Monterrei: un castelo público para o beneficio privado?

Castelo de Monterrei © Xacobeo

O Castelo de Monterrei, considerado Ben de Interese Cultural (BIC), é un monumento de propiedade estatal, que lle foi cedido gratuitamente á Xunta en 2010 por parte do Goberno central para o seu uso, especificamente, como "centro de divulgación, innovación e promoción da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, e restauración e musealización dos edificios e arquivo das tradicións dá fronteira e pobos próximos". Porén, o proxecto no que o Goberno galego leva meses traballando é moi distinto. Xa en decembro sóubose que a Xunta encargara un estudo para analizar o uso hostaleiro do monumento, e nos últimos días o propio Alberto Núñez Feijoo confirmou as intencións do seu executivo de que as obras de rehabilitación leven á instalación alí dun Parador. Un aproveitamento privado para un castelo de propiedade pública.

O proxecto da Axencia Turismo de Galicia é complementario ao de rehabilitación que se está levando a cabo cun 80% de fondos FEDER e o 20% de fondos FCI, cun orzamento de 2,1 millóns de euros.

As sospeitas fixeron que xa hai unhas semanas a Asociación Cultural Alto Támega comezase a recollida de sinaturas para demandar un "uso público" para o castelo, e recentemente vén de constituírse a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei. Estes colectivos lembran igualmente que a 200 metros da fortaleza se atopa o antigo Parador de Turismo de Monterrei, pechado durante varios meses ao ano por falta de clientes e construído sobre o vello predio do convento dos xesuítas. Os veciños sinalan, finalmente, que as obras de rehabilitación están a ser "máis agresivas do proxectado" e poderían estar a causar danos no monumento.

"Non será todo isto unha manobra para acometer unha rehabilitación con fondos públicos de cara a incrementar o valor patrimonial de Paradores e despois proceder a unha sospeitosa cesión a mans privadas?", pregúntase o BNG

Fronte a estas voces contrarias, o Concello de Verín puxo en marcha unha campaña en defensa do proxecto. O primeiro paso desta iniciativa foi colgar o proxecto de rehabilitación na páxina web do Concello, na que aparece tamén unha recompilación dos 16 castelos que foron restaurados e que acollen un Parador de turismo no seu interior. O rexedor, Jiménez Morán, di non entender as protestas, "porque conservamos o uso público da fortaleza, os postos de traballo do Parador e, ademais, aproveitamos para impulsar a economía local". O alcalde de Monterrei, José Luís Suárez Conde, anunciou tamén outra campaña desde o seu Concello, a pesar de que semanas atrás se amosara crítico co proxecto, sobre todo polo feito de non ter sido informado de que coñecelo "polo BOE".

Pola súa banda, o proxecto tamén atopou o rexeitamento frontal do BNG, que ve "unha manobra sospeitosa" que non se xustifica nin pola creación de postos de traballo nin pola dinamización da comarca". "Non será todo isto unha manobra para acometer unha rehabilitación con fondos públicos de cara a incrementar o valor patrimonial de Paradores e despois proceder a unha sospeitosa cesión a mans privadas?", pregúntanse.

De igual xeito, nos últimos días Eladio Anxo Fernández Manso manifestaba, a respecto da "desfeita de facer un hotel no castelo de Monterrei" que "é alucinante que haxa diñeiro público para restaurar e acondicionar o castelo como hotel, pero non para coidalo como ben público". "Na miña opinión" -dicía- "o que cómpre facer co castelo e o seu entorno (tamén moi valioso) é restauralo e habilitalo para a celebración de todo tipo de actos de carácter cultural e lúdico, co único límite da conservación dos edificios. No propio castelo ou nas casas próximas deberíase situar un museo histórico-etnográfico da comarca".

"Privatizar o espazo público coa escusa do abandono do mesmo é un malgasto económico e un empobrecemento xeral da sociedade, ademais dunha proba evidente do fracaso dos que deben velar polo patrimonio común, os políticos"

Fernández Manso concluía que "privatizar o espazo público coa escusa do abandono do mesmo é un malgasto económico e un empobrecemento xeral da sociedade, ademais dunha proba evidente do fracaso dos que deben velar polo patrimonio común, os políticos. Se, ao final, se habilita como hotel todos os cidadáns e todas os cidadás, de Monterrei ou de fóra, seremos máis pobres, mesmo os que defenden o cambio de uso".

 

Séculos de historia

A fortaleza-pazo da acrópole de Monterrei é a mais grande e mellor conservada de Galicia. Foi declarado Monumento Nacional en 1931 e actualmente é BIC, con categoría de Monumento, a máxima protección para un inmoble, incluído no catálogo de Monumentos del patrimonio histórico de España.

Foi declarado Monumento Nacional en 1931 e actualmente é BIC, con categoría de Monumento, a máxima protección para un inmoble

O castelo foi construído por Afonso Henríquez, posteriormente rei de Portugal, no século XII, pero a fortaleza ocupaba xa o vello castro prerromano de Baronceli. O lugar foi testemuña das loitas do mosteiro de Celanova -dono da acrópole-vila- cos distintos reis para destruílo, rematando a loita Afonso IX, quen tomou o castro como feudo propio e trocou o nome polo de Monterrei. Nos tempos dos Reis Católicos configurouse o Condado. Este castelo foi ademais o lugar onde se imprimiu o primeiro incunable de Galicia, o Misal de Monterrei.

A súa decadencia comezou co traslado do rexemento militar a Verín a finais do XVIII, seguiu coas guerras napoleónicas e rematou coa desamortización. A fortaleza quedou esquecida até os anos 60 do século XX, en que se fixeron algunhas reformas, con resultado negativos. Só nos anos 90 se levaron a cabo uns primeiros e tímidos intentos museísticos.

Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González
Pazo das Damas CC-BY-SA Ramón Piñeiro
Castelo de Monterrei CC-BY-SA Amador Loureiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.