Multiverso zulú

Hora Zulú © Editorial Galaxia

Sabía de Santiago Lopo dende a súa inicial Game Over (2007), mais sobre todo pola súa prometedora Peaxes (2009), que xa deixara en min un moi agradable sabor de boca, como no seu día manifestei publicamente. Ese é o motivo de que, ante a aparición da recente Hora zulú, coa que obtivo o último Premio García Barros, me interesase pola súa lectura. E fixen ben. Porque Hora zulú é un dos libros máis sólidos e entretidos dos publicados nestes meses, confirmando a progresión ascendente deste narrador vigués, de lazos bretóns e vencello lucense.

Hora zulú é un dos libros máis sólidos e entretidos dos publicados nestes meses, confirmando a progresión ascendente deste narrador vigués, de lazos bretóns e vencello lucense

A nova novela de Lopo proponnos unha fonda reflexión sobre o grande tema da literatura por excelencia: a existencia e o paso do Tempo, así, con maiúsculas, pois xustamente da teórica sabotaxe ao espazo-tempo é do que trata esta historia. Un físico cuántico líder dun grupúsculo antisistémico de bandeira ecolóxica, un sanatorio mental ao que vai parar por motivos que non convén spoilerizar, unha psiquiatra nova que tenta desvelar os misterios que rodean a este personaxe aparentemente amnésico a través da lectura dos textos literarios (poemas e relatos) que o tal deixou aos seus compañeiros de reclusión antes de falecer en estrañas circunstancias, todo por xunto serve para que Lopo ganduxe unha narración de suspense maxistralmente dosificado, con personaxes moi ben caracterizados, oportunísimas chiscadelas de ollo benhumoradas e variedade de rexistros e parlamentos que engaden riqueza e diversidade á trama.

Todo por xunto serve para que Lopo ganduxe unha narración de suspense maxistralmente dosificado, con personaxes moi ben caracterizados, oportunísimas chiscadelas de ollo benhumoradas e variedade de rexistros e parlamentos

Porque hai en Hora zulú unha clara intencionalidade de orquestración interxenérica, de orbitar harmónico de traxectorias textuais, que igual emprega o verso cósmico que os informes psiquiátricos, o mesmo as epístolas amorosas que os relatos curtos, tanto a transcrición de conversas hospitalarias coma os informes policiais, conseguindo un puzzle perfectamente debuxado onde cada peza ocupa o seu lugar e encarta á perfección coas restantes.

Neste último sentido, cómpre salientar a moi habelenciosa estrutura enmarcada que o vigués deseñou para dar acubillo aos cinco contos inseridos no volume, todos eles de grande altura narrativa e finais ben sorpresivos que os emparentan, agás talvez no caso dun deles, un demasiado telepático e pseudonírico, o que non logra en absoluto facer desmerecer o conxunto.

Hora zulú alude dende o seu propio título (que non é senón unha outra designación para usos militares e de navegación da UTC, isto é, o Universal Time Coordinated, un estándar temporal baseado no Tempo Atómico Internacional que se obtén a partir dunha media ponderada dos sinais de diversos reloxos atómicos situados en diferentes laboratorios do mundo) á quimera da detención do Tempo, a ese devezo por frear o seu avance, por conseguir liberarse da súa tiranía. A iso dedica a vida o protagonista deste relato, a iso e a facer que o seu tempo transcorra co maior ben e máximo respecto para Pachamama, a deusa Xea, ese ente vivo que o planeta é e ao que nos empeñamos en agredir co todo canto atentado antiecolóxico se nos ocorre (tanto é así que o desastre do petroleiro Erika nas costas bretoas en decembro de 1999 xoga un papel decisivo no desenvolvemento argumental).

A iso dedica a vida o protagonista deste relato, a iso e a facer que o seu tempo transcorra co maior ben e máximo respecto para Pachamama, a deusa Xea, ese ente vivo que o planeta é e ao que nos empeñamos en agredir

Entremesturadas co anterior van tamén as fías da histórica sociedade Fumifugium, a miraxe dunha relación amorosa entre dous mozos psiquiatras que esvaece no pasado para pesar dunha das partes, as agudísimas reflexións ás que se abre o relato na descrición sobre o delgado gume que afasta a loucura da cordura, como certo visionarismo positivo —un ver máis alá— pode confundirse ignorantemente cun trastorno patolóxico e aínda a importancia da consciencia vital dunha integración cósmica que funde poética e matemática, física e ficción para reflectir e amalgamar o subatómico e o sideral, a fractalidade dos universos paralelos e os recursivos multiversos, unha lírica da proporcionalidade do empírico.

Complexamente sinxela e asemade inxelmente densa, Hora zulú de Santiago Lopo é obra que se deixa ler con extremo agrado, que move o pensamento e esperta emocións, unha novela de harmonía de esferas concéntricas que a ninguén deixará indiferente.

Hora Zulú © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.