Adoita dicirse que cando morre un vello desaparece unha biblioteca enteira e dende logo a frase cúmprese sen discusión nalgúns casos, coma o de Xosé Ramón Barreiro Fernández. Co seu falecemento, este mércores, Barreiro Fernández leva con el libros e libros da historia de Galicia, a mesma que axudou a coñecer e a divulgar ao longo de décadas como investigador, profesor e escritor.
No ano 2001 foi elixido presidente da Real Academia Galega, cargo que ocupou ata o 2009
Naceu en Ribeira en 1936 e finou este mércores na Coruña, aos 84 anos de idade. Aínda que nun primeiro momento se licenciou e doutorou en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma, a súa vida académica estivo indisolublemente ligada á Universidade de Sanitago, onde se doutorou en Historia coa tese O campesino galego no século XIX: economía e sociedade. Foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na USC, onde foi ademais decano da Facultade de Xeografía e Historia e deu clase nas facultades de Historia e Xornalismo.
No ano 2001 foi elixido presidente da Real Academia Galega, cargo que ocupou ata o 2009. Ademais, foi membro do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, do Consello da Cultura Galega ou a Fundación Rosalía de Castro, da que era padroeiro. No ano 2010 recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, que editou con tal ocasión o volume Xosé Ramón Barreiro Fernández. Saber de nós e no 2011 foille entregada a Medalla Castelao.
Barreiro Fernández entendía a investigación histórica como un “servizo intelectual socialmente útil”, destaca a RAG
Especializouse no estudo da Historia Contemporánea de Galicia, destacando as súas obras El carlismo gallego (1976), Historia Contemporánea de Galicia (1981), La imprenta en Galicia (1982), Historia social da Guerra da Independencia en Galicia (2009) ou Murguía (2012). Nesta obra en case mil páxinas con fotografías ata agora inéditas, o historiador reconstrúe a biografía do que foi un dos pais do nacionalismo galego, deitando luz sobre os aspectos máis escuros arredor da súa vida. Barreiro Fernández entendía a investigación histórica como un “servizo intelectual socialmente útil”, e como historiador asumiu a súa “responsabilidade intelectual como un compromiso coa ciencia, que axuda a interpretar o pasado do meu país”, destaca hoxe a RAG.
No ano 2008 foi homenaxeado polo Consello da Cultura Galega a Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega cunha publicación colectiva, A patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández
No ano 2008 foi homenaxeado polo Consello da Cultura Galega a Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega cunha publicación colectiva, A patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, coordinada por Xosé Luís Axeitos, Emilio Grandío e Ramón Villares. A obra, realizada a xeito de homenaxe no momento da xubilación do historiador, era algo máis que "palabras e músicas que leve o vento" ou de "fastos propios de paraninfos", senón que se compuña de traballos e investigacións sobre a historia galega buscando ser "un punto de referencia para a historia da cultura galega".
Este mércores son varias as institucións que lembran a figura do historiador, comezando pola Real Academia Galega que presidiu durante oito anos. “Foi un membro destacado da xeración de historiadores que anovaron o estudo desta ciencia en Galicia a partir de década dos 80. Prestou especial atención a capítulos importantes da historia contemporánea de Galicia e da súa cultura, e á preservación da memoria da Academia, con achegas tan relevantes como a biografía do primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía”, destacou Víctor Freixanes, actual presidente.
"Unha enorme perda para todos nos. Todos aqueles que pasamos polas súas aulas quedamos orfos da súa voz, do seu maxisterio, da súa humanidade. Grazas por todo mestre", escribe Emilio Grandío
As lembranzas chegaron tamén dende a Deputación da Coruña, a Fundación Rosalía de Castro, o Consello da Cultura Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, Fundación Vicente Risco, o Concello da Coruña ou o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, que salienta que Barreiro Fernández "deixa unha magna obra no estudo da historia en Galicia e nas nosas institucións". Tamén por parte das editoriais Xerais, Galaxia ou Laiovento.
E, igualmente, son moitos os historiadores e historiadoras que hoxe o tiveron presente. Barreiro Fernández foi un mestre de mestres, mestras e de investigadores e investigadoras. O Grupo Hispona da USC, do que o historiador foi membro fundador destaca o seu pasamento, o mesmo que Emilio Grandío, que escribe: "Unha enorme perda para todos nos. Todos aqueles que pasamos polas súas aulas quedamos orfos da súa voz, do seu maxisterio, da súa humanidade! Grazas por todo mestre!".
"Sempre acreditou na necesidade de afortalar a cultura galega a través das súas institucións, porque son as que permanecen por riba das persoas"
Como se dicía na introdución da devandita obra de homenaxe publicada no ano 2008 por CCG, USC e RAG, Barreiro Fernández "sempre acreditou na necesidade de afortalar a cultura galega a través das súas institucións, porque son as que permanecen por riba das persoas". E concluía: "alén do universitario, do docente e do investigador está o intelectual e o cidadán consciente de que pertencer a unha cultura e a unha patria como Galicia comporta paixón e compromiso, vontade de adoptar un ideal, forza para defendelo e decisión de transmitila aos seus coetáneos".