"Máis que a recoñecer xente famosa, vimos ao S8 a descubrir tesouros”

Takahiko Iimura será un dos grandes protagonistas do evento © S8. Mostra de Cinema Periférico

"Ás veces parece que o cinema o inventaron os norteamericanos, e posiblemente a cinematografía xaponesa sexa moito máis importante en produción e en contido que a propia cinematografía estadounidense. E mesmo así está como agachada, apartada dos grandes circuítos, relegada ao extravagante". Pedímoslle a Ángel Rueda, director do S8. Mostra de Cinema Periféricoque nos explique nun minuto por que a edición deste ano do evento estará dedicada ao cinema xaponés: "É unha das cinematografías máis importantes do mundo e, con todo, é moi descoñecida na historia do cine. Esta edición está pensada para descubrir, porque mesmo a alguén que lle guste o cine se lle pides que cite cinco directores xaponeses igual non o consegue. Pero ese é precisamente o reto".

O S8 celebrarase do 4 ao 8 de xuño en distintos espazos da cidade da Coruña, comezando polo Centro Sociocultural Fundación Novacaixagalicia, que acollerá a meirande parte das proxeccións, pero tamén o Teatro Rosalía de Castro, que será a sede da inauguración, o CGAI, o Kiosko Alfonso, e tamén o patio da Fundación Seoane, que acollerá as noites de performance de cinema expandido. Dentro da programación do ano dual España-Xapón, o S8 tratará o pasado, presente e futuro da cultura cinematográfica xaponesa, dende as súas orixes até a actualidade, facendo especial fincapé nas vangardas, as novas expresións e os novos cineastas xaponeses, que tamén estarán presentes durante a Mostra.

Rueda salienta a consolidación dunha proposta "arriscada e orixinal", como é o S8, que liga a outros eventos cinematográficos que nos últimos anos acadaron dende Galicia sona e éxito internacionais, coma o Play-Doc: “A clave é ter un proxecto con continuidade. Se eu non vivise en Galicia, viría a propósito ao Play-Doc, porque é un referente. E creo que é algo que está pasando tamén co S8". Para Rueda, "trátase de que teñamos acceso a contidos inéditos e especiais e de que se xeren referencias. Creo que hai unha oferta moi interesante de contidos e de festivais que en vez de ir a remolque, ou de tentar cubrir certas expectativas, apostan polo inédito, por xerar unha marca especial. Ao igual que o cinema está en renovación, creo que nós aquí estamos facendo algo semellante: non conformarnos co que había, senón propoñer cousas novas e novos espazos". "Porque S8 non só quere ser un sitio para ver películas, senón que queremos ser un punto de encontro, co público, cos cineastas, e un espazo de creación", conclúe.

 

Katsuben: unha experiencia única

Ángel Rueda: "Creo que hai unha oferta moi interesante de contidos e de festivais que en vez de ir a remolque, ou de tentar cubrir certas expectativas, apostan polo inédito, por xerar unha marca especial"

A mostra abrirase o mércores 4 de xuño no Teatro Rosalía de Castro co pase de Jirokichi the Rat (1931), a única película muda integramente conservada do lendario director Daisuke Ito. Porén, será moito máis que unha proxección. O filme porase en escena coa figura do benshi ou katsuben, unha caste de narrador, propio da tradición xaponesa das primeiras décadas do século XX e que herda técnicas sonoras herdadas da tradición oral e teatral. Na proxección participará o benshi Raiko Sakamoto, así coma o músico Joichi Yuasa, que interpretará co shamisen (o máis famoso instrumento de corda xaponés) a banda sonora do filme.

"Ás veces parece que o cinema o inventaron os norteamericanos, e posiblemente a cinematografía xaponesa sexa moito máis importante"

"Será a primeira vez que isto se poida ver en España", destaca Ángel Rueda. "En Xapón había unha tradición moi importante de teatro e cando comeza o cinema, eles non consenten que sexa mudo, e por iso inventan unha cousa chamada katsuben. Imos recrear como era unha proxección en Toquio en 1925, que entronca con proxeccións que fixemos estes anos, como o Metrópolis con música en directo, ou os Méliès do ano pasado". "O S8 dende a súa primeira edición ten un compromiso moi claro coa historia do cinema, coas súas orixes. E Xapón era a perla que tiñamos gardada para sacala aproveitando esta quinta edición", destaca Rueda, "temos unha vertente moi comprometida co tema dos arquivos e os formatos cinematográficos. E curiosamente Xapón é o que lle planta cara no seu momento a Kodak, e xera o seu propio formato de Super8. Ás veces parece que o cinema o inventaron os norteamericanos, e posiblemente a cinematografía xaponesa sexa moito máis importante", engade.

 

As vangardas

A mostra pretende percorrer as distintas etapas do cinema xaponés e, nese senso, contará para a súa quinta edición cun dos grandes mestres do cinema experimental internacional, Takahiko Iimura, o pai do cinema de vangarda xaponés, cunha gran filmografía moi descoñecida en España. "Participou na creación de Fluxus en Nova York con Yoko Ono e Andy Warhol, e revolucionou a vangarda cinematográfica: Jenas Mekas ou Michael Snow eran os seus compañeiros de viaxe", subliña Rueda, "vai amosar o seu traballo na Coruña, vai facer performances, instalacións, vai ter encontros co público..., un luxo". Iimura coincidiu con Jonas Mekas en 1964 no Festival Internacional de Cinema Independente de Bruxelas, onde se levou un Premio Especial pola súa película Onan. A raíz deste encontro, Mekas pediulle a Yoko Ono que levase as obras de Iimura a Nova York, cousa que fixo.

O S8 contará para a súa quinta edición cun dos grandes mestres do cinema experimental internacional, Takahiko Iimura, o pai do cinema de vangarda xaponés

O S8 tamén reservará un espazo destacado para os creadores contemporáneos, como Daïchi Saïto, que recibiu o convite do S8 para programar na súa quinta edición un programa especial sobre a historia do cinema de vangarda en Xapón, no que o autor nipón dará conta de aqueles títulos que considera imprescindibles e que influenciaron parte do seu traballo. De igual xeito participarán na mostra outros directores, como Takashi Makino, Rei Hayama ou Shinkan Tamaki. Ángel Rueda destaca que "imos contar coa presenza de cineastas xaponeses moi novos, de menos de trinta anos, moi novos e moi descoñecidos aquí, pero que están revolucionando o cinema xaponés". E conclúe que “é un luxo que aquí poidamos facer unha lectura completa dunha das cinematografías máis importantes do mundo, e unha materia pendente para todos. Máis que a recoñecer xente famosa, imos vir aquí a descubrir tesouros”.

Presentación da programación do S8, este mércores na Coruña © S8. Mostra de Cinema Periférico
Takahiko Iimura será un dos grandes protagonistas do evento © S8. Mostra de Cinema Periférico
Andy Warhol: Re-Reproduction (Toshio Matsumoto) © S8. Mostra de Cinema Periférico
Sailing across images (Shinkan Tamaki) © S8. Mostra de Cinema Periférico
No festival proxectarase un filme de 1931 con narración (katsuben) e banda sonora en directo © S8. Mostra de Cinema Periférico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.