Marcos Abalde: "Temos o deber da rebelión, de non dominar nin deixar que nos dominen"

Dominio Público Praza Pública

"Hai que alimentar a rebelión, a desobediencia, a insubmisión, para parar a roda do mal, da infamia". Iso di Marcos Abalde. E diso falan os seus dous últimos libros, Exhumación (Xerais), IV Premio de Poesía Manuel Lueiro Rei, e Oenach, (Espiral Maior), XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Antes destes dous poemarios, coñeciámolo polas súas pezas de teatro. Mais as temáticas son as mesmas. Como erguer a fraternidade no medio da depredación. Falamos con el das dúas últimas obras e recuperamos partes dunha conversa anterior sobre a súa creación teatral.
 

O xurado dixo de Oenach que era unha adaptación dun mito clásico á realidade histórica e social galega. Coma Exhumación, é un libro sobre a opresión. Como toda a túa obra.

A opresión, a dominación, é o tema que máis me preocupa, si. A dominación en todos os aspectos: entre pobos, linguas, clases sociais, entre homes e mulleres… Non sabería explicar moi ben as diferenzas, nese sentido, entre Oenach e Exhumación. Son as mesmas obsesións… Se cadra porque é o tema que nos urxe resolver. Non podemos caer no fatalismo de que non hai saída á explotación do home polo home. Na historia as cousas foron mudando e hai esperanza de seguir mudando a sociedade. A idea de que a fin da historia é o capitalismo liberal é unha superstición.

“A idea de que a fin da historia é o capitalismo liberal é unha superstición”

Xa recorreras antes a personaxes míticos ou históricos. Por que Antígona, que é quen fala en Oenach?

Antígona é un símbolo da disidencia política, que nega a lei de Creonte por xustiza, por solidariedade co irmán.

Nos dous libros, a historia faise presente. Oenach é Ceuta, Lampedusa, San Simón, Guernika, Mauthausen. Son Amador, Daniel e Reboiras. É a opresión presente e pasada. Como Exhumación.

A historia e o tempo son algo estraño, misterioso. Todo o pasado é presente tamén. Cando vas madurando comezas a comprender que formas parte das moitas xeracións que te precederon. Toda esa carga está constantemente acompañándote no presente e axúdache a loitar, é un impulso: a tradición dos oprimidos, dos vencidos da Historia. Diso falaba Benjamin, do redimir o pasado, do deber que temos cos mortos, cos vencidos. O deber cos que nos precederon na loita pola emancipación humana. Emancipación é unha palabra que está perdida no noso vocabulario, tamén polo naufraxio da esquerda. Mais é un concepto fundamental para unha vida boa.

“Emancipación é unha palabra que está perdida no noso vocabulario, neste contexto, tamén, de naufraxio da esquerda”

O contido de Exhumación podería resumirse, quizais, cos poemas Amianto e Resiliencia. Amianto fala dunha sociedade necrófila na que se normaliza a segregación. Resiliencia fala de rexeitar a colaboración cun réxime opresor e chama aos “apátridas, sans-culottes, quilombolas, intocábeis, gens de rien” a danzar.  Aínda que ao principio do libro parece que reflicte máis a impotencia que a esperanza.

É un risco, o da sensación de impotencia. Así funciona a banalidade do mal, vai destruíndo a humanidade. Vai deixando os vínculos rotos: os vínculos coa lingua, coa terra, entre nós… E a cuestión é como nos reconciliaremos fronte a esa desconexión, esa ruptura, ese dano… Un dano que tamén é psicolóxico, porque o humano é un animal interdependente, ecodependente… Como saír da impotencia, desa frustración constante, como construír a fraternidade… ese é hoxe o gran desafío. Para iso, o primeiro é non dominar nin deixar que nos dominen. Armar a sororidade, fronte a un réxime baseado na exclusión, a desigualdade, a violencia. E como coidarnos en vez de explotarnos?

"Cantas horas de colo fan falta para criar un ser humano?"

En realidade, é un xeito de actuar moi estendido, aínda que non moi visibilizado. É o que fan milleiros de mulleres, de forma gratuíta. O amor das nais, que é o que fai posible a humanidade. Un xeito de solidariedade que está nas casas, fóra do capitalismo. Todas as persoas imos ser dependentes, e fomos dependentes cando nacemos. Cantas horas de colo fan falta para criar un ser humano? Moitas. Pois se coidarnos uns aos outros fose o modelo, e non a dominación, poderiamos construír a fraternidade. Temos o deber da rebelión, de non dominar nin deixar que nos dominen. Sen vítimas nin verdugos. As feministas representan o máis semellante á esperanza nese sentido. Non dominar e ter conciencia de que non debes deixarte dominar. Para a ver se podemos chegar á banalidade do ben, e non do mal. Hai que alimentar a rebelión, a desobediencia, a insubmisión, para parar a roda do mal, da infamia.

"Hai que alimentar a rebelión, a desobediencia, a insubmisión, para parar a roda do mal, da infamia"

Exhumación constata como se fixo realidade a “utopía burguesa do Apartheid” ou a “convicción etno-clasista do humano”. Grande parte da dominación da que fala o libro é de clase. Outro termo que estaba pouco de moda antes de que nos decataramos de que aquilo das clases medias era mentira.

Hai crianzas que poucos anos que viviron toda a súa vida na “crise”. Eu son de Vigo e alí sempre houbo crise: reconversión, desemprego… Pero parece que a “crise” de verdade é a do 2008. En fin… Houbo, si, unha xeración que se converteu en “clase media”, e o impacto estamos a pagalo na nosa xeración. O que nos fai falta non é agardar a ser clase media, é recuperar a tradición dos oprimidos. E iso aquí, na Galiza, é doado.

Felizmente para iso, vivimos nun país de oprimidos. Un país que se enfrontou á nobreza, que conseguiu a redención dos foros, no que as persoas máis intelixentes foron exterminadas, no que xente coma Rosalía escribiu en galego a pesar de todo… Un amigo portugués díxome que tiñamos sorte por ter tantos centros sociais. Tiña razón: vivir nun país oprimido ponche uns óculos emancipadores moi potentes.

"Vivir nun país oprimido ponche uns óculos emancipadores moi potentes”

Vivir nun país cunha lingua propia que leva séculos sendo perseguida, no que temos referentes coma Castelao ou Rosalía, que foron disidentes. E iso está en toda a historia de Galicia, desde Pablo Iglesias en Ferrol ata toda a mesta tradición socialista e anarquista que foi barrida no 36. Porque o fascismo español non só acabou coa República. Acabou coa tradición de décadas de loita obreira, labrega, nacionalista. Mais esa é a tradición da que vimos: a conciencia e autoorganización do pobo. E con iso puidemos recompoñer unha sociedade, máis ou menos democrática. E non, a Historia non se acaba. Hai que ser miope para crer que no reino de España, ou na superstición capitalista, acaba todo. Ou para crer que é natural que as tres cuartas partes do planeta pasen fame. Que é o que defenden a maioría dos partidos do Parlamento español, que non dubidan en apoiar que se invada Libia ou Siria.

“Hai que ser miope para crer que no reino de España, ou na superstición capitalista, acaba todo”

O engano e a mentira dos medios de comunicación tamén están moi presentes no libro.

Ti sábelo mellor ca min. Os medios de comunicación son correas de transmisión do Ibex 35, da patronal, do ministerio do Interior, da Xunta polas subvencións… O xornalismo é pura propaganda ao servizo das clases dominantes, e dentro diso só hai pequenos oasis no deserto do feudalismo financeiro. Pero ao que ten acceso a maior parte da poboación é á propaganda. O dereito á información vulnérase todos os días. E non, non hai acceso universal a internet para buscar información alternativa. A maioría da xente ve Tele 5 e le La Voz de Galicia. E votan en consecuencia.

"O dereito á información vulnérase todos os días"

A prisión sae en Oenach e en Exhumación, no que citas por exemplo o réxime FIES ou o estado de excepción normalizado, con abusos e torturas incluídos. E negados. Outra realidade pouco visible. Na túa biografía en Exhumación dis que naciches en Lavadores, que publicaches algún libro e que tes amigos no cárcere.

Podía facer unha biografía para poñerme medallas ou poñer o que é máis significativo, e optei polo segundo. Os cárceres son sistemas de destrución do ser humano. Para nada responden á reinserción social como obxectivo. Niso, o suposto Estado de Benestar tira a máscara. Porque as prisións están cheas de xente pobre, de traballadores pobres. Eu son un proletario, un traballador consciente, polo que só podo ser solidario coas persoas que sofren opresión de clase.

Carlos Calvo e Antom Santos son amigos meus e están no cárcere polas súas ideas políticas. Son presos políticos nun estado de excepción normalizado. A súa pena agravouse non polo que fixeron, senón por quen son. Así é este “Estado de Dereito”. Que administra penas desproporcionadas segundo quen sexas. O director xeral de Caixa Galicia roubou millóns de euros e tiña unha trama para extorsionar xubilados. Administraba o terror e hoxe vive moi tranquilo, con total impunidade. Pero un traballador que defende a liberdade de Galiza recibe unha pena de prisión desproporcionada para acabar coa súa dignidade e coa súa intelixencia. A quen lle ten medo a xente é a Méndez, non a Carlos Calvo. É a xente coma Méndez a que fai que as persoas teñan que temer aos bancos.

"Eu animo a pensar na fin do capitalismo, en acabar co réxime de explotación e de exclusión"

Algo máis que queiras engadir sobre 'Exhumación'?

Dicía Jameson que é máis fácil pensar na fin do mundo que na fin do capitalismo. Eu animo a pensar na fin do capitalismo, en acabar co réxime de explotación e de exclusión.

'A cegueira', co que gañaras o Premio Álvaro Cunqueiro, fai pensar no exterminio do pobo palestino. Cal é a cegueira á que apunta?

É a cegueira do que fala Günter Anders. A cegueira desta Idade Escura, destes tempos sombrizos que padecemos, onde a industrialismo e a tecnocracia chegaron a semellante expansión que xa non nos permite ser conscientes das consecuencias dos nosos actos. No século XIX pensábase que a educación das clases populares ía resolver de xeito automático as inxustizas. Despois do paso do século XX sabemos que hai un novo tipo de analfabeto cun coñecemento técnico altamente especializado e que pasa as tardes a xogar coa Wii. O terror non se ignora, prefírese ignorar.

En 'Canibalismo', un inmigrante que se refuxia nun caixeiro é atacado no nome da civilización. En 'Wellcome to Lampedusa' os refuxiados de guerra son considerados culpábeis de teren fame e sede.

As persoas que vivimos baixo o limiar da pobreza temos o "privilexio" de ver a liña do apartheid global avanzar. O trato que recibiron os e as traballadoras migrantes era unha anticipación do trato que ía sufrir o conxunto do pobo traballador. A vulnerabilidade da súa situación era un aviso que pouca xente soubo escoitar. Agora tratan de ampliar ese estado de excepción económico e social ao resto da poboación.

"As persoas que vivimos baixo o limiar da pobreza temos o "privilexio" de ver a liña do apartheid global avanzar"

En 'Liturgia de Jesusalem' presentas a Egeria antes de que escribise a historia que viviu. Os bispos perseguen a quen defende os que andan descalzos. En 'Saga Iacobsland' a guerra de Cresconio contra o paganismo ten tamén o obxectivo de acabar con quen defende os desposuídos.

O poder sabe que está nunha guerra global contra os pobres. A barbarie é a cerna do noso tempo. Se aínda é posible un mundo novo, hai que facer frente a ese abismo. O abismo do apartheid global. O abismo da sub-humanidade moderna. Para iniciarse neste tema é moi recomendable un libro de Estaleiro titulado 'Por unha democracia radical' onde diferentes autoras explican a estarrecedora actualidade de Carl Schmitt, o arquitecto xurídico do Terceiro Reich.

"Se aínda é posible un mundo novo, hai que facer frente ao abismo do apartheid global, da sub-humanidade moderna"

Outra forma de poder moi presente nos teus textos é o patriarcal. Menalao abusa de Helena. En 'Judite, só a tola -e tamén, despois, a puta-, semella ter a suficiente lucidez como para ver o patriarcado, e enfrontarse a el. Nesta obra, ademais a loita de clases eo patriarcado aparecen conectados.

Como o persoal é político, quizais sexa pertinente falar da miña nai que traballaba en réxime de semiescravitude nun taller ilegal para Amancio Ortega. A nosa casa non tiña calefacción e eu lembro ter moitísimo frío no inverno. Tanto frío que me aterecían as mans e non daba feito os deberes. Eu escribo desde ese frío imposto polo amo. Silvia Federici ten reflexionado sobre o desenvolvemento do capitalismo e a acentuación do patriarcado coa división entre o traballo produtivo e reprodutivo. Ultimamente, Carolina del Olmo sacou un libro que vai nesta liña. A economía dos coidados é unha atalaia magnífica para cuestionar de xeito radical o capitalismo eo seu modelo social. Ata a propia medicina é androcéntrica como demostra Carme Valls falando sobre a morbilidade diferencial das mulleres. En fin, a revolución será ecofeminista ou non será.

© Borxa Toxa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.