Moita vida en Youtube para a lingua galega

Os gañadores e gañadoras dos premios, recollendo os seus galardóns © Pilar Abades

O Teatro Colón da Coruña acolleu esta venres pola noite a gala de entrega da segunda edición Premios Youtubeir@s, conducida pola compañía teatral A Panadaría. Unha segunda edición que estivo marcada pola “alta participación” e a “gran calidade” dos vídeos participantes, segundo as entidades organizadoras: os servizos de normalización da Deputación da Coruña, as tres universidades e nove concellos de todo o país.

Os gañadores e gañadoras nas diferentes categorías foron escollidos e escollidas por decisión do xurado constituído por Laura Cruxeiras, Iván Capón, Estela Romasanta, Adrián Dios e Anxos Sobriño. Nesta segunda edición, rexistráronse un total de 230 inscricións entre vídeos e canles participantes nas categorías de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos ou canle.

Mónica Fernández, coordinadora do Proxecto Youtubeir@s, destacou na súa intervención en nome da organización “a alta participación” e a “gran calidade” dos vídeos participantes nesta segunda edición. Fernández, ademais, definiu Youtubeir@s como “un proxecto colaborativo, rico en todos os aspectos, nas ideas” que permite que “as administracións, grandes e pequenas, da costa e do interior, de todas as provincias poidan xuntarse e sumar esforzos”.  “Para a posta en valor e fomento do galego, coordinármonos, facermos cousas en conxunto é fundamental; así o entendemos desde os servizos de normalización lingüística que impulsamos Youtubeir@s, porque sumar é multiplicar”, dixo.

 

Os gañadores e gañadoras

Na categoría de vídeo-facermos, o gañador foi o vídeo "Como escaquearse dunha comida familiar", de As cousas do Choio. No apartado de vídeo-opinarmos, o premiado resultou o vídeo "A expedición Balmís e a vitoria da vacinación", de Xacobe de Toro Cacharrón. E o premio á mellor canle acadouno Nubes Baixo ti. As tres categorías contan cun premio de 1000 euros.

Por outra banda, o apartado de creatividade gañouno "Os cazapantasmas vídeo-facermos", de Moustache Media Producciones, mentres que eficiencia comunicativa foi para "O galego Fermoso (e o que non o é tanto)" de Aquel-e, a categoría da calidade técnica conquistouna "Viaxar", de Aarón Vilariño Figueiras, e a categoría de calidade lingüística foi para "Reivindicación oceánica", de Xosé Iglesias. Finalmente, o premio a proposta Youtubeira, entregado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, recoñeceu o vídeo "Como dar cartos ás agachadas", de As Cousas do Choio. Estes catro galardóns conta cunha dotación económica de 500 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.