Máis de 40 mil persoas vibraron co Resurrection Fest

Panorámica dos concertos © Resurrection Fest

O Resurrection Fest pechou unha nova edición chea de grandes iconas da música, máis de 40.000 seguidores e seguidoras e un ambiente inmellorable que desafiou mesmo a choiva. O cansazo tras dous días de música non afectou a un público que volveu gozar da mellor oferta de metal e hardcore-punk da Península Ibérica. O festival de Viveiro pechou así unha edición que será lembrada tanto pola súa calidade e eclecticismo musical como pola sentida homenaxe a Melchor Roel, ex alcalde da vila e un dos principais impulsores do evento.

O festival de Viveiro pechou así unha edición que será lembrada tanto pola súa calidade e eclecticismo musical como pola sentida homenaxe a Melchor Roel, ex alcalde da vila e un dos principais impulsores do evento

O venres, despois de soar a que era a súa canción favorita, Born To Be Wild, as pantallas proxectaron algunhas das imaxes que testemuñan a implicación que o ex rexedor de Viveiro tivo sempre co festival. A homenaxe arrincou a emoción do público para continuar co concerto de NOFX, unha das bandas máis esperadas desta edición, que rememoraron os himnos do punk californiano co que creceron varias xeracións de mozas e mozos. Outro dos triunfos da xornada grande do Resurrection Fest chegou con vellos amigos do festival como Down, na súa segunda visita a Viveiro. Anselmo e Pepper Keenan arroxaron un mar de densidade e liserxia nun concerto para a memoria. De igual xeito, para Sick Of It All, estandartes do hardcore-punk cos que naceu o festival en 2006, foi a súa terceira visita, e sobre o escenario demostraron sentirse como en casa cun dos concertos máis enérxicos da noite. Amosaron unha boa exhibición de músculo e contundencia ante os miles de persoas que gozaron do día máis ecléctico do festival.

O xoves era o día de Megadeth. A banda de Dave Mustaine non decepcionou a un público máis que entregado cun repertorio cheo de clásicos. Ofreceu revisións de míticas pezas como A Tout Le Monde, Hangar 18, Peace Sells e Symphony of Destruction, ademais dalgún dos seus éxitos do Super Collider. O ídolo de gran parte das bandas que tocaron este ano no Resurrection Fest demostrou con fartura a súa pericia nas seis cordas e a súa constante vixencia como arquitecto do heavy metal. Previamente, os suecos Amon Amarth expuxeron a súa escura proposta de death metal presentando Deceiver of the Gods, o disco máis agresivo e dinámico da súa carreira e os influentes pioneiros do trash metal Kreator tamén deron a talla pasado o ecuador da noite.

Actuación de Down © Javier Bragado
Concerto de NOFX © Rubén Navarro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.