'9 fugas' é unha película de fuxidas, escuridades e silencios, na que se encontran unha orquestra de improvisación, o I Ching e as ilustracións de Castelao
9 fugas é unha película non só de fuxidas. Tamén de escuridades, de silencios. De ocultamentos que atravesan o tempo a través do soño ou da memoria. Intensamente poética na súa narrativa e no seu tratamento da imaxe, é un filme no que tamén falan a música ou o silencio. No que se encontran unha orquestra de improvisación, o I Ching e as ilustracións de Castelao. Falamos dela co seu director, Fon Cortizo, que vén de presentala no Primavera do Cine, no Festival e Cans ou no Festival de Gijón.
O punto de partida foi a gravación da orquestra de improvisación. Por que comezas con esta idea
“En moitos aspectos, esa idea de comezar a película pola banda sonora pareceume o suficientemente estimulante”
Sempre atopei na música unha fonte para impulsar a imaxinación e a fantasía e tamén unha canalización para deixar aboiar as emocións. Dende hai anos son seguidor de bandas ou colectivos como a orquestra OmeGa ou as Sesións HALO, que fundamentan a súa música na máis absoluta improvisación. Penso que hai algo nesa música de creación colectiva e espontánea que desata con maior intensidade esa corrente imaxinativa. Interésame moito, tamén, o proceso de creación destas orquestras nas que cada unha das persoas suma reaccionando aos estímulos sonoros creados polas outras. Dalgún xeito quería trasladar este proceso á creación de 9 Fugas. Establecer unha especie de xogo no que puidese participar cada unha das persoas do equipo. En moitos aspectos, esa idea de comezar a película pola banda sonora pareceume o suficientemente estimulante como para intentar facer unha película deste xeito.
A orquestra crea nove pezas, cada unha inspirada nun capítulo do I Ching, aleatoriamente emparellado con ilustracións de Castelao. Por que xuntar o I Ching coas ilustracións de Castelao? E ambos coa orquestra?
O I Ching é un antigo libro oracular chinés ao que cheguei a través de John Cage. El usaba o I Ching para tomar certas decisións creativas durante o proceso de composición dalgunhas das súas obras de música aleatoria. De John Cage tomei prestado este recurso ao que lle sumei ilustracións de Castelao seleccionadas co mesmo procedemento co que son sorteados os capítulos do I Ching na tradición divinatoria chinesa. O diálogo entre Castelao e o I Ching resultou sorprendente. Este binomio tiña a función de servir como referencia para inspirar tanto a música como o guión.
Gravas unha orquestra de improvisación nunha película construída como unha peza colectiva na que tamén se vai improvisando. Como foi o proceso de escrita do guión?
“Esta orquestra é doutro planeta”
O guión tomou a súa estrutura dese sorteo. De aí saíron os nove grandes movementos narrativos que definiron cada capítulo. Despois chegou a música. Recordo o día de gravación coa orquestra como un dos días máis bonitos de todo o proceso. Esta orquestra é doutro planeta. A música que gravaron aquel día axudou a debuxar as historias concretas. A través das melodías, ritmos, atmosferas conseguín sacar temas moi persoais, nalgúns casos dolorosos, nun proceso cicatrizante que ten moito que ver coa lectura global da película. Esas historias conformaron unha versión de guión sobre a que poder organizar a rodaxe. O proceso de reescrita continuou na rodaxe deixando que as actrices transformasen o texto para facelo medrar e non rematou ata a montaxe e posprodución. Foi sempre un proceso aberto.
Desde o primeiro momento destaca a beleza das localizacións, dos espazos, aínda que moitas veces aparecen tratados de xeito que non son moi recoñecibles. Que papel cumpren os espazos neste filme? (Por exemplo, a illa de San Simón).
Na miña cabeza funcionaba a idea de que as integrantes da orquestra eran unha especie de arqueólogas sonoras. A través da súa música recuperaban historias do pasado. Como se a través do son, da pegada que deixaron as ondas sonoras, puidésemos revelar certas historias ocultas. Nesta formulación tivo moita forza a propia Illa de San Simón e a súa enseada. Un espazo cargado de historias terribles que revelan quen somos e de onde vimos pero cara o que non interesa mirar.
O filme chámase 9 fugas e relata, dalgún xeito, outras tantas fugas. Nese sentido cobran especial relevancia o misterio, o medo, a angustia, o desexo de liberdade ou os abusos de poder en diferentes formas. De que xeito é esta película unha historia sobre o abuso de poder?
“Todo sucede pola existencia dun poder represor e censurador que trata de mergullar todo aquilo que considera molesto ou nocivo”
9 Fugas ten no abuso de poder unha especie de motor. Todo sucede pola existencia dun poder represor e censurador que trata de mergullar todo aquilo que considera molesto ou nocivo. Isto funciona no plano persoal e íntimo do mesmo xeito que no colectivo. Na intimidade tamén podemos ser represores de nós mesmos ata puntos patolóxicos.
O filme fala tamén do tempo, da relación entre presente, pasado e futuro. E conéctaos a través do soño ou da memoria (o alzheimer, a illa de san Simón…). De que xeito quere conectar 9 fugas a memoria individual e a colectiva?
O meu pai padece alzheimer dende hai anos. Cando empezaba con esta película adicaba moito tempo a pensar nesa enfermidade e os seus efectos. Pareceume interesante poñer en paralelo a memoria colectiva e a memoria individual e como nos enfrontamos coa dor neses dous ámbitos cos seus traumas e as súas patoloxías. Interesábame facer unha película de capas e que esas capas puidesen estar conectadas entre si facendo unha especie de comparativa entre o colectivo e o individual, así como entre os diferentes planos temporais.
En cada un dos capítulos a música é tan importante como a imaxe ou os diálogos para crear unha sensación desacougante, ás veces abafadora. Que papel querías que xogase, a nivel narrativo, a música?
“Interésame moito a función da música como elemento que nos axuda a transportarnos entre dimensións temporais”
A música xoga moitos papeis narrativos pero hai un que é un chisco diferente ao que adoitamos ver nas películas. 9 Fugas amosa o propio proceso de creación da banda sonora e intégrao na propia trama. Dalgún xeito, a propia música é a narradora. Para conseguir que esta función quede integrada na historia, é moi importante como a orquestra recrea algúns dos sons da ficción a través dos instrumentos musicais.
Creo que o público entende esa relación dende o principio, cando o son dos amarres dos barcos e creado co contrabaixo, ou as gaivotas co cello. Por outra parte, interésame moito a función da música como elemento que nos axuda a transportarnos entre dimensións temporais ou que, como di Levi Strauss, suprime o tempo.
Son importantes os palíndromos e os xogos de palabras. A propia estrutura da película ten algo de palíndromo. Por que esa relevancia do palíndromo? Por que unha estrutura con liñas de fuga, como o título?
Os xogos de palabras e os palíndromos evocan tamén eses elementos que parecen ir en contra da linealidade temporal. Tamén existe esa vocación de xogo da que falaba ao comezo ao construír a película empezando pola banda sonora. En certo sentido, é facer a película empezando polo final, como se fose un palíndromo.
Un dos eixes da película é a historia de Cora, que aparece fragmentada, desdobrada a través de distintas actrices e contada alterando a orde cronolóxica, de xeito que as pezas do puzzle só encaixan ao final. Mais en realidade a película pode interpretarse como un conxunto de historias independentes ou como os distintos planos e tempos dunha mesma historia. A túa idea é que o espectador escolla ao respecto?
Prefiro, ao respecto, que escolla o público.
O momento quizais máis filosófico da película é a conversa da ambulancia, na que se fala das dimensións do tempo, dos soños, da intuición ou do machismo. E aí condénsase en boa medida boa parte do fondo argumental da película -o machismo, por exemplo, leva a algo terrible-. Por que presentalo así?
A escena da ambulancia é unha peza central. Dalgún modo, esa ambulancia está fóra do tempo do filme, ou atravésao como unha maquina do tempo. Formula moitos dos temas que atravesan a película pero ao mesmo tempo é o momento máis lixeiro e divertido. Gústame ese contraste.
Teñen importancia na película espazos que parecen simbólicos coma o túnel -relacionado coa fuxida- ou a ponte -relacionada quizais coa liberdade-. En moitos deles reina a escuridade. Que papel xoga na narración da historia o tratamento da cor, a escuridade?
“Un dos temas principais da película é a ocultación”
É unha película particularmente escura, si. Un dos temas principais da película é a ocultación. Preséntase unha dualidade entre os ocultos e os desaparecidos, por exemplo, habitantes todos da escuridade. O océano tamén ten unha forte presencia na película como un espazo sen memoria ou na que esa memoria está mergullada.
Unha das personaxes fírese na lingua e queda sen fala. A súa historia, que conta a película, quedara silenciada, como o foi a dos presos de San Simón. En que sentido fala esta película tamén do silencio?
9 Fugas fala do silencio, pero máis do silenciamento, dese silencio deliberado. De novo, ese silenciamento atopámolo tanto no plano individual como no colectivo.