Mil lámpadas nuns María Casares que viaxarán á multiculturalidade

Presentación dos Premios María Casares CC-BY-SA Praza Pública

"Un ceo de mil bombillas iluminará uns Premios María Casares que viaxarán, da man da compañía Elefante Elegante, á multiculturalidade".  Así se definiu a gala dos XIX Premios de Teatro María Casares, que se celebrarán o próximo ás 21 horas deste xoves 26 de marzo, véspera do Día Mundial do Teatro, no Rosalía Castro da Coruña e que foi presentada no Concello da Coruña. Os galardóns, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), convértense anualmente e dende 1997 na gran celebración da escena do país.

A concelleira de Cultura, Ana Fernández, destacou o apoio da cidade ao teatro, mentres que Jacobo Sutil, director de Agadic, definiu os premios como un gran “estímulo para visibilizar a actividade teatral de todo un ano” e celebrou, como o resto de intervintes, a importancia da creación dun premio ao mellor espectáculo infantil, “unha boa noticia” que pon “o foco sobre os espectadores do  futuro”. Juan Carlos Fasero, director de SGAE-Noroeste, amosou a “ledicia da SGAE” por colaborar nos María Casares e sinalou a gran cantidade de persoas que participan nas obras de teatro como a importancia dos textos das obras deste ano, “unha boa colleita”.

A Asociación de Actores destaca a relevancia dos galardóns para "dar visibilidade á actividade teatral" nestes momentos difíciles

Ricardo de Barreiro, en nome da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), destacou na súa intervención a relevancia destes galardóns á hora de lle “dar visibilidade á actividade teatral” nuns momentos difíciles para todos. Para De Barreiro, o sector escénico, malia as circunstancias, está a responder cun labor de calidade e de relevancia social para o país, como así o demostran os dezaseis espectáculos que este ano aspiran a algún dos catorce categorías cos que contan os María Casares e que nesta edición, e tal como subliñou, inclúen unha nova categoría.

“Creouse o Premio ao Mellor Espectáculo Infantil para visbilizar a unhas obras e unhas compañías que traballan con gran calidade para uns espectadores, a rapazada, que xa é público de hoxe, pero que ten que selo no día de mañá”, sinalou para despois destacar “a esencial importancia” do teatro familiar como “construtor de públicos”.

De Barreiro  lembrou que as tres obras con maior número de nomeacións son A tempestade, de Voadora, con 10 nomeacións; Perplexo, de IlMaquinario Teatro, con 9, e Ultranoite no País dos Ananos,  de Chévere, con 7.  

Unha viaxe cara á multiculturalidade

María Torres e Gonçalo Guerreiro, codirectores de Elefante Elegante, sinalaron que os María Casares deste ano suporán “unha viaxe cara á multiculturalidade”.  Precisamente, a idea de viaxe dende diferentes puntos de vista funcionará para a ambientación da gala. A cerimonia servirá, deste xeito, de “espello de vida dos actores”, que viviron durante moito como viaxeiros forzados  nunha época na que se movían polo mundo en troupe. Ese concepto, o de troupe, será esencial no desenvolvemento da cerimonia que prepara Elefante Elegante, cuxo elenco estará formado por Iria Pinheiro, Ángela Blanco, Pablo Sánchez e os propios María Torres e Gonçalo Guerreiro.

Para os directores da gala, a “itinerancia como xeito de vida”, “ser artista ao lonxe” ou o “a emigración” son algunhas das perspectivas de viaxe que tocarán ao longo da gala, mais será a multiculturalidade o cerne da cerimonia. As viaxes significa o camiño perfecto para a mestura, a fusión e o intercambio de ideas, imprescindible para o proceso da multiculturalidade, que non deixa de ser “unha gran riqueza” e a “expansión das posibilidades do ser.”

Con esta concepción, Elefante Elegante proporá uns María Casares viaxeiros nos que estarán acompañados pola música de Kibitka, formación multiinstrumental que se define así mesma como unha caravana, como unha casa migratoria. Precisamente, a bagaxe e as viaxes das persoas que conforman o grupo trouxeron músicas de Armenia, Bielorrusia, Moldavia, Galicia ou Rusia agregaron ritmos e influencias e rescataron sonoridades esquecidas nun repertorio que lle porá a banda sonora a gala ideada por Elefante Elegante.

Nesta viaxe cara á multiculturalidade que propón Elefante Elegante, a gala dos María Casares transcorrerá baixo un ceo de mil bombillas que poderán iluminar, segundo explica o responsable da escenografía Suso Montero, coa luz lene das vagalumes ou con toda a potencia do sol. Ese manto de lámpadas será a peza fundamental da escenografía que envolverá os cinco actores e seis músicos que estarán sobre o escenario dunha gala cuxa construción do decorado correu a cargo do Centro Dramático Galego. Pola súa banda, o Vestiario orixinal está confeccionado por Marcia Edleditsch coas súa marca Efímera, que presenta unha proposta de deseño a partir da mestura de estilos, texturas e cores do mundo. Un traballo creativo con aires do universo das fadas que nos transporta ao circo modernista mais extravagante. Finalmente, a coordinación e a produción executiva dos Premios María Casares recaeu en Marta Horjales.

Presentación dos Premios María Casares CC-BY-SA Praza Pública
Presentación dos Premios María Casares CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.