Morre Manoel de Oliveira aos 106 anos

Manoel de Oliveira CC-BY-NC-SA Piwiyan

O director Manoel de Oliveira morreu esta mañá aos 106 anos de idade na súa casa de Porto. Convertido no máis lonxevo cineasta en activo, filmou máis de 60 películas, dende Douro, Faina Fluvial (1931) até a curta O Velho do Restelo (2014), destacando obras coma Aniki Bobó (1942) ou O Pintor e a Cidade (1956), consideradas clave na historia do cinema portugués. Porén, foi despois da Revolución dos Cravos, en 1974, cando Oliveira entrou no seu periodo creativo más prolífico, con filmes coma Amor de Perdição (1979), Francisca (1981), Non, ou a Vã Glória de Mandar (1990), O Convento (1995), Party (1996), Palabra y utopía (2000), Belle Toujours (2006) ou O Estranho Caso de Angélica (2010), baseada nun guión escrito orixinalmente 40 anos antes.

Sendo neno, estudou nun colexio de xesuítas na Guarda, e dende entón mantivo vencello con Galicia, onde se lle dedicaron retrospectivas, coma a organizada en Cineuropa en 2004, e libros, coma o coordinado por Xurxo González para o CGAI. O propio Xurxo González ten definido a Oliveira como "un director inclasificable dentro da evolución do cinema, cunha concepción cinematográfica singular e radical", sinalando que a súa filmografía "é un extraordinario exemplo para entrever (...) as máximas que articularon os movementos cinematográficos máis definitorios da historia".

O realizador luso João César Monteiro dixo unha vez que "en Portugal hai un director que é demasiado grande para o país, e hai dúas solucións: ou o país se agranda, ou el encolle". O pasamento de Oliveira monopoliza as portadas da prensa portuguesa esta tarde, coma no caso de Público, que titula "Morreu como queria, filmou até ao fim", encabezando un interesante especial. Ou o Correio da Manha, que destaca "Cinema português de luto". Pola súa banda, o Diário de Notícias titula "Morreu o mestre Manoel de Oliveira". O Goberno portugués decretou dous días de loito nacional.

Cartaz de 'Acto da Primavera' CC-BY-NC Fernando DC Ribeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.