Mariñapatrimonio descobre unha importante explotación aurífera romana na mariña lucense

Explotación Aurífera das Covas (Barreiros). Miguel Vizoso (mariñapatrimonio) e Santiago Ferrer Sierra (arqueólogo) © mariñapatrimonio

Mariñapatrimonio vén de descubrir nos lugares de As Covas (Barreiros) e A Espiñeira (Foz), a existencia de restos do que noutrora foi un gran complexo mineiro. A morfoloxía do lugar e o tipo de solo, terrazas aluviais, indicaban que podía tratarse dun xacemento mineiro romano e destinado á extracción de ouro.

Mariñapatrimonio contactou co arqueólogo de recoñecido prestixio e especialista en minería antiga, Santiago Ferrer Sierra, quen confirmou in situ que sen ningunha dúbida estamos ante un importante complexo mineiro de época romana e que tanto na Espiñeira coma nas Covas extraeuse ouro hai dous mil anos. Destacou a trascendencia do achado e sinalou que se trata da primeira explotación mineira romana da que se ten noticia na Mariña, onde arqueólogos e historiadores pensaban que non existían este tipo de explotacións. Ferrer fixo tamén fincapé na magnitude do xacemento arqueolóxico e no bo estado en que chegou a nós; asimesmo destacou a importancia de conservalo e protexelo.

Na visita ao xacemento de A Espiñeira, xunto co arqueólogo e membros de Mariñapatrimonio, tamén estivo o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira,con quen se conversou sobre as grandes posibilidades que ofrece o lugar para ser visitado, o que atraería un turismo cultural que complementaría a oferta turística da Mariña. Este novo xacemento contribúe a reforzar a idea do rexidor de Foz de recuperar o veciño castro de As Engrobias. Mariñapatrimonio comunicou este novo achado ao Servizo de Patrimonio da Xunta e solicitou a súa inclusión no Inventario Xeral de Patrimonio.

Explotación Aurífera das Covas (Barreiros). Miguel Vizoso (mariñapatrimonio) e Santiago Ferrer Sierra (arqueólogo) © mariñapatrimonio
Canle de Lavado. As Covas (Barreiros) © mariñapatrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.