A escritora, unha das autoras brasileiras máis importantes da segunda metade do século XX, mantivo ao longo de toda a súa vida un vínculo inseparable con Galicia, de onde procedía a súa familia
Nélida Piñón finou este sábado en Lisboa aos 85 anos de idade a consecuencia dos problemas biliares que arrastraba dende había tempo. A escritora, unha das autoras brasileiras máis importantes da segunda metade do século XX, mantivo ao longo de toda a súa vida un vínculo inseparable con Galicia, de onde procedía a súa familia, en concreto de Almofrei, en Cerdedo-Cotobade. De feito o propio nome de Nélida é un anagrama do nome do seu avó, Daniel, seguramente a persoa que máis a marcou, xunto coa súa nai.
Piñón naceu en Río de Xaneiro en 1937, estudou Xornalismo en Brasil e os Estados Unidos. Iniciou unha prolífica e exitosa carreira literaria en 1961 coa publicación de Guia-mapa de Gabriel Arcanjo e en 1970 inaugurou a primeira cátedra de Creación Literaria na Universidade Federal de Río de Xaneiro. Nas décadas seguintes publicou dez novelas -ademais de relatos, ensaios e libros de memorias- que foron traducidas a numerosas linguas.
Converteuse na primeira presidenta da Academia Brasileira das Letras, unha institución que virou nunha segunda casa para ela e, de feito, a ABL está xestionando o traslado dos seus restos mortais para que sexan velados no Petit Trianon, o principal salón da entidade
Converteuse na primeira presidenta da Academia Brasileira das Letras, unha institución que virou nunha segunda casa para ela e, de feito, a ABL está xestionando o traslado dos seus restos mortais para que sexan velados no Petit Trianon, o principal salón da entidade. Ao longo da súa vida recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o Premio Príncipe de Asturias das Letras, concedido no ano 2005, o Premio Jabuti, Premio Internacional de Literatura Latinoamericana Juan Rulfo, o Premio FIL ou o Premio Internacional Menéndez Pelayo, ademais de ser recoñecida doutora honoris causa por varias universidades, entre elas a USC, e membro da Academia Mexicana das Letras e da propia Real Academia Galega.
A súa obra máis coñecida é A República dos Soños, publicada en 1977 e editada en galego en 2015 por Galaxia, unha novela que relata a emigración de dos mozos galegos ao Brasil a comezos do século XX á procura desa "república de soños" e que se converte nunha epopea do que foi a emigración a América
A súa obra máis coñecida é A República dos Soños, publicada en 1977 e editada en galego en 2015 por Galaxia, unha novela que relata a emigración de dos mozos galegos ao Brasil a comezos do século XX á procura desa "república de soños" e que se converte nunha epopea do que foi a emigración a América. Non foi a única obra que tratou esta temática ou con elementos autobiográficos na traxectoria de Nélida Piñón, que en varios outros libros reflexionou sobre a relación entre Galicia e Brasil e sobre a súa propia "identidade mixta". Especialmente nas súas memorias e en obras coma a recente Uma furtiva lágrima, onde escribe "Gardo Galiza no nicho da memoria".
Aínda no ano 2020 publicou a súa derradeira novela, Um dia chegarei a Sagres, que se uniu a títulos como A Casa da Paixão Fundador, Tebas do Meu Coração, A Doce Canção de Caetana ouVozes do Deserto. Obras que comparten importancia con libros de relatos como Tempo das Frutas e con textos autobiográficos como Coração Andarilho ou o Livro das Horas.
No seu discurso de ingreso da RAG, Nélida Piñón destacou que "a família regalou-me a majestade da língua portuguesa, a ciência de eu pertencer ao novo continente. E transmitiu-me igualmente a noçao de constituir um privilégio originar-me de uma Galícia cuja herança autorizavam-me reivindicar"
En 1992 foille concedida a Medalla Castelao, en 1998 foi nomeada doutora honoris causa pola USC (converténdose na primeira muller que acadaba este recoñecemento) e en 2005 recibiu o título de filla adoptiva de Cotobade.
Nélida Piñón visitou a parroquia natal dos seus pais e avós cando tiña apenas dez anos e regresou en moitas outras ocasións. Co paso das décadas a súa relación con Galicia non só desapareceu, senón que se fixo máis forte e en Galicia recibiu un gran número de recoñecementos e mostras de agarimo que ela sempre correspondeu. En 1992 foille concedida a Medalla Castelao, en 1998 foi nomeada doutora honoris causa pola USC (converténdose na primeira muller que acadaba este recoñecemento) e en 2005 recibiu o título de filla adoptiva de Cotobade.
En 1992 foille concedida a Medalla Castelao, en 1998 foi nomeada doutora honoris causa pola USC (converténdose na primeira muller que acadaba este recoñecemento) e en 2005 recibiu o título de filla adoptiva de Cotobade
En 2014 foi elixida membro de honra da Real Academia Galega por ser unha figura senlleira das letras e da acción cívica brasileira e cun valor singular "non so pola reivindicación explícita, pública e reiterada, da súa orixe galega, senón por considerala constituínte da súa identidade persoal, expresiva e intercultural". No seu discurso de ingreso na RAG, titulado A épica do coraçâo, Nélida Piñón destacou que "a família regalou-me a majestade da língua portuguesa, a ciência de eu pertencer ao novo continente. E transmitiu-me igualmente a noçao de constituir um privilégio originar-me de uma Galícia cuja herança autorizavam-me reivindicar".
A RAG destaca que foi "unha das grandes figuras das letras brasileiras contemporáneas" e lembra que "sempre reivindicou, de forma pública e reiterada, a súa orixe galega como constituínte da súa identidade persoal, expresiva e intercultural"
Neste artigo, publicado hai un ano, Xosé Manuel Sarille destacaba que "Brasil é un país sen ningún Premio Nobel de Literatura. Sorprende tal carencia, polo seu peso cultural, abraiante no mundo. Creo que en Estocolmo fallan en outubro. Oxalá fose para Nélida Piñon, por razóns artísticas sobradas".
A nova do seu pasamento motivou un gran número de declaracións de condolencia nunha e noutra beira do Océano Atlántico, e moi especialmente en Galicia. A Real Academia Galega, onde o pasado mes de setembro aínda asistira ao acto de ingreso de María Rosa Lojo como membro de honra da institución, destaca que Piñón foi "unha das grandes figuras das letras brasileiras contemporáneas" e lembra que "sempre reivindicou, de forma pública e reiterada, a súa orixe galega como constituínte da súa identidade persoal, expresiva e intercultural".
"Como en tantas outras cousas en que abriu camiño, foi a primeira muller honoris causa da nosa universidade, e as súas palabras e a súa pegada sempre ficarán en nós", sinala a USC
Pola súa banda, a Universidade de Santiago subliña que Nélida Piñón "deixa un baleiro inmenso no Claustro de honra da USC. Como en tantas outras cousas en que abriu camiño, foi a primeira muller honoris causa da nosa universidade, e as súas palabras e a súa pegada sempre ficarán en nós. Que a terra lle sexa leve".
Tamén en Cerdedo-Cotobade, o alcalde do concello transmitiu o seu pesar polo falecemento da filla máis ilustre da localidade, que aínda o pasado mes de outubro visitou a parroquia de Borela, con motivo da presentación da terceira edición do premio literario que leva o seu nome, participando nun coloquio na Casa do Pobo da parroquia, que dende o ano 2016 leva o nome de Casa do Pobo Nélida Piñón.