despois é o paso do tempo quen acaba construíndo a túa obra. A primeira motivación foi que me atopei coa figura da xornalista Nellie Bly, que na miña ignorancia descoñecía. Cando a descubrín prendeu unha luz e a isto sumouse que estaba pasando por unha etapa de lembrar todo o tempo que non puiden pasar coa miña avoa, que pasou un proceso dexenerativo moi semellante ao de Pilar Fonte, moi triste e fulminante. Esas dúas motivacións foron as que me fixeron decidir que xa faría uns relatos máis adiante, pero que esta vez non podía ser. Pero eses relatos das Figuras de xardín, que quedaron aí como relatos curtos, usounos Pilar Fonte para meter dentro desta obra póstuma, que ela di que serven como esas barreiras que hai nas estradas para que os coches vaian freando. Hai moita xente que me di que lle lembran moito a Galería de saldos.

Diego Giráldez con Pablo Novoa, Samuel Merino e Fran Alonso na presentación de 'As obras póstumas' no Porriño © cedida

Como fixo para desdobrarse en Pilar Fonte para escribir a novela?

Sempre temos que poñernos na pel das personaxes. Ademais, eu sempre crin que é moi importante que as autoras e os autores non falemos a través deles, senón que sexan eles e elas as que falen. E iso implica un traballo de meterte dentro da alma da personaxe e facer que ti desaparezas. No caso de Pilar Fonte foi un traballo complexo. É certo que eu non son quen de escribir máis de cento e pico páxinas, pero foi un proceso de moitísima intensidade creativa. A unha amiga que me fixo unha pregunta parecida púxenlle o exemplo de cando Patrick Swayze entra en Whoopi Goldberg no filme Ghost. Tiña que buscarlle unha voz creativa, pero a de Pilar Fonte tíñaa clarísima. Todas as miñas personaxes femininas, salvo algunha excepción, son duras, fortes, valentes, brillantes, cultas, extravagantes, excéntricas... Despois nesta novela gustoume que tiven que facer o esforzo de meterme na voz de Natalia [a personaxe que escribe o que lle dita a protagonista] e custoume porque estaba tan metido dentro de Pilar Fonte que ás veces non sabía nin como saír.

"Estes centros psiquiátricos funcionaban como lugares de reclusión e control social, especialmente para mulleres que eran consideradas molestas ou incómodas para a orde establecida. A maioría non tiña ningunha enfermidade, hai un documento diagnóstico que me deixou tremendo, dicía: ‘solteira con opinión"

Na novela están moi presentes as persoas ingresadas nun centro psiquiátrico ás que Pilar Fonte observa dende a fiestra. Sobre todo mulleres, das que unha personaxe di que foron obrigadas a crerse trastornadas. A propia protagonista di de si mesma que está avariada. De onde vén o seu interese na saúde mental?

Isto si que foi tremendo para min. Cando descubrín a Nellie Bly, esta xornalista precursora do xornalismo encuberto, e o libro que escribe dende un manicomio quedei absolutamente alucinado. A partir de aí foron aparecendo outras lecturas, incluso unha serie, e non podía parar de alucinar con como é posible que iso lle pasara a tantas mulleres. Incluso fixen un informe para consumo propio sobre elas, porque isto pasou no século XIX pero tamén no XX, pasou en Conxo nos anos da posguerra. Estes centros psiquiátricos funcionaban como lugares de reclusión e control social, especialmente para mulleres que eran consideradas molestas ou incómodas para a orde establecida. A maioría non tiña ningunha enfermidade, hai un documento diagnóstico que me deixou tremendo, dicía: ‘solteira con opinión’. O castigo a esa ‘desobediencia’ feminina dá para facer moitas novelas de por si, pero aquí quixen contar como para esas mulleres ingresar alí supoña a morte civil, e despois moitas acababan saíndo e tiñan que recuperar a súa vida fora, coa estigmatización que había antes.

Lendo a historia, atopas certo paralelismo entre o psiquiátrico e a casa de Pilar Fonte.

É que conviven xeograficamente e conviven tamén, dalgún xeito, emocionalmente. Pensa que para Pilar Fonte a súa casa é moi importante, é o seu refuxio, ademais de ser agora o seu único escenario porque en toda a novela non sae do seu cuarto. A ela a súa casa transmítelle a mesma paz que me transmite a min a miña, é dicir, hai un punto autobiográfico aí. Penso que a medida que nos facemos maiores imos descubrindo que a felicidade non existe como tal, e o único que buscamos é estar tranquilos. Pero co centro psiquiátrico hai un momento no que se conta como a familia tiña medo de que o instalasen aí, porén, ela sempre viu no psiquiátrico un lugar de paz e creo que así o transmiten as Figuras de xardín que inventa dende a fiestra. 

Diego Giráldez con Ledicia Costas nunha presentación de 'As obras póstumas' en Vigo © cedida

A protagonista é unha muller maior, que non perde a retranca e esa capacidade de ir deixando recaditos para quen a vaia ler.

Apetecíame moito poñerme na pel dunha muller de oitenta e pico anos porque creo que non se lles dedica demasiado espazo e teñen moito que contar. Foi tamén unha homenaxe á miña avoa. Pilar, a pesar de estar en plena decadencia, continua a ser exactamente igual, a mesma muller brillante, valente, forte e culta. 

Por outra banda, creo que a Pilar Fonte pásalle un pouco como a min, aínda que ela está metida nunha voráxine literaria máis comercial eu non estou aí, non estou ao nivel da miña protagonista, pero ela ten a sensación –e eu tamén– de que hai como unha especie de sistema literario excesivamente apresurado e sobresaturado. Ela mesma ten un editor insoportable que o único que mira é a parte comercial da súa obra, é deses editores que nin len as obras que van a publicar porque o único que lle interesa é que aparezan na fachada do Corte Inglés.

"Inventei unha derradeira viaxe de Palacios de Madrid a Galicia para visitar o seu pobo na que vai sacando os cadernos cos que sempre viaxaba, e que son dunha riqueza tanto histórica como artística brutal"

Ten outro libro que leva pouco nas librarías, Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios (Galaxia, 2025). É unha historia da vida e obra do seu veciño máis internacional?

É algo que sempre quixen facer porque é do Porriño e a miña fmailia sempre se dedicou un pouco a coidar a súa figura. Na casa sempre estivo moi presente e eu cría que era necesario divulgalo, ademais dun xeito técnico e académico, imprescindible para preservar a súa figura como arquitecto, tamén dende unha perspectiva máis accesible. Por iso se me ocorreu facer unha biografía novelada. En realidade non se descobre nada novo, quizá unha parte máis emocional e persoal del a través de anécdotas, pero a súa historia é a que xa pode coñecer calquera que o estudara.

Inventei unha derradeira viaxe de Palacios de Madrid a Galicia para visitar o seu pobo na que vai sacando os cadernos cos que sempre viaxaba –que algúns deles están en depósito aquí no Porriño–, e que son dunha riqueza tanto histórica como artística brutal. Así, vai lembrando a súa vida, eu creo que aporta unha visión distinta do arquitecto. Foi un traballo moi de copista medieval, fun moi polo miúdo e custou moito facelo. Pero despois todo está ilustrado por MeliMolita, que fixo un traballo artístico fermosísimo.

Capa do libro 'Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios', de Diego Giráldez con ilustracións de MeliMolita © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.