MITEU: durante dúas semanas choverá teatro sobre Ourense

Cartaz do MITEU © MITEU

Como todos os anos, cando chega a primavera, chega tamén a MITEU. A Mostra de Teatro Universitario de Ourense cumpre a maioría de idade convertida en todo un referente dos festivais de teatro universitario e profesional a nivel galego, estatal e internacional. Dino os seus participantes de todo o mundo, que por uns días se converten en convidados a unha cidade, Ourense, que tornará durante dúas semanas, dende este venres 12 ao sábado 27 de abril, anfitrioa privilexiada das xentes das artes escénicas.

E todo iso a pesar da malchamada “crise” e das trabas económicas impostas pola Xunta, que non concreta nin asegura o seu apoio futuro e non achega máis que 900 euros para o festival máis importante de Ourense. Faino a través da pasiva AGADIC, a Axencia Galega das Industrias Culturais, que Gali, unha alumna e actriz da Aula de Teatro de Ourense, parodiou encarnando unha moza durmindo pracidamente durante a presentación á prensa da programación da MITEU. Cando se lle preguntou se colaborara, espertou e contestou: “nin si nin non, senón todo o contrario”. A edición deste ano conta con 65.000 euros de orzamento, un 20% menos que en 2012, dos cales o Concello achega a maior parte, 33.600, ademais de apoio material e técnico e o Teatro Principal; a Universidade de Vigo uns 10.000, cedendo as aulas de teatro e colaborando o resto do ano; e a Deputación de Ourense 9.500, poñendo a disposición do festival o Auditorio. O Goberno español prexudicou tamén o normal desenvolvemento do festival ao denegarlle o visado á compañía de Tunisia, por, segundo o cónsul, existir o risco de que os seus membros “puidesen quedar en España de maneira irregular”, polo que non terá lugar a súa representación nin a charla que ían dar sobre a realidade do seu país.

Porén, a XVIII MITEU seguirá na mesma liña de difusión do teatro nacional, estatal e internacional e o achegamento ás diversas culturas, con 17 aulas universitarias e unha ducia de compañías profesionais de teatro de Brasil, Ecuador, Arxentina, EEUU, Tunisia, Italia, Portugal (Covilhâ, Lisboa, Coimbra, Aveiro), España (Madrid, Castela-León, Navarra, Cataluña) e Galicia. Ademais entregará os seus habituais premios do xurado, o público e a organización aos mellores espectáculos. E os responsables da MITEU ofrecerá o seu premio de honra á Plataforma das Artes Escénicas, como recoñecemento do labor e o esforzo realizado durante todo este ano de oprobio dende o Goberno galego aos profesionais do sector.

Vidal Bolaño, grande autor contemporáneo do teatro galego e homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, cobrará especial relevancia grazas ás montaxes preparadas para a ocasión de Cordelia (Ourense) e outras aulas universitarias coma Lugo, Vigo ou A Coruña

A figura de Vidal Bolaño, grande autor contemporáneo do teatro galego e homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, cobrará especial relevancia grazas ás montaxes preparadas para a ocasión de Cordelia (Ourense) e outras aulas universitarias coma Lugo, Vigo ou A Coruña. Xunto a este clásico de hoxe, teremos clásicos de sempre como a Antígonas de Sófocles ou a Medea de Eurípides, a través de  Lisboa e Madrid, respectivamente, e autores contemporáneos como Rodrigo García (Compostela), Alfredo Sanzol (Pamplona) ou Juan Luis Sáez (Burgos), “palabras comprometidas co seu entorno, co seu mundo”. Compañías galegas da “traxectoria” de Ningures ou Teatro do Adro, creacións recentes coma Pinchacarneiro, o teatro do corpo e dramaturxia de actor de Banda Kurenai e Eduardo Okamoto, o teatro infantil de Geppeto, teatro de rúa (Rosaura, Trécola,Túnez, Lisboa, Lugo), xunto ao humor tan necesario” e  profesional como o de Yllana (Madrid), Jango Edwards (EEUU), Acontrabutaca ou os Irmáns Lumieira (Galicia), que queren “afastarnos do suicidio colectivo, aínda que Maricastaña” o propoña con “encanto” (en referencia ó título da última peza do nivel superior da Aula de Teatro Universitario de Ourense, que pechará coma sempre o festival).

Xunto ao moito teatro, adulto e infantil, universitario e profesional, danza e mesmo maxia, haberá actividades complementarias e outras artes tocando o teatro que converten a MITEU un festival multidisciplinar: un curso de “artes performativas de Oriente” con Cecilia Hopkins (Arxentina), moita música, con Alba Sarraute, Best Life, Ménage à Trois e Xosé Manuel Budiño. unha exposición fotográfica da Asemblea de Cooperación pola Paz sobre Tunisia, berce da “primavera árabe”,  o documental Positive Generation de Médicos sen Fronteiras, encontros das compañías co público, etc.

Nesta edición, o seu director Fernando Dacosta elixiu como tema da “Benvida” a importancia das palabras, o seu significado, valor e a prostitución que se fai destas na sociedade actual. Coma sempre, o compromiso social é inherente a este festival, que aspira, máis que a evadirnos, a representar, falar e reflexionar sobre a realidade do noso tempo, a través das palabras e das historias:

16 días de emoción, reflexión, humor, poesía e teatro nos que Ourense se converte na capital do Teatro

“Vivimos en tempos onde a palabra corralito, agradable e suave, designa o roubo dos cartos ao pobo. Externalización utilízase para a privatización salvaxe daquilo que custou tanto tempo, esforzo e loita conseguir, como a sanidade pública, por exemplo, ou a educación, ou a xustiza. Chámase rescate ao apresamento infame dos pobos. Constitución é sinónimo de inmobilismo. Democracia é perpetuación no poder dos de sempre. Terrorismo serve agora para referirse a reivindicacións necesarias; deber (da policía, por exemplo) ponse enriba da mesa para non dicir ostiar (aos manifestantes por exemplo); Mentira é verdade e verdade é mentira. Reforma laboral serve para despido libre; brotes verdes dise no canto de algúns estanse forrando e forraranse máis; preferentes utilízase por non dicir timo; bilingüismo remítenos a inglés mal falado xunto a español mal falado (non ao galego, "idiolecto" infame para certas persoas que rexen a educación). Cando se fala de interese nacional debe lerse o interese dos poderosos; festa nacional coma tortura a animais; beneficio bancario como diñeiro que nos arrebatan;cidade da cultura como cemiterio da cultura; peaxe como sistema feudal de cobro de camiños,... Cando din Deus queren dicir Eu (por eles)”.

En definitiva, 16 días de emoción, reflexión, humor, poesía e teatro nos que Ourense se converte na capital da escena.

Moita máis información na web da MITEU, e axenda actualizada día a día n'O Galiñeiro, o blog de teatro de Praza Pública.

Eduardo Okamoto Dominio Público Praza Pública
Os Irmáns Lumieira Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.