Nace o Premio Laudamuco, con Vidal Bolaño no recordo, para apoiar a creación de textos teatrais en galego

Presentación do premio, este martes en Brión Dominio Público Praza Pública

O 16 de maio de 1978 estreouse en Compostela Laudamuco, señor de ningures, considerado o momento fundacional do teatro profesional galego. A obra de Roberto Vidal Bolaño recibira en 1976 o Premio Abrente e trala súa estrea no Colexio La Salle por parte da compañía Antroido sumou 90 representacións, un completo éxito de público tanto dentro como fóra de Galicia. Agora a obra dará nome a un novo galardón de textos teatrais en galego, o Premio Laudamuco, que veñen de poñer en marcha o Concello de Brión, a Academia Galega do Teatro e Edicións Positivas, e que terá carácter anual.

O gañador ou gañadora recibirá 7.000 euros (converténdose no premio de maior dotación de Galicia neste ámbito) e a edición do texto. A decisión do xurado darase a coñecer o vindeiro 16 de maio de 2019, conmemorando a estrea da obra de Vidal Bolaño. A data límite de envío de orixinais será o 15 de febreiro.

O premio foi presentado este martes no Consello da Cultura Galega por José Luís García, alcalde de Brión; Inma Antonio Souto, presidenta da Academia Galega de Teatro; Francisco Macías, fundador de Edicións Positivas; e Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega. O alcalde de Brión agradeceu a colaboración de ambas entidades “na creación deste Premio Laudamuco de teatro, que busca un dobre obxectivo: apoiar a creación dramática en galego e contribuír ao recoñecemento da figura de Roberto Vidal Bolaño, un mestre das palabras, a figura máis importante do teatro galego e un benquerido veciño de Brión”.

O obxectivo do premio é "estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega" e "contribuír ao recoñecemento de Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura"

O galardón tamén destaca na súa convocatoria o legado de Vidal Bolaño, subliñando que o obxectivo do premio é "estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega" e "contribuír ao recoñecemento de Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura", lembrando que a estrea de Laudamuco, señor de ningures "foi determinante para o conxunto do sistema teatral galego" e que "sen ela non se podería explicar a historia posterior do noso teatro".

 

A obra gañadora darase a coñecer no aniversario da estrea de 'Laudamuco, señor de ningures' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.