"A supervivencia da Real Academia Galega (RAG) está en perigo", advertía o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, hai agora un mes. Pedía axuda así á Xunta para que compensase nos seus Orzamentos a rebaixa na achega económica que recibía do Estado, e que se recortou un 70% en dous anos, e quedar nos 341.000 euros que o Ministerio de Cultura destina para este 2013 á institución. Eses cartos, unidos aos 287.000 que chegan do Goberno galego, fan un total de 628.000 euros, unha cantidade claramente insuficiente.
Este mércores, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén unha entrevista con Méndez Ferrín na que a RAG agarda boas noticias e, cando menos, que a Administración galega acorde achegar unha cantidade económica que permita que o seu orzamento alcance o millón de euros necesario para un mínimo funcionamento de todos os seus estamentos.
A Xunta xa advirte de que fará o posible pero dentro das súas "posibilidades"
"Estamos levando a cabo moitas actividades e moitas delas novas e requirimos un mínimo de empregados que xa deberían cobrar máis do que cobran; non queremos prescindir de ningún", advertira xa no pasado decembro Ferrín, que non descartou despidos se a achega económica das institucións se mantiña neses mínimos. As palabras que chegan da Xunta non son moi esperanzadoras. O conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, asegurou que a Administración traballa para dar "resposta e alternativa" ás necesidades da institución, pero aclara que se fará dentro das "posibilidades" dun Goberno que insiste na "difícil situación" económica.
A RAG leva anos queixándose da "discriminación" que sofre ao compararse as achegas das administracións ás academias catalá e vasca
O caso é que, ademais da escasa achega económica que recibe, a RAG leva anos queixándose da "discriminación" que sofre en comparación co resto de academias de linguas cooficiais do Estado, non só en canto á asignación que chega do Goberno central, senón sobre todo tendo en conta o que as súas homólogas reciben dos seus gobernos autonómicos.
A Xunta achegou 370.000 euros á RAG en 2012; a Generalitat, 5,5 millóns á academia catalá e o Goberno vasco, 1,3 á Euskaltzandia
Segundo os datos que manexa a propia RAG, e tendo en conta os orzamentos autonómicos, a Generalitat de Cataluña concedeu en 2012 ao Institut d'Estudis Catalans máis de 5,5 millóns de euros, mentres que o Goberno vasco asignou á Euskaltzandia máis de 1,3 millóns, fronte aos 370.000 euros que a Xunta achegou á insititución galega, e que en 2013 quedaron reducidos aos 287.000.
Desde logo que nin o PIB nin o número de habitantes é semellante, pero tendo en conta estes condicionantes, a RAG segue recibindo unha cantidade ridícula por habitante se o comparamos con Cataluña e Euskadi.