Se unha persoa camiña por Vilalba estes días irá atopando cartaces con códigos QR, un total de 28, cos que poderá (unha vez escaneados co seu móbil) acceder a outros tantos contidos relacionados con Manuel María, realizados co gallo do Día das Letras Galegas. Trátase dunha iniciativa levada a cabo polos centros de ensino da localidade, nun traballo coordinado pola Biblioteca do IES Lois Peña Novo, que editou un mapa no que se poden atopar todos os códigos.
Entre os recursos que compoñen este proxecto atopamos vídeos de nenos e nenas recitando, un concerto de Mini e Mero, varias representacións teatrais, videopoemas, carteis (baixo o título conxunto de "As palabras do Manuel María nas nosas mans"), unha recreación ilustrada da vida de Manuel María ou a construción da gaiola dos soños no IES Lois Peña Novo... Unha boa partes destes vídeos poden verse no espazo de youtube da Biblioteca do IES Lois Peña Novo.
A iniciativa foi realizada polo alumnado do CEIP Insua Bermúdez, o CEIP Mato Vizoso, o CEIP Monseivane, o CEIP Terra Chá, o CEP Castelao, o Centro Ocupacional, a Escola de Educación Infantil de Vilalba, a Escola Infantil A Galiña Azul, o IES Basanta Silva e o propio IES Lois Peña Novo, "compañeiros e compañeiras do ensino público e de calidade, que desta vez tivemos como guiero e estrela a Manuel María neste camiñar esperanzado cara un mundo mellor", destacan. Contou, ademais, coa colaboración do Concello de Vilalba e da Asociación de Empresarios Sete Pontes.
Os códigos (unha idea achegada polo docente Lois Pérez) atópanse distribuídos por toda a vila. Moitos deles atópanse no interior ou nas proximidades dos propios centros de ensino, pero tamén no mercado, na Casa do Concello, na Casa da Xuventude, no Parador de Vilalba, no Centro Sociocomunitario, no Auditorio Municipal, no Museo de Arqueoloxía e mesmo no Polígono Industrial Sete Pontes.