O "absurdo debate" sobre o polbo

Polbo á feira Dominio Público Praza Pública

"É unha polémica absurda e coa relevancia que se lle está a dar, con contestacións e argumentos varios, non se fai máis que conseguir o que o alcalde do Carballiño pretendía: crear un debate público sobre o que non hai nada que debater nin discutir. A palabra galega é polbo". Quen así fala é Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

A proposta feita o pasado venres polo alcalde da localidade, Argimiro Marnotes, mediante a que demandaba oficialmente á Real Academia Galega (RAG) a admisión da palabra pulpo continúa a ter un eco mediático co que para nada parecen estar de acordo os expertos. Sexa pola escaseza informativa do Nadal, for polo curioso da petición, a intención do Concello do Carballiño de oficializar a denominación castelá do polbo non deixou indiferente a ninguén.

A CTNL cre que a polémica conseguiu "crear un debate público sobre o que non hai nada que debater"

A RAG comprometeuse a avaliar o informe que lle será enviado e que levará a cabo o Instituto de Estudios Carballiñeses. Ata que os académicos expertos en lexicografía o fagan, a directiva prefire non pronunciarse sobre o seu parecer. Algúns dos encargados de avaliar a proposta chegada do Carballiño insisten en non amosar a súa opinión como técnicos malia "ter clara a postura". "Mellor agardar a que se discuta para non crear confusión", di un dos membros da Academia consultados por Praza, que coincide con outros compañeiros en evitar darlle máis relevancia a un tema que non lles parece que a teña. A decisión, en todo caso, semella clara: o molusco mariño cefalópodo sen cuncha e oito tentáculos chámase 'polbo'.

"Nin se me pasa pola cabeza que a RAG medite tan sequera aceptar pulpo; sería inconcebible e estou seguro de que non vai ser así", engade Nel Vidal, da CTNL, que coincide coa Mesa pola Normalización, que xa advertiu de que "por esta regra que pretende sacarse do peto o señor Marnotes, habería que pedirlle á Academia que oficialice centos de vocábulos que se foron introducindo na nosa fala após ser o castelán a única e obrigada lingua oficial no Estado español".

A RAG prefire non pronunciarse até que o fagan os seus expertos en lexicografía, que tampouco queren avivar este debate

"Certo é que se emprega popularmente pola maioría da poboación a palabra pulpo, pero por mor da presión do castelán, igual que moitas outras palabras, e iso non quere dicir que deban ser aceptadas pola RAG", engade Nel Vidal, que lembra que "a lingua é dinámica e vai cambiando" e asumindo "novas palabras para novos conceptos". "Pero este non é un novo concepto nin debe ser incorporada porque xa hai unha palabra galega", insiste. 

"É ben seguro que se se poñen a estudar máis a fondo tamén van descubrir que a maioría dos carballiñeses e carballiñesas din calle en vez de rúa, carretera en vez de estrada ou sartén en lugar de tixola", lembraba A Mesa, que desconfía se estas "serán estas propostas que acompañen á de pulpo" nos vindeiros meses. A agrupación do PSdeG no Carballiño, pola súa banda, cualificou a reivindicación do alcalde de "ridícula e inapropiada" e advertiu de que, "a este paso, Marnotes rebautizará a localidade como El Roblecito". "É un acto de ignorancia moi atrevida", conclúe.

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, no centro © Concello do Carballiño
Cartaz do 50 aniversario da 'Festa do Pulpo' do Carballiño Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.