Non diga 'Casa Tomada', diga 'Nave 1839'

A 'Nave 1839' Dominio Público Nave 1839

A Casa Tomada xa ten relevo á vista. Cando en agosto os responsables deste centro social autoxestionado anunciaron o peche de actividade xa anticiparon que un novo equipo, formado por colaboradores e colaboradoras habituais do espazo, iniciaría en breve un novo proxecto, no mesmo lugar, que mantería a aposta pola difusión cultural e a intervención, de forma aberta e participativa. A Casa Tomada dixo "deica logo" o 29 de agosto, deixando un indubidable pouso na vida cultural e nos movementos sociais e artísticos da Coruña. En outubro iniciará a súa actividade Nave 1839, o novo centro social autoxestionado, "un espazo multidisciplinar, destinado a promover a cultura e as artes e entre cuxos obxectivos primarios se atopa fortalecer o tecido social do territorio no que se integra", como destacan na súa web.

O nome do centro responde á denominación que no rexistro de Adif ten o local, ubicado nos terreos da estación de tren a Coruña. "A elección deste nome tan árido" -destaca o equipo xestor do espazo- "busca subliñar un elemento que para nós é clave neste proxecto: o edificio en si mesmo, así como o seu emprazamento en terreo ferroviario". "Pensamos que as características do propio inmoble (incluído o legado de todo o traballo que o anterior equipo investiu nel) son importantes máis aló das ideas que cada novo colectivo queira imprimir sobre os seus contidos. Noutras palabras: noutro espazo quizá a viabilidade de proxectos destas características non fose posible", salientan.

"A elección deste nome tan árido busca subliñar un elemento que para nós é clave neste proxecto: o edificio en si mesmo, así como o seu emprazamento en terreo ferroviario"

Lembran, así mesmo, que ambas asociacións, a que xestionaba a Casa Tomada e a que xestionará Nave 1839, "acordamos utilizar un nome diferente para distinguir aquel proxecto, coas súas características e personalidade, deste, conformado por un novo equipo cos seus propios intereses e criterios". "O equipo da Casa Tomada decidiu disolverse por diversos motivos, e varios dos colaboradores de dito equipo, e outra xente moi próxima a nós e á propia Casa, decatámonos de que non podíamos deixar esmorecer este espazo tan estupendo e que con tanto esforzo e agarimo levantaron os nosos antecesores. A vinculación sentimental ó propio espazo e moi importante, pero aínda máis importante o son as ganas de seguir aportando o noso gran de area á creación e mantemento dun circuíto cultural alternativo e autoxestionado que cremos que é moi necesario no país", destacan a xeito de presentación. Salientan, así mesmo, a ausencia de "fins comerciais nin ánimo de lucro" no proxecto, no que ningún dos seus xestores ou colaboradores percibe remuneración ningunha,

"Consideramos que a xestión do equipo anterior foi impecable, máis tendo en conta o que supón enfrontarse por primeira vez a un reto tan grande como é a creación e xestión dunha asociación cultural destas características"

"Consideramos que a xestión do equipo anterior foi impecable, máis tendo en conta o que supón enfrontarse por primeira vez a un reto tan grande como é a creación e xestión dunha asociación cultural destas características", sinalan. "Esperamos facelo cando menos a metade de ben que os nosos predecesores, que conduciron o espazo de maneira exemplar durante os seus dous anos de percorrido e sentaron as bases para que todo isto e moito máis sexa posible", engaden.

"Queremos abrirnos a todo tipo de actividades e que o centro sexa o máis multidisciplinar posible"

Que se manterá e que cambiará nesta nova etapa? "Practicamente o concepto é o mesmo. Analizamos os erros cometidos e intentaremos que non volvan ocorrer. Así mesmo quedamos con todo o bo que aprendemos ó longo destes anos de colaboración na Casa Tomada. Mantemos o espírito de centro social aberto e participativo co que se iniciou o anterior proxecto, e agardamos que o abano de actividades que se realicen a partir de agora sexa tanto ou máis variado do que viña sendo ata o momento", explican.

"Xa estamos traballando para pechar algúns eventos, a maior parte deles musicais", anticipan, subliñando que "queremos abrirnos a todo tipo de actividades e que o centro sexa o máis multidisciplinar posible". Nave 1839 "non é baixo ningún concepto unha sala de concertos, dado que non é un negocio e que a súa vocación é organizar e acoller propostas de diversas naturezas (obradoiros, cineclube, charlas, etc)", sinalan.

"Hai certas artes, culturas ou actividades, que por minoritarias, ou por radicais no sentido estrito da palabra, non teñen cabida noutros lugares"

Destacan que na Coruña "se están creando e consolidando iniciativas moi interesantes como pode ser o Autobán". "Nós, dende o noso recunchiño, trataremos de contribuír á diversificación cultural desta marabillosa cidade e apoiaremos todo aquelo no que creamos", engaden. Salientan a importancia de que existan este tipo de centros autoxestionados. "Aquí en Galicia á xente parécelle algo moi innovador, pero é algo que ten unha longa tradición noutros países europeos e que xa se viña facendo en moitos lugares da Península", comentan. "O exemplo máis claro é o Arrebato en Zaragoza, que levan 20 anos de actividade xa. Tamén La Faena en Madrid. Hai certas artes, culturas ou actividades, que por minoritarias, ou por radicais no sentido estrito da palabra, non teñen cabida noutros lugares", din.

"Non nos parece de recibo quedar quedos laiándonos do que podería ser e non é. Optamos pola acción porque non coñecemos outra forma de ser"

"En xeral a acción voluntaria está mal vista por unha gran parte da nosa sociedade. Ocorre todo o contrario noutros países máis desenvolvidos, onde as comunidades implícanse voluntariamente na xestión e desenvolvemento do seu territorio", afirman. Porén, "a nós non nos parece de recibo quedar quedos laiándonos do que podería ser e non é. Optamos pola acción porque non coñecemos outra forma de ser", conclúen. 

A 'Nave 1839' Dominio Público Nave 1839
O novo espazo iniciará en outubro a súa actividade Dominio Público Nave 1839

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.