Moito que soñar con Manuel Seixas

Unha das imaxes da web de homenaxe © http://www.sonhandoconseixas.eu/

Para quen non o coñeza, poderiamos definir a Manuel Seixas como "un artista multimedia", unha etiqueta moi gastada que moitas veces se coloca xa por inercia, pero que neste caso queda se cadra curta, ante a actividade deste vilagarcián nado hai 54 anos. Seixas, mestre de filosofía, é músico, como demostrou sobradamente en Korosi Dansas, banda coa que editou Cordura (1995) e Non! (1996), e posteriormente con Neuroband e con composicións en solitario. E é dende logo escritor, o autor do que podemos ler o excepcional A velocidade do frío (Premio Xerais en 1996), Bailarina (1999), os relatos de Viñeron do espacio interior (1996) ou os poemas de Vestixios do verme (1999).

Na web pódense ler textos escritos por bos amigos e amigas e tamén escoitar as versións musicais que varios grupos fixeron das cancións de Seixas.

Hai uns días algunhas das moitas persoas que admiran a obra e a persoa de Seixas presentaron, por sorpresa, unha ben interesante acción de homenaxe. Unha festa impulsada por Carlos Blanco, Vituco Neira ou Josito Porto no pub Con do Moucho da Illa de Arousa serviu para inaugurar a web Sonhando con Seixas, na que se poden ler textos escritos por bos amigos e amigas e tamén escoitar as versións musicais que varios grupos fixeron das cancións de Seixas. Ruxe-Ruxe, Alberto Busto, Pito de Pikasso, Tu Mujer nos Engaña, DeLombaos, Factoría de Subsistencia ou Quilma recuperan temas como Nada que Perder, Xadrez, Mosca, Neuro, Amén Amén, Así está mellor ou Xente Positiva. 

Na web, aberta á incorporación de novas achegas, podemos ler por exemplo a homenaxe de Josito Porto ("Arriba esas cañas"), na que destaca que "non podo deixar de pensar que, gracias a ti, formei parte dun grupo de artistas multimerda que me marcaron para sempre". Ou a de Julián Hernández, que describe un posible encontro entre Manuel Seixas e Syd Barret: "Entran Manuel Seixas e Syd Barret nun bar e piden dous cafés sen nata: -Non lles importa que un deles vaia sen leite? -di o camareiro- É que non temos nata pra dous. -Pois poña dous coñás, que o frío vai a toda ostia". Ou Uxía, que lle escribe "Coñecinte en Korosidansas, moito me prestabades, moito disfrutei das túas letras, da música non domesticada, da intensidade, da irreverencia e do compromiso do grupo que escoitei tantas veces… Iso prendeume a ti e ao teu mundo e despois seguinte na prosa e na poesía, e aí descubrinte ainda máis fondo, coma un verme, esburacando, chegándome ao corazón como se fose unha mazá".

Bocixa: "Unianos unha visión anti-comercial e pouco convencional de presentarse no escenario, sen poses nen mais pretensións que berrar e denunciar as ilegais práticas políticas.Tamén contribuir sen ser moi conscientes a fomentar un rock galego"

Ou a de Xosé Bocixa ("Un grupo multimerda"), que explica a relación entre Zënzar e Korosi Dansas e di que "unianos unha visión anti-comercial e pouco convencional de presentarse no escenario, sen poses nen mais pretensións que berrar e denunciar as ilegais práticas políticas no ámbito doméstico, social, cultural, empresarial, administrativo … do noso entorno e sen deixar de ter unha visión mais global dos mesmos problemas. Tamén contribuir sen ser moi conscientes a fomentar un rock galego, do país ao que moi pronto se arrimaron unha lista interminable de bandas e descargar o noso veleno e mala ostia naqueles actos reivindicativos que considerabámos importantes". Tamén Pepe Cunha destaca a traxectoria da banda: "Esta banda de roqueiros de batea saídos de Vilagarcía de Arousa non resultaba moi cómoda para chegar alén dun público curioso. Non eran moi convencionais no conxunto da súa proposta musical, ecléctica e agresiva de máis, especialmente nos comezos. Ademais, as súas letras estaban concienciadas cuns problemas socio-político-culturais dos que necesitaban falar"

A web convida tamén á participación de todas as persoas que queiran facer a súa achega ao proxecto e á homenaxe: “Fainos chegar o teu soño de Seixas (coa túa música, letras, vídeo, foto…. o que ti queiras) e o compartiremos na web, soñas?”. Vituco Neira (Ruxe-Ruxe) explica nesta reportaxe de Cultura Galega as razóns da homenaxe: "É un xeito de lle dicir que nos gusta o que fai e que queremos que continúe. Está en plena forma, en total ebulición e a piques de gravar un novo disco. Queremos darlle unha enerxía que na realidade non precisa". Unhas intencións ocultas que tamén revela Xosé Bocixa: "A idea é animalo para que el nos faga un agasallo a nós. Queremos quer reúna Korosi Dansas para un concerto".

Unha das imaxes da web de homenaxe © http://www.sonhandoconseixas.eu/
Manuel Seixas © José Luiz Oubiña
Manuel Seixas, con algúns anos menos © José Luiz Oubiña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.