"Non me interesa dar imaxe de escritor sufrinte que iso tamén é, á fin e ao cabo, outro tópico"

Eduardo Estévez Dominio Público Praza Pública

O poeta Eduardo Estévez vén de publicar, con Estaleiro, entrar na casa. Unha obra a catro mans, que asina co fotógrafo Ignacio Castro, sobre as pegadas das persoas nos espazos que habitan. Sobre a nosa relación coa memoria, coa perda. Co tempo. Sobre a poesía como aquilo que non se di pero que está. Falamos con el.

entrar na casa é froito dun encontro co fotógrafo Ignacio Castro. Como foi?

Ignacio Castro leu o meu libro construcións e viu que había unha relación entre a súa e a miña forma de mirar. Levo tempo dándolle voltas ao tema de mirar dunha maneira diferente. Interésame moito a literatura militante, que a verdade é que envexo, pero a min non me sae. Pois a maneira que atopei de facer algo semellante foi esa: tentar mirar as cousas desde outra perspectiva. Non para levar a mirada dos demais á miña, senón co obxectivo de que o lector se decate de que hai outras formas de mirar. En construcións facía iso mirando aos pequenos detalles. Porque mirar o detalle pode ser outro xeito de ver o total, o xeral.

Pois Ignacio Castro envioume unha ligazón para que puidese ver as súas fotos. Intercambiamos varios correos e unha vez e díxenlle que un día podiamos facer algo xuntos. Nunha semana respondeu: facemos? E así foi. Establecemos un diálogo do que o libro é resultado. Non é un libro de poemas con fotos nin un libro de fotos glosadas con textos. Eu escribín textos a partir de fotos, el fixo fotos a partir de textos… e os dous intervimos no que facía o outro. El orientaba os meus textos e eu as súas fotos.

Comentas no teu blog que o libro foi rexeitado nas editoras grandes.

Non é un libro para mandar a premios. As editoras grandes teñen estruturas ríxidas. É difícil que se saian da súa maneira habitual de facer as cousas. Non é só unha cuestión económica. É moi complicado que saian das coleccións que teñen prefiguradas. As editoras máis grandes non poden deixar de publicar poesía, non poden permitirse iso, pero tampouco lle ven posibilidades de negocio.

Mirei tamén nas editoras pequenas, e polo menos responderon. Case a totalidade dixo que o libro lle gustaba pero que non podía publicalo ou non podía facelo sen axuda. Ata que apareceu Estaleiro, que asumiu o risco, eu creo que sen pensar moito na dificultade que ía supoñer publicalo. E eu recoñézolles moito o esforzo que fixeron nese sentido. Quedou un libro moi digno.

As editoras máis grandes non poden deixar de publicar poesía, non poden permitirse iso, pero tampouco lle ven posibilidades de negocio

O libro fala das pegadas das persoas que habitan as casas. De memoria, de perda, de ausencia, de soidade…

Son os temas de sempre da poesía, pero eu tento tratalos dun xeito desdramatizado. Sempre digo que a nostalxia está ben, porque supón lembrar momentos nos que fomos felices. E non porque no presente non o sexamos. Se botamos de menos algo é porque foi bo. E eu tento non ser un poeta chorón. De todas maneiras, o libro partiu dunha historia, que despois é verdade que quedou desdebuxada. Un tipo entra na súa casa e atopa fotos que sabe que son da súa casa, pero do futuro. É como un libro de ciencia-ficción. As fotos danlle a pauta para imaxinar, para construír historias situadas entre o seu tempo e o seu futuro, mirando as fotos.

Xunto á perda, que tamén parece que mira ao pasado, está o desexo, que se cadra olla ao futuro.

É que na segunda parte do libro hai unha historia de amor, pero isto é secundario. El imaxina a historia dunha muller que entra na súa vida. Así, pode imaxinar unha historia que xa pasou, pero que no seu tempo aínda non pasou. É unha situación ideal: entras nunha historia que xa pasou pero que podes imaxinar totalmente. Ademais, o home está só na casa.

Malia que na portada haxa unha porta con dúas chaves, que despois non aparece no interior. As dúas chaves son estrañas porque el está só. Nun principio non ía ir esa foto, pero despois escollémola. Alba Viñas foi a editora. Deulle moito traballo. Espero que non se arrepentise! É verdade que é un libro sobre a memoria, a soidade, os ocos. Pero sobre todo sobre as pegadas, os rastros. Nas fotos non se ven persoas, pero intúense. Son os rastros das persoas nas casas que habitan.

É verdade que é un libro sobre a memoria, a soidade, os ocos. Pero sobre todo sobre as pegadas, os rastros

“E as persoas e a felicidade e mais/ desas fisuras/ fáisenos a vida”, di un dos versos. Por que?

Ese poema fala dos detalles inconexos. A paisaxe non é continua, sen detalles. Nos ocos, nas fisuras, está a vida. É como nos poemas. O importante son os espazos entre as cousas. A poesía, como falaba estes días cun amigo, é o que non contas pero está aí. O lector pode encher os espazos, os ocos do que ti non dis. Eu quero sempre facer unha poesía clara, que poida entender todo o mundo. Cunha mensaxe clara, que o lector poida levar ao seu terreo. O que non está no texto o lector pode enchelo coa súa forma de ver o mundo. E a poesía é iso: recepción, comunicación. Detalles, ocos, fragmentos.

“A memoria é/ a borralla que o esquecemento/ abandona”, di outro verso.

Iso vai nun sentido semellante ao que xa dixen… Aínda que eu creo que a memoria é unha ficción. Desde o punto de vista político, é claro que é unha construción. E desde o punto de vista persoal tamén. É o que nos gustaría pensar que pasou. E tamén é os rastros que deixou en nós a outra xente.

Eu creo que a memoria é unha ficción

Por que a idea da construción sae tanto na túa obra, entón?

Eu penso moito en como fago o que fago. Interésame moito o proceso, a construción. E tamén a construción que cada un fai de si mesmo. Interésanme os procesos máis que os resultados. Desfruto moito co proceso de construción dos libros. Agora estou co proxeto de baleas, que creo que é un dos mellores libros que escribín. É un work-in-progress que fun publicando en internet, con todas as versións de todos os poemas. Se cadra o publico tamén en papel.

Compartiches o proceso de creación de de baleas no teu blog: todos os cambios, descartes e rescates de versos... Por que?

Hai moitas razóns e seguramente todas teñan parte na decisión. Por unha banda, xa che comentaba o meu interese polos procesos, case máis que polos resultados. Tamén está o feito de explorar as posibilidades da rede para construír obxectos e, á fin e ao cabo, un proxecto "en construción" é un obxecto en si mesmo con particularidades interesantes. Ademais, procuraba as opinións dos lectores e lectoras: eu crieime como escritor nun obradoiro literario e sigo a ter certa dependencia das lecturas dos otros durante o proceso de escrita e, sobre todo, de revisión.

Eu crieime como escritor nun obradoiro literario

Por que a metáfora da balea? Este libro é unha especie de amábel rendición de contas dos anos que pasei en Arxentina", dis. En que sentido?

A balea gústame como imaxe das cousas feitas con vagar. Paréceme un ser poderoso e, á vez, feble. E navegante. En realidade, no libro é case unha escusa. Nalgúns poemas si que é o centro pero en moitos non é máis que unha referencia para manter a unidade do conxunto. A rendición de contas da que falas é máis complicada de explicar: cando eu tomei a decisión consciente de facer todo o posíbel por integrarme aquí, dalgún xeito fixen unha renuncia ás ligazóns que mantiña coa cultura de meu. Durante anos eludín canto puiden as referencias e as relacións con Arxentina. Pero iso todo estaba aí e, nun punto, fíxoseme máis evidente e decidín poñelo nun libro. En realidade cando decido escribir un libro -este ou calquera outro- hai unha razón máis de fondo e ás veces máis difusa que ten máis que ver cunha paleta de cores coa que quero traballar e, sobre todo, cunhas ideas ou reflexións sobre as que me interesa aprofundar. As baleas son unha escusa.

En construcións hai varios encontros que non chegan a producirse ou consolidarse. Todo queda nunha sorte de posibilidade que non chega a realizarse. Por que?

Outra volta os procesos. É certo que no libro hai encontros que fracasan expresamente pero en realidade cando falo dun encontro posíbel o que menos me interesa é o encontro e prefiro centrarme no transcurso até alí. Tanto ten, en xeral, se o encontro ten lugar ou non. Iso é anecdótico. Ademais, o éxito ou o fracaso do encontro pecharían o texto e eses ocos prefiro que se enchan no momento da lectura. E aforro ter que decidirme por un final feliz ou por un final amargo. Evito aquel polo tópico e este porque non me interesa dar imaxe de escritor sufrinte que iso tamén é, á fin e ao cabo, outro tópico.

Cando falo dun encontro posíbel o que menos me interesa é o encontro e prefiro centrarme no transcurso até alí

"A memoria é un instante/ de acougo", di Derrotas. Por que é tan recorrente nos teus poemas o tema da memoria?

As derrotas do título non son fracasos senón singraduras. Unha e outra vez falamos de traxectorias, de procesos. Nós estamos feitos das cousas que nos pasan, como a casa do último libro. Estamos feitos de pegadas do tempo. E a memoria pénsoa como unha maneira de tentar reconstruírmonos, de construír un relato de nós mesmos. Imaxino que, en xeral, as cousas que a constrúen, a maior parte da xente tenas ao seu redor. Digamos que a cultura que nos constitúe forma parte da nosa contorna cotiá. Iso non é o meu caso ou, cando menos, non completamente. Ocórreseme agora mesmo que igual esa é unha causa posíbel desa teima miña pola memoria.

'Os veos da paisaxe' mostra outra das que, quizais, é unha das características da túa poesía, que é a presenza dos sentidos, e non sei se dicir da observación da realidade inmediata. É así?

Os veos da paisaxe en realidade é unha especie de exercicio literario a partir dun libro do poeta arxentino Eduardo Mileo. Lera o libro na adolescencia e, froito da casualidade, co paso do tempo funo relendo e foise resignificando: o tempo foille quitando ao libro de Mileo os seus veos. O meu está trazado de referencias ao de Mileo e, desde o punto de vista formal, tentei levar ao extremo ese empeño pizarnikeano pola concentración moi densa de sentido do poema nuns poucos versos.

Por Caderno apócrifo da pequena defunta pairan a morte e o desexo, a ansia... Por que? Cal era o obxectivo deste libro?

Este é o meu outro libro-exercicio. É unha homenaxe a Pizarnik e funcionou como un xeito de exorcizala. Eu aprendín a escribir poesía lendo a Alejandra Pizarnik e nun punto decidín facerlle algo así como unha homenaxe final. Collín un dos seus libros e fixen outro como se reescribise o de Pizarnik. Ademais, levaba tempo querendo poñerme a máscara dunha muller e atopei a ocasión correcta. O desexo, a ansia, a escrita, a loucura, o desacougo, non son os meus temas senón os de Pizarnik. O libro valeume para liberarme un pouco dela porque me resultaba un chisco tormentosa demais. Sigo adorando o seu xeito de pulir o poema até facelo un croio redondo e perfecto. Pero estou moi lonxe xa dos seus tormentos.

Eu aprendín a escribir poesía lendo a Alejandra Pizarnik

lúa gris ten algunha conexión con en construción: a casa, as pegadas, a ausencia... Que relación teñen? Ou a idea de lúa gris era máis ben outra?

lúa gris é o máis parecido a un libro autobiográfico. Naceu dun soño no que aparecía a casa da miña infancia pero derruída. Afortunadamente a casa segue en pé, pero a imaxe serviume de escusa para facer o libro sobre a infancia e a adolescencia. Tanto ten se o que se conta ten un correlato biográfico estrito ou non. Mirado con ollos xornalísticos hai poemas que falan de cousas que aconteceron e outros que son construcións imaxinarias. E mesmo os que falan de cousas que aconteceron son tamén construcións imaxinarias, claro...

E Só paxaros saíron desta boca? De que maneira adianta o que vén despois? Porque realmente hai conexións entre todos os libros.

Ese libro empecei a escribilo en castelán, antes de vir para Galiza. Quédame xa tan lonxe... Estaba aprendendo a escribir, diría. Eu crieime nun obradoiro literario en Buenos Aires onde aprendín moitísimo sobre a técnica do poema e deille de comer á paixón pola literatura. Despois, no meu paso por Caracas, participei doutro obradoiro no que aprendín a concisión e a honestidade do verso. Só paxaros é unha primeira tentativa de xuntar as dúas cousas. En realidade estaba aprendendo a falar. Cando premiaron o libro non o entendía. Eu tiña tamén a concurso, no mesmo premio, lúa gris e, cando me chamaron, pensei que estaban falándome de lúa gris. Até o día seguinte non se aclarou a confusión... Foi unha sorpresa enorme -sen contar con que eu levaba moi pouquiño tempo escribindo en galego- pero hoxe queda xa moi lonxe...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.