Mónica de Nut: "Ao final, o máis tradicional é o máis experimental"

Unha das imaxes promocionais do disco © Uqui Permui

Mónica de Nut ten novo disco, compartido co arpista Luís Martins. Un traballo que é terra. E é aire. Experimentar a partir da música tradicional. Coller o testemuño da forza ancestral dos cantos crus, bravos, poderosos, das mulleres en comunidade. Furar na esencia, no ADN, para voar libres. Procurar o encontro entre o académico, coa súa procura da perfección sonora, e o tradicional, a recolla pura, sen pulir, coa perfección da imperfección.
 

Por que lle chamastes ao disco ‘Raíces aéreas’?

Raíces porque o disco parte dun repertorio, da raíz galega. Nos outros discos mesturei distintos estilos, mais este é máis homoxéneo. Parte da raíz para reinterpretala. Por iso o de aéreas, porque consistiu en deixarnos levar, experimentar: voar, a partir da inspiración da música tradicional. Nos outros discos tamén había experimentación a partir da música tradicional. Este disco desenvolve esa parte, céntrase nela.

Partides de recollas, de traballo de campo. Dalgún arquivo en concreto?

Sobre todo de Alan Lomax. Hai unha canción de Faustino Santalices, tamén, que é ‘Seitura’. O resto son audicións: non hai nada de partitura escrita, de cancioneiro. Son sobre todo cantos de mulleres. Alan Lomax fixo recollas en todo o mundo e pódese ir buscando polo seu mapa, viaxando auditivamente. De Galicia recolleu moito: cantos de mulleres a capella ou con percusión… E a verdade é que é abraiante: o xeito de cantar, as melodías… Se non tiveramos as gravacións, a referencia auditiva, perderiamos moito. E para min foi moi interesante: afondar nos xeitos de cantar, buscar timbres diferentes na voz… O difícil foi non deixarme levar pola imitación. O que quería era coller a esencia da música e cantala ao meu xeito. Non sei se captei esa esencia, que para min é algo intuitivo, enerxético…

"O que quería era coller a esencia da música e cantala ao meu xeito"

E como foi o encontro con Luís Martins? Xa traballaras con el?

Xa colaborara con Primordiais, que é o dúo que ten Luís con Marcelo DoBode, con quen traballei xa no anterior disco, ‘Dos fíos invisibles chegan as cores’. Xurdiron puntos de vista parecidos musicalmente, en relación ao noso xeito de sentir o canto de raíz e á nosa apertura para experimentar con este repertorio. El é luthier e nese momento estaba a traballar nunha arpa eléctrica. Calquera instrumento pódese electrificar e así ampliar a gama de recursos tímbricos, podes facer loops, utilizar amplificadores…

A arpa eléctrica soa a guitarra eléctrica.

É curioso, porque do disco anterior dixéronme que había unha arpa, e era unha guitarra, e deste dinme que hai unha guitarra e é unha arpa. Mais non é tan raro que se confundan, e non só porque sexan dous instrumentos de corda. É que Luís toca a arpa de xeito moi rítmico, como fan en sudamérica por exemplo. Os artistas de por aquí tócana de xeito máis parecido á arpa celta.

Hai unha relación de continuidade no discurso. No disco anterior, dicías que do pequeno, do invisible, podía xurdir o inesperado. Este novo disco traballa co pequeno, o sutil, o delicado…

Este é un disco menos explosivo que o anterior. O disco anterior era moi de extremos: do piano máis suave ao berro. Este é máis progresivo, suave… No directo si que tira máis aos extremos, pero na gravación non.

"Este é un disco menos explosivo que o anterior. O disco anterior era moi de extremos"

Lucía Martínez está na percusión. A sutileza ten moito que ver co seu estilo...

Había algunhas cancións que nos pedían percusión, pero non queriamos algo convencional. Pensamos en Lucía, que ademais sabe de música tradicional e toca a zanfona. Ela achegaba unha gama moi aberta de posibilidades sonoras, pola súa formación e experiencia. Polo demais, o meu primeiro disco era como un resumo tímido do meu potencial, un “a ver se me atrevo”. O segundo disco, ‘Dos fíos’, foi como un boom, botar todo para fóra. E este saíu máis aéreo, máis leve…

"O segundo disco, ‘Dos fíos’, foi como un boom, botar todo para fóra. E este saíu máis aéreo, máis leve…"

Tamén tedes algunhas composicións vosas. Supoño que os temas instrumentais do final do disco. En ‘Alento’ parece que non cantas ti.

Si. O primeiro é ‘Alento’. Cadrei con Susi Gesto, que me dixo que podía levar o seu sapo -unha peza de ourivería-, a algún concerto se quería. O sapo é tamén unha peza tradicional evolucionada. Ela, como creadora, como ourive, tamén quixo romper os límites, saír do corsé. Tiñamos, ademais, unha letra. Un poema de Xosé Figueroa. Pedinlle permiso e así foi. En canto ao que dis da voz, o que pasa é que é unha tesitura máis grave da que adoito usar…

O que segue a ‘Alento’ é ‘Pronoia’, que a fixo Luís a partir de ‘Alento’. ‘Pronoia’ é o contrario de paranoia. É a sensación de que todo está ben e vai por onde debe ir. Despois vén ‘Hipnotizados polas raíces aéreas’, improvisación de arpa, voz e zanfona. Pero é unha improvisación ensaiada, como moitas improvisacións, que acaban sendo máis ensaiadas que as outras cancións. Luís usa, aquí, un arco de violín para tocar a arpa. E xoga con efectos electrónicos. E eu coa voz fago tímbricas variadas: voces moi graves, harmónicos… É unha peza moi ensoñadora, con algo submarino, acuático, como o canto das baleas… E con efectos de zanfona de Lucía, que xoga coa maquinaria da zanfona…

"Eu busco ese efecto de canto en comunidade dobrando a miña voz, con loops, co harmonizador"

Efectos hai moitos no disco. Que utilizastes para facelos?

Eu gravo a miña voz e fago loops, delays, utilizo un harmonizador… Os cantos dos que partimos son, normalmente, cantos de mulleres en comunidade. Agás no caso da nana, que é ‘Iagua’. Pois eu busco ese efecto de canto en comunidade dobrando a miña voz, con loops, co harmonizador… Hai señoras que cantan moi agudo, outras que cantan moi grave… E eu tento imitar un pouco iso cos efectos. Por iso pode parecer que non canto eu soa.

Os instrumentos son, entón, a arpa, a zanfona, a batería de Lucía…

Non, Lucía non usou a súa batería. Usou pandeiros e percusión miúda. O que quería era usar obxectos. Por iso usou, por exemplo, un radiador que había alí, que tocou coas escobiñas. Ou unha caixa de cartón. Tratábase de experimentar… ou non, porque a música tradicional consiste niso: tocar co que había. Unha tixola, unhas culleres… Ao final, o máis tradicional é o máis experimental, que se volve tradicional ao pasar o tempo. Se cadra dentro dun tempo está de moda tocar cun radiador. (Ri).

Dicías nunha entrevista anterior ademais que, indo abondo para atrás, todas as músicas tradicionais se parecían. Este disco hai momentos que soa oriental.

É que todo vén de aí: de Asia… e tamén de África. O que pasa é que, como falabamos antes, aquí tendemos a identificar a arpa coa arpa celta. En sudamérica a xente baila a arpa. Ou en África. Hai quen lle di a Luís que se enganou de instrumento, que para tocar así era mellor que tocase a guitarra. (Ri).

O disco anterior era un traballo feito desde as vísceras, as emocións. Este vai máis ao ancestral. “Cantos de mulleres que transmiten toda a forza ancestral. Cantos crus, vitais e poderosos, conéctannos á raíz de saber de onde vimos e cal é a nosa esencia”, explicas no teu blog.

O disco anterior levábame máis ao visceral no nivel persoal. Era un ir á esencia, pero de min. Este é máis ir ao ADN cultural, ou social, ou os dous, do que procedemos. Afondar no que herdamos, no ADN da comunidade. A partir das audicións. Claro, que eu traballo de xeito intuitivo, non son etnomusicóloga. Déixome levar polas sensacións que me provocan as audicións. Así, o outro disco era máis visceral no íntimo e este é máis visceral no colectivo. Pode que haxa xente que considere un atrevemento o que facemos. Nós o que queremos é facer a nosa interpretación desde o respecto total polas fontes. Non temos intención de mellorar o que é imposible mellorar. Só queremos beber dese manancial que nos nutre tanto e achegarlle o noso son.

"Nós o que queremos é facer a nosa interpretación desde o respecto total polas fontes"

Sodes diferentes, pero é un proxecto que ten cousas en común co de Mercedes Peón, por exemplo. E outras creadoras.

Somos moi diferentes, si, pero eu síntome moi identificada co que fai Mercedes. Ela sabe moito porque dedicou moitos anos a facer recollas. E, claro, ela viviu as audicións en persoa e non gravadas. Non é o mesmo. Pero si teño puntos de partida en común con ela. Colaborei con ela varias veces, ademais.

Podemos ir resumindo en poucas palabras o que é cada canción?

‘Seitura’ é de Santalices. Gustounos a melodía e a letra. Non sabemos se ten unha dobre intención, que é algo común na música tradicional… Ten certa melancolía… O meu xeito de cantar neste tema é moi suave, sen sacar moito a voz. Quedou moi cálido. En xeral, no disco busquei diferentes tímbricas coa voz. Nesta canción, quixen transmitir proximidade. ‘Iagua’ é unha nana recollida en Soutoxuste, Pontevedra. A señora fai cousas incribles coa voz. Hai ideas miñas e ideas que collín dela. Esta canción gravámola os dous a un tempo, e non por separado. Así é máis fácil que xurda o diálogo, que aparezan matices espontáneos. A parte do texto que estaba en castelán preferín non traducila nesta canción, -noutras si que o fixen-, porque perdía expresividade.

"En xeral, no disco busquei diferentes tímbricas coa voz"

‘Arrieiro’ non a fixeras xa antes?

Fixera outro cantar de arrieiro, pero non este. É unha canción que se presta máis a lanzar un chorro vocal. E é un canto á liberdade. O arrieiro é un pouco como o músico, alguén que anda polos camiños, por aí, e iso faille sentirse libre. Pero tamén precisa estar nun sitio, descansar… ‘A colada’ foi unha das máis difíciles. Era un grupo de mulleres moi numeroso. Unhas paraban, outras seguían, desafinaban…

Pareceume unha imperfección moi rica, que quixen imitar. Tentei cantar desafinando, a berro pelado… pero non había maneira de sacarlle musicalidade á imperfección. E eu pensaba, pero que fixo a academia comigo? (Ri). Ao final optei por un cantar suave, mantendo a tensión da historia que vai contando a letra. Luís fixo un motivo, coa arpa acústica, que repite, e que axuda a manter a tensión. ‘Ás voltas’ era un canto de reis recollido en Barro de Arén, Pontevedra. Collemos a melodía e cambiamos a letra. Quitamos referencias relixiosas e introducímoslle o noso ton espiritual, a través de repeticións, ciclos… Busquei estrofas de distintas cantigas. Tamén ten algo de contemplación da natureza, de reflexión sobre a existencia…

"Non había maneira de sacarlle musicalidade á imperfección. E eu pensaba, pero que fixo a academia comigo?"

En ‘Ás voltas’ e ‘Devinamente’ a percusión soa máis tradicional.

Claro, porque en ‘Ás voltas’ está o radiador de Lucía, por iso pode soar máis tradicional. Os instrumentos actuais están moi refinados, perfeccionados. Búscase un son perfecto, afinado, con harmónicos moi equilibrados. E é lóxico buscar a perfección, pero despois escoitas os sons bravos: a natureza, a xente que canta como lle sae… e ves que igual hai a mesma ou máis perfección. Tamén en ‘Devinamente’ se usan obxectos sonoros e por iso soa “mal”, con imperfeccións. ‘Devinamente’ era un canto con pandeireta, unha xota de Corcubión, moi tribal, moi ritual e telúrica, con subidóns de voz. Aquí Luís tocou a arpa con baquetas de batería.

"E é lóxico buscar a perfección, pero despois escoitas os sons bravos: a natureza, a xente que canta como lle sae… e ves que igual hai a mesma ou máis perfección"

Fáltannos ‘Mala de arrigar’ e ‘Que ben baila’.

‘Mala de arrigar’, unha muiñeira de Corcubión, tocábana mulleres mentres traballaban. Hai un ritmo de sachos e elas cantaban con outro ritmo. O efecto era moi bonito: unha polirritmia que descadraba. Usamos unha base moi ensoñadora, moi bucólica e simulamos os sachos coa madeira da arpa… Aquí hai dous cantos, o que improviso cunha voz máis lírica, e o canto tradicional. Prodúcese unha desharmonía moi harmónica, como na natureza, na que os paxaros non cantan ao ritmo doutros animais… ‘Que ben baila’ é unha xota de Marreco. A parte instrumental está dobrada en arpa e zanfona. A arpa é moi leve e a zanfona serviunos para completala.

Algúns dos teus temas máis potentes xa eran versións persoais de temas tradicionais. E en moitos estaba esa forza das mulleres que cantaban. Como en ‘Por que non hei de cantare’. Tamén hai algo de jazz, en canto á improvisación se cadra...

Sempre me interesou a mestura do tradicional co académico. E agora debátese moito sobre o que é o jazz. Falabamos antes de que se ías atrás no tempo todas as músicas parecíanse. Se vas adiante, coa globalización, quizais tamén… Este non é un disco de jazz, pero si hai a vontade de experimentación do jazz. Ademais, que é o jazz? En Estados Unidos partiu da música negra, da música da rúa… do que aquí sería a música tradicional. Agora está influenciado pola música clásica e académica, hai un retorno ao étnico… A música académica tende a facelo todo máis homoxéneo. Pero cando escoitas as gravacións de música tradicional, non é así: todas cantan distinto. E a min encántanme eses dous polos. Esa contradición, eses extremos. Eses dous xeitos de perfección.

"E a min encántanme eses dous polos. Esa contradición, eses extremos. Eses dous xeitos de perfección"

Ti formación en música tradicional tiñas, ademais.

Fun acumulando distintas cousas na miña formación. Comecei coa formación lírica no conservatorio, ata que me vin encasillada. Despois chegou a ETRAD e o tradicional, e logo o jazz. Enmarcarte nun estilo é artificial. A mestura é máis liberadora. Aínda que se te especializas nun estilo chegas a afondar máis, claro. Eu prefiro enriquecerme con distintos estilos para crear o meu estilo propio.

Uqui Permui fixo o deseño gráfico, Isaac Millán a gravación…

Uqui acoplouse moi ben ao proxecto. É moi observadora. Optou por unha estética moi limpa e clara, como o disco. O apoio do selo Freecode tamén foi moi importante. Facilítache moito as cousas. E iso que non era un disco de jazz, pero son xente aberta. Isaac Millán é moi práctico e directo e deunos moi bos consellos. Gravamos o vídeo e fixemos as fotos no Pazo de Lens. Nun principio ía ser nunha árbore: a raíz e o aéreo. Iamos facelo na casa da árbore de Sarah Phillips, pero ao final alí fixemos unhas fotos e optamos polo Pazo de Lens porque nos daba máis posibilidades.

Laura Iturralde fixo un moi bo traballo coas luces no concerto que demos en Santiago. Tamén temos dous bailaríns, Can cun quinqué, que son Isabel Sánchez e Leodan Rodríguez. Fixeron coreografías de danza contemporánea para as cancións, cun punto moi aéreo. A danza tradicional é moi de terra, e eles levárono ao contemporáneo. Así, o formato básico, para o directo, somos Luís e eu, pero mellor se estamos todos: Lucía, os bailaríns e Laura.

"Nós facemos creación pola creación, sen pensar onde se vai situar o disco na “industria” da música"

Terra e aire. A idea básica.

Si. Nun contexto moi caótico, no que é difícil situarse. Nós facemos creación pola creación, sen pensar onde se vai situar o disco na “industria” da música. Sempre tes o dilema. Non vas crear só para ti e quedar na casa. Pero se te preocupas de encaixar na industria, tampouco podes facer o que queres. Se penso moito en como funcionará o disco, probablemente só faría unha copia máis do que xa hai…

"Aos concertos sempre veñen moitas señoras. Será porque elas perciben que as admiro"

Aos concertos sempre veñen moitas señoras, que son ademais das principais compradoras do disco. Será porque elas perciben que as admiro… Pode que sexa algo recíproco…

Mónica de Nut e Luís Martins © Uqui Permui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.