Vén de nacer Léocho?, a primeira editorial de audiolibros en galego, que parte cun catálogo de dez obras do Rexurdimento galego, con prezos entre os 6 e os 12 euros
Nos últimos anos vén facéndose cada vez máis popular a escoita de audiolibros. Persoas de todas as idades achéganse á literatura deste xeito, ben por non ter tempo para ler, ben por ter dificultades para facelo, ben polo propio pracer de seguir un texto a través das voces de locutores profesionais. Porén, ata agora o catálogo de audiolibros en galego é practicamente inexistente. Ata agora.
Vén de nacer Léocho?, a primeira editorial de audiolibros en galego, que parte cun catálogo de dez obras do Rexurdimento galego, con prezos entre os 6 e os 12 euros. A iniciativa está impulsada polo xornalista e locutor Ramón Romero Nogueira, coa colaboración da filóloga galega Silvia Fernández Chaves.
"Trátase dun mercado en auxe, ao igual que o dos podcast, pero démonos conta de que non había audiolibros en galego, mentres que si hai unha oferta moi grande en castelán. E vimos, ademais, que había demanda de audiolibros en galego, a xente pedíaos nas redes sociais"
As obras que xa se poden escoitar e adquirir son A tecedeira de Bonaval de Antonio López Ferreiro, o Catecismo do labrego de Valentín Lamas Carvajal, Aires da miña terra e O divino sainete de Curros Enríquez, Maxina ou a filla espúrea de Marcial Valladares, Cantares gallegos e Follas Novas de Rosalía de Castro, Follatos de Filomena Dato, Proel/O Galo de Luis Amado Carballo, e Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal. Con duracións que van dende algo menos dunha hora a máis de seis, para todas as obras do catálogo pódese escoitar previamente unha mostra da súa narración.
Ramón Romero leva anos locutando audiolibros en castelán para outras empresas. "Trátase dun mercado en auxe, ao igual que o dos podcast, pero démonos conta de que non había audiolibros en galego, mentres que si hai unha oferta moi grande en castelán", di. "E vimos, ademais, que había demanda de audiolibros en galego, a xente pedíaos nas redes sociais. Así que pouco a pouco fomos dándolle forma", engade.
"O target de idade dos audiolibros é moi amplo: dende adolescentes a persoas maiores, pasando por todas as xeracións intermedias", comenta Romero a partir da súa experiencia no sector
"Todo isto comezou, como idea, durante o confinamento, un momento no que facíamos todo a través dunha pantalla, sobre todo consumir entretemento. Aí vimos que dende a túa casa cun ordenador, unha tarxeta de son, un micro podías chegar a calquera parte do mundo", explica.
"O target de idade dos audiolibros é moi amplo: dende adolescentes a persoas maiores, pasando por todas as xeracións intermedias", comenta Romero a partir da súa experiencia no sector. Aí están persoas que non teñen tempo para ler, outras que atopan dificultades físicas para facelo, unhas que escoitan os audiolibros no coche, tren ou na praia e tamén quen os pon de fondo mentres traballa, coida a horta ou limpa a casa, ao igual que se escoita música ou a radio.
Como é o proceso de gravación dun audiolibro? Canto tempo leva? "É un proceso longo e complexo, aínda que varía bastante dunhas obras a outras, de se é poesía ou prosa, de se ten unha lingua máis ou menos complexa e tamén da súa duración"
Como é o proceso de gravación dun audiolibro? Canto tempo leva? "É un proceso longo e complexo, aínda que varía bastante dunhas obras a outras, de se é poesía ou prosa, de se ten unha lingua máis ou menos complexa e tamén da súa duración", comenta Ramón Romero. "Por exemplo, no catálogo temos libros dunha hora de duración que se cadra levou dous ou tres días gravar. Pero tamén temos A tecedeira de Bonaval, cunha duración de máis de seis horas, que leva días e días e días", explica.
"O primeiro que facemos é ler e analizar o texto, estudar a pronuncia dalgúns estranxeirismos, se os ten... Comeza a gravación e o proceso dura máis ou menos dependendo dos erros que cometas. Despois vén o proceso de edición, onde se cortan os erros, repítense cousas e se limpa o son. Finalmente, escoitamos o libro como se fósemos o público potencial, e facémolo ademais a distintas velocidade. E aí facemos novas correccións antes da dixitalización final", di.
"O obxectivo é engadir títulos o máis actuais posible e oxalá poidamos chegar a ter a Manuel Rivas, Suso de Toro, Ledicia Costas ou Berta Dávila", di
Léocho? parte cun catálogo conformado por dez obras do Rexurdimento, debido a que son obras que están en dominio público, reducindo moito os custos de produción para a empresa que vén de nacer, de pequeno tamaño. Pero, ademais, Ramón Romero indica que "queremos darlle un oco ás obras dese tempo". Unha vez que a iniciativa bote a andar e en función da resposta que teña do público, Léocho? buscará ampliar o seu catálogo con obras e autores contemporáneos.
"Pouco a pouco imos ir ampliando o catálogo con novas obras, comezando primeiro con libros publicados nas primeiras décadas do século XX", destaca o responsable da empresa, que xa anticipa que está a ultimar a gravación de O castelo de Pambre, de Antonio López Ferreiro, ademais doutros títulos que xa están a estudar. "O obxectivo é engadir títulos o máis actuais posible e oxalá poidamos chegar a ter a Manuel Rivas, Suso de Toro, Ledicia Costas ou Berta Dávila", di.