Música e versos para redescubrir a Celso Emilio

Portada do libro © Xerais

Un libro-disco dirixido ao público infantil e xuvenil pero con vocación maioritaria e cunha intención central: revisitar e redescubrir a figura e, sobre todo, a obra de Celso Emilio Ferreiro. Isto é o que propón a editorial Xerais con O meu primeiro Celso Emilio, un volume a piques de ver a luz que terá a súa presentación en sociedade ás 20:30 do serán do vindeiro venres 27, no auditorio municipal do Concello de Teo, preto de Santiago. Con Xiana Lastra á fronte, este é un proxecto coral que, recoñece Xosé Lastra, "nace máis pola parte musical" para presentar de novo "pezas que están vivas" e tamén para "achegar" a elas a persoas que aínda non as coñecen.

Nomes tan destacados como os de Mini e Mero e María Manuela ás voces, Nani García ou Xurxo Varela danlle aínda máis porte a un libro-disco que, di Xiana Lastra, pretende "quedar para o recordo". Non en van, explica Mini, trátase dunha escolma de poemas "potentes" que representan a un poeta "que encheu a toda unha xeración, ou a varias xeracións, de loita e de contido ideolóxico". "Supoñen a palabra dos que tiveron a ousadía de dicir que non a tanta mentira que nos contaron" e da que agora "vemos os resultados", engade Mero.

"Supoñen a palabra dos que tiveron a ousadía de dicir que non a tanta mentira que nos contaron"

Pero, todo isto ten cabida nun público mozo? En opinión dos autores, sen dúbida. Tamén concorda con isto o director da editorial, Manuel Bragado, que dixire o volume "ao alumnado de Primaria", se ben sinala que "tanto a antoloxía de textos como o disco poden ser interesantes para un público xeral" e "curioso" que "queira volver revisitar un autor que é un dos referentes da poesía galega". "Hai exemplos de xeite que foi criada con poemas de Celso Emilio Ferreiro", sinala Mini, como mostra de que "non fan ningún mal" e, ademais, "non hai ningunha idade para paladear os bos poemas".

Portada do libro © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.