Nace Kalandraka TV, unha "fiestra aberta" ao libro infantil e xuvenil

Kalandraka TV Dominio Público Praza Pública

Hai vinte anos, en 1998, saía do prelo a primeira edición d'O coelliño branco, a obra de Xosé Ballesteros que adaptou un conto tradicional portugués. As ilustracións do libro, de Óscar Villán, gañaron o Premio Nacional de Ilustración ao ano seguinte, un pulo fundamental para unha editoral que naquela altura daba os seus primeiros pasos, Kalandraka. Dúas décadas despois O coelliño brancos xa conta co agarimo de varias xeracións de nenas e nenos en Galicia e fóra dela e Kalandraka é unha referencia internacional na literatura infantil e xuvenil.

Estas historias, a d'O coelliño branco e a da propia editorial Kalandraka, son só dúas das moitas que xa fan parte da programación de Kalandraka TV, a canle de televisión que vén de botar a andar cos seus primeiros contidos xa publicados. Despois de vinte anos de traballo, explica o tamén director da editorial, Xosé Ballesteros, a aposta é "abrir unha fiestra" audiovisual á literatura infantil e xuvenil dirixida ao público lector, pero tamén a profesionais do sector do libro, persoal docente e entidades e institucións implicadas na animación á lectura. Trátase, di, de "espertar o interese pola lectura" tamén dende internet.

Coas "raíces no país" e no galego e con pólas por todo o mundo, este "proxecto en construción" ofrece unha grella cunha ducia de seccións en actualización baixo a presentación de Beatriz Campos e con José Miguel Sagüillo á fronte da realización. Así, por exemplo, o apartado de crónicas achegará reportaxes monográficas sobre o mundo da literatura infantil e xuvenil. A primeira debulla, precisamente, a historia d'O coelliño branco e con ela, en certo xeito, a da propia editorial con sede en Pontevedra.

No seu vixésimo aniversario Kalandraka medra tamén no audiovisual e no dixital para, dende estas linguaxes e soportes, atraer a rapazada cara ás aventuras e personaxes dos seus libros

En Puntos cardinais a audiencia de Kalandraka TV atopará achegamentos á traxectoria profesional e vital de "referentes" da LIX co ilustrador italiano Roberto Inoccenti como primeiro protagonista. Atelier é unha fiestra, pero tamén unha porta cara aos obradoiros de artistas como Xosé Cobas, Marc Caeger ou Kiko da Silva, que amosan ao público a intimidade do proceso creativo. Dúas olladas, con diálogos entre autores e ilustradores sobre un mesmo libro, Libros para soñar, coas últimas novidades de Kalandraka ou Onde habitan os libros, con visitas a espazos nos que o libro é protagonista, como librarías e bibliotecas, son tamén parte dunha oferta na que non faltan os booktrailers e as recomendacións, propostas de lectura -de Kalandraka ou doutras editoras- de profesionais do libro, pero tamén de nenas e nenos.

Un equipo de Kalandraka TV, nunha gravación de 'Dúas Olladas' con Xosé Manuel González ‘Oli’ e Ramón Trigo.

Formación e divulgación, pero tamén espallamento da LIX galega e internacional alén de datas sinaladas como o Nadal, son as cartas de presentación dun proxecto que ten tamén un aquel de "servizo á comunidade", subliñou Ballesteros na presentación de Kalandraka TV para os medios de comunicación en Pontevedra. A nova canle quere ser punto de encontro, de experiencias compartidas en torno aos libros infantís e xuvenís e tamén repositorio de voces de referencia neste ámbito. Nun contexto no que o libro galego segue "á intemperie" no que atinxe ao apoio da Xunta, lamenta, Kalandraka medra tamén no audiovisual e no dixital para, dende estas linguaxes e soportes, atraer a rapazada cara ás aventuras e personaxes dos seus libros. 

Gravación dunha das primeiras pezas de Kalandraka TV © Kalandraka

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.