O vindeiro 25 de setembro, César Portela (Pontevedra, 1937) recibirá o Premio COAG a toda unha traxectoria profesional. O galardón, que se entregará nunha gala no Pazo de Baión en Vilanova de Arousa (cuxa rehabilitación foi realizada por el mesmo), recoñece un traballo realizado "cun gran respecto ao patrimonio construído e á contorna natural no que se enclava". De Portela sempre se destacou a súa vontade de integrar as súas obras coa terra na que se asentan e, sobre todo, co mar, protagonista en moitos dos seus traballos máis coñecidos.
O vindeiro 25 de setembro, César Portela recibirá o Premio COAG a toda unha traxectoria profesional
Fillo dun aparellador vencellado ao Partido Galeguista do que bebeu o amor pola arquitectura, comezou a traballar a comezos dos anos 70 con obras coma un complexo de vivendas para unha comunidade xitana en Campañó (Pontevedra). Máis adiante, en paralelo co seu traballo docente (foi profesor convidado en múltiples universidades e institucións), chegaron as obras polas que é celebrado. Entre 1991 e 1997 foi responsable do Plan Especial de Allariz, en 1992 comezou a traballar na rehabilitación da Illa de San Simón e en 1999 foi recoñecido co Premio Nacional de Arquitectura Española polo seu deseño da Estación de Autobuses de Córdoba. A Domus da Coruña (xunto con Arata Isozaki), o Faro de Punta Nariga en Malpica, o Museo do Mar de Galicia de Vigo (xunto con Aldo Rossi) están entre os seus traballos máis celebrados, con obras que chegan a Xapón, os Emiratos Árabes e distintos puntos do Estado español.
Hai uns meses, no seu discurso de ingreso á Academia Galega das Ciencias, César Portela resumiu a súa concepción da arquitectura destacando que se "refire basicamente á construción do espazo". "Do mesmo xeito que a pintura especula coa cor, a escultura coa forma, a literatura coas palabras, a fotografía coas imaxes, a música co son e o cine coa imaxe e co tempo, a arquitectura faino co espazo", dixo. E noutra ocasión tamén sinalou que “a boa arquitectura é capaz de lograr á par solidez, confort, riqueza formal e espacial sen esquecer a economía de medios”.
"Ti observas a arquitectura tradicional e había coherencia, un gusto polo que se facía. Aí estaba o orgullo do propietario da casa e tamén o do canteiro"
En conversa con Praza.gal, Portela celebra a boa saúde da arquitectura que se está a facer neste momento en Galicia: "hai un pouco de todo, pero estanse facendo obras moi boas". Pero sobre todo destaca o valor e a riqueza da arquitectura tradicional galega, de onde beben moitas das súas obras: "Pode que agora haxa unha maior sensibilidade polas novas obras de arquitectura e as innovacións sexan mellor recibidas, pero sempre houbo bos arquitectos e boa arquitectura en Galicia. A arquitectura tradicional en Galicia era moi boa e aí temos milleiros de exemplos en todo o país".
"Ti observas a arquitectura tradicional e había coherencia, unha intención de perdurar e un gusto polo que se facía. Aí estaba o orgullo do propietario da casa e tamén o do canteiro e o construtor, o gusto polas cosas ben feitas", di, e engade: "se ti miras calquera localidade galega, ves unha sucesión de arquitecturas, todas moi boas, un exemplo de saber facer, ata chegar a unha época determinada, na que todo se desmanda e a consecuencia é que hai zonas de Galicia que quedaron moi estragadas, tanto nas cidades e vilas como en moitos lugares do litoral".
"Máis que de feísmo, gústame falar de arquitectura mala, porque ademais de fea é mala, está mal feita, con pouco respecto pola contorna"
"Comezouse a construír onde non se debía, engadindo alturas, empregando materiais baratos, deixando fachadas sen pintar... Perdeuse unha racionalidade que viña de séculos atrás. A xente que tiña o diñeiro non tiña cultura e, ademais, dáballe todo igual, tanto tiña como se rematase un edificio, que quedase a fachada a ladrillo visto, como encaixase coa contorna ou como se estragase a paisaxe...", denuncia. "Ao final o feísmo é unha cuestión de cartos", resume. "Aínda que eu neste caso máis que de feísmo, gústame falar de arquitectura mala, porque ademais de fea é mala, está mal feita, con pouco respecto pola contorna", di.
E como se loita contra o feísmo? Portela é moi claro: "Isto soluciónase, sobre todo, con educación, non é só cuestión de leis e normas". "Ti podes fixar nunha norma que as casas teñen que ter unhas dimensións determinadas, empregar uns determinados materiais e rematarse dunha forma determinada, pero coa mesma lei o resultado pode ser moi distinto en función da educación que teña esa sociedade", di.
"O feísmo soluciónase, sobre todo, con educación. Non é só cuestión de leis e normas. Coa mesma lei o resultado pode ser moi distinto en función da educación que teña esa sociedade"
Nos últimos meses Portela tamén destacou a súa esperanza de que a pandemia mudase algunhas das dinámicas imperantes na arquitectura nas últimas décadas. O confinamento fixo ver a moitas persoas a importancia dos lugares nos que vive, a necesidade de contar con espazos públicos, zonas verdes e de incorporar balcóns e galerías nas vivendas. Hoxe o arquitecto xa se confesa máis desconfiado sobre os posibles cambios: "a ver en que queda todo isto, veremos se cando a economía se recupere e a xente volva ter cartos que gastar non volvemos caer nos mesmos erros".
"A Coruña ten dous grandes escaparates, dun lado a praia e doutro o Porto, nos que é fundamental ter moito coidado; é como a fachada dunha casa: é o primeiro que a xente ve e hai que coidala"
Preguntámoslle tamén polas transformacións urbanas que viviron as cidades galegas e que en moitas ocasións estragaron grandes zonas das súas xeografías, con consecuencias que aínda sufrimos, ou que pecharon a súa saída ao mar ou aos ríos que as cruzan. "As cidades estragáronse cando o seu desenvolvemento caeu en mans de especuladores que querían obter o máximo beneficio económico posible", di. E subliña a importancia da transformación do Porto da Coruña para o futuro da súa fachada marítima: "o espazo do Porto na Coruña é moi sensible e calquera cousa que se faga alí hai que pensala moi ben, porque vai mudar a cidade para un tempo de moitas décadas. A Coruña ten dous grandes escaparates, dun lado a praia e doutro o Porto, nos que é fundamental ter moito coidado; é como a fachada dunha casa: é o primeiro que a xente ve e hai que coidala".
"Dalgunhas obras sentes un certo orgullo, ás veces polo proceso. Penso por exemplo na Estación de Autobuses de Córdoba, seguramente porque a fixen nun lugar moi distinto a Galicia. Foi un reto"
Entre as súas obras cal é a súa favorita? Portela di non poder escoller unha: "Isto é como falar dos fillos. A quen queres máis? Pois a todos por igual, en realidade", afirma. Con todo, si que recoñece que "é certo que dalgunhas obras sentes un certo orgullo, ás veces polo proceso. Penso por exemplo na Estación de Autobuses de Córdoba, seguramente porque a fixen nun lugar moi distinto a Galicia, con outro clima, cunha arquitectura moi diferente á de aquí. Foi un reto". Cita tamén o Museo do Mar de Vigo ou o Faro de Punta Nariga, un mascarón de proa que se interna no mar e que ademais serve de balcón para observar a paisaxe. "Ao final son obras que as ves rematadas e sentes que tiveches a sorte de traballar aí, pero tamén destacaría moitas obras pequenas, casas que fixen para amigos...", engade.
"En ocasións a un arquitecto ou a calquera persoa hai que xulgalo o mesmo polas obras que fixo como polas que rexeitou facer, por distintos motivos"
E algunha que lle gustaría cambiar, da que se arrepinta ou proxectos que lle gustaría ter feito? César Portela destaca neste punto que ao longo da súa traxectoria renunciou a realizar un gran número de obras: "En ocasións a un arquitecto ou a calquera persoa hai que xulgalo o mesmo polas obras que fixo como polas que rexeitou facer, por distintos motivos", di. Renuncias que tamén se aplican ao seu estilo, como el mesmo destacou no seu discurso de ingreso na Academias de Ciencias: "ao longo da miña obra quixen deixar de lado cuestiones banais, formas gratuítas, materiais inútiles, xestos innecesarios, non escoitar falsos cantos de sirena, resistir múltiples tentacións, apartar todo aquilo que puidese ser accesorio".
"Temos que seguir facendo o que facemos ata que morramos. É o que me gusta. Se me xubilase seguiría facendo arquitectura"
Portela segue a traballar e o seu estudio está ocupado nestes momentos con obras tan importantes coma a Estación Intermodal da Coruña, a Lonxa de Ribeira, a rehabilitación do Palacio de Cortiguera en Santander ou a reforma do Centro de Formación Agroforestal de Sergude. "Da xubilación nin falamos, non?", preguntámoslle. "Jaja, non, os que non servimos máis que para traballar, temos que seguir facendo o que facemos ata que morramos. É o que me gusta e, ademais, se me xubilase seguiría facendo arquitectura", remata.