Un ano máis, a Asociación Marearte lanzou o convite a mediados de xaneiro. Abríase o prazo para presentar fitas ao V Festival Audiovisual Olloboi. Catro meses despois e co proceso pechado, un total de 116 produción compiten nas oito categorías nas que se divide o certame. Un certame que, dende as súas orixes, pretende fomentar a canteira do audiovisual galego. Por iso o concurso está aberto a todos os amadores que, individual ou colectivamente, busquen iniciarse no sector ou queiran amosar as súas creacións. Deste xeito, no certame participan todo tipo de estudantes, dende a primaria ao ensino superior, como tamén afeccionados de calquera idades.
Nesta quinta edición, das 116 propostas 92 corresponden a traballos escolares presentados por trinta centros educativos. Esta cifra amosa a implantación que acadou entre os estudantes galegos un Festival como Olloboi que, ademais, nos últimos anos contou coa participación de profesionais do sector como Miguel de Lira, Alfonso Agra, Luís Avilés ou Tonhito de Poi.
Todos os participantes dispuxeron coa liberdade creativa para realizaren os seus traballos, aínda que a organización valorará especialmente o uso do galego, o respecto aos dereitos dos animais e a sensibilidade social e medioambiental. Partindo destas consideracións, todos os vídeos se atopan na páxina web á vista do xurado e do público, xa que agora o certame inicia o seu treito final cara aos palmarés.
Votacións e gala de entrega
O próximo día 23 de maio a Casa da Cultura de Boiro acollerá a gala de entrega dos premios nas oito categorías: Olloboi Cómico (humorístico), Olloboi Pelón (o máis reivindiciativo e con maior crítica social), Olloboi Fotoxénico (mellor estética, fotografía), Olloboi DJ (música e son), Olloboi orixinal (mellor guión), Olloboi na Escola (mellor experiencia académica), Olloboi Online (os máis votados polo público) e Olloboi Zamburroi, sendo este apartado o que premie a calidade da mellor proposta.
Os premios do festival entréganse o vindeiro día 23 en Boiro
O xurado decidirá sete dos oito galardóns, mentres que o público se encargará de escoller entre todas as producións o premio Online. Os espectadores-internautas poderán votar, unha única vez e achegando o seu DNI, a través da páxina web do certame.
Nesa mesma web, Olloboi defínese como “un festival independente e sen ánimo de lucro que non recibe achegas institucionais”, mais que conta co apoio de patrocinadores e organizadores. As súas achegas económicas empréganse na súa totalidade no desenvolvemento do festival. Os organizadores facilitarán un resumo contable do festival na súa web despois da súa conclusión.